Héctor Anllo

Unha ducia de motivos para non perder Eurovisión 2014

Malia que xa levamos uns cantos días de semana eurovisiva e xa van aló as dúas semifinais, aínda estás a tempo de non perder a final do Festival de Eurovisión 2014, que se celebra este sábado ás 21:00 en Copenhague, e que poderás ver na 1 de TVE ou na túa páxina web de streaming de confianza. Se non estiveches atento ás semifinais do martes e do xoves ou simplemente non tiveches tempo de seguir as últimas novidades da edición deste ano, que saibas que tes máis dun motivo para non perder un dos acontecementos musicais máis esperados do ano… Tes unha ducia!

  1. 01

    Os temazos

    Alén das baladas e dos temas máis indie, en Eurovisión sempre hai espazo para os temazos, aquelas cancións que cos primeiros acordes fan que chimpes do sofá para botar un baile ou que fan non deixes de cantar. Mais moi j'voulais une moustache/Une moustache, une moustache/I wanna have a moustache. Con este retrouso tan apegadizo a un ritmo que recorda a Stromae e mailo seu Papaoutai e un videoclip con máis cores fluor ca un videoclip de Yelle, chega a canción dos franceses Twin Twin, que pasa directamente á final de Eurovisión por pertencer ao selecto club do Big 5 (os 5 países que máis cartos aportan á UER: Alemaña, España, Italia, o Reino Unido e mais Francia). Nesta selección (persoal) tamén se atopa a grega "Rise Up”, un título do máis discotequeiro, que se postula como candidata a soar nas discotecas de toda Europa.

  2. 02

    O evento

    Quinielas, apostas, ceas temáticas por países, euroguateques, xogos de beber… O festival de Eurovisión é, históricamente, unha data perfecta para facer unha boa xuntanza de amigos (ou familiar, que caramba!). O espectáculo musical e, especialmente as votacións, aseguran unha noite de diversión e emocións que incluso pode superar a unha noite de Oscars. E como o festival acaba relativamente cedo… Ao rematar aínda podes saír de ruada a pedir eurotemazos! Se non teñen os deste ano, sempre podes tirar dos clásicos: ABBA, Ivi Adamou, Cliff Richard, Ruslana

  3. 03

    Os buenochos

    Se Eurovisión fose un concurso de modelos masculinos ou buenochos, seguro que a maioría dos 12 points acabaría caendo nos marcadores de Suíza, Hungría ou Holanda. Os asubíos e mailo sorriso de Sebalter (ou Sebastiano Paù-Lessi, que é como o coñecen na súa casa), o pseudo dubstep do húngaro András Kállay-Saunders (fillo dunha modelo e dun produtor musical) ou o sombreiro do cantante indie holandés Waylon (50% do dúo The Common Linnets) seguro que conquistarán a máis dun telespectador.

  4. 04

    As buenochas

    Nas particulares quinielas das revistas masculinas Ucraína, Azerbaixán ou Italia parten como grandes favoritas. E non, non estou a falar dos resultados das casas de apostas. A ucraína Mariya Yaremchuk, a azerbaixana Dilara Kazimova e maila italiana Emma Marrone son, segundo os fans, tres das representantes máis buenochas de Eurovisión 2014.

  5. 05

    A muller barbuda

    Conchita Wurst é, sen dúbida ningunha, unha das caras máis coñecidas e polémicas desta edición do festival de Eurovisión. A representante austríaca, que se convertiu na raíña indiscutible da segunda semifinal, colleitou dende o seu nomeamento pola televisión austríaca, numerosas críticas e detractores que loitaron a toda costa para impedirlle a súa participación en Copenhague. Alén de toda a campaña na súa contra, Conchita parte como unha das favoritas para conseguir a victoria na final deste sábado. Claro que si!

  6. 06

    As divas

    Se hai un patrón de participante que se repite este ano, ese é o da diva. Son varios os países que chegan a Copenhague cunha solista como cabeza da súa delegación. Sanna Nielsen, a sueca experta en Melodifestivalens e favorita para facerse coa victoria desta edición, é un dos casos máis famosos. Ruth Lorenzo, a representante española, tamén loitará (case) en solitario por conseguir traer o festival a España por segunda vez. Este tamén é o caso de Reino Unido, que leva a Copenhague a Molly Smitten-Downes para tentar facerse co título nesta edición.

  7. 07

    Os repetidores

    Tres veces tivo que presentarse Valentina Monetta polo pequeno estado de San Marino para conseguir unha praza nunha final de Eurovisión. Coa súa canción “Maybe”, esta cantante cunha ampla experiencia no festival terá que loitar contra unha parella que tamén repite nisto de Eurovisión. Os romaneses Paula Seling e OVI volven a presentarse ao festival catro anos despois do seu “Playing with fire”. Servirá o teclado circular de OVI, ao máis puro estilo Nacho Cano, facer que Romanía gañe por primeira vez?

  8. 08

    Os frikis

    E logo este ano non ía haber frikis en Eurovisión? Se o martes non quedaches deslumbrado polas cores dos traxes dos representantes islandeses, o sábado tes unha nova oportunidade de velos no escenario. Tamén poderás ver ás representantes polacas e mailos seus traxes tradicionais, trenzas quilométricas e guiños sexuais. Peor sorte correron os letóns Aarzemnieki, que coa súa canción sobre pasteliños, non conseguiron pasar máis lonxe da primeira semifinal.

  9. 09

    Twitter

    Ver calquera programa de televisión xa non é o mesmo desde que existe Twitter, non podes imaxinar o que esta rede social pode facer por Eurovisión. Memes, comentarios con inxenio, críticas implacables, comentarios de expertos eurofans, lembranzas de temazos de anteriores edicións… O mellor de Eurovisión (moitas veces) cócese en Twitter! Este sábado cárgalle ben a batería ao teu smartphone, non te separes da túa tablet ou non lle quites vista ao teu ordenador. Se tes conta en Twitter, non esquezas seguir os hashtags oficiais #JoinUs, #eurovision ou #ESC2014. A diversión está asegurada! ;)

  10. 10

    As votacións

    Sen dúbida a parte máis emocionante de toda a noite. Unha boa forma de aprender os números e os países en inglés e en francés ou repasar a xeografía europea sen gastar cartos nunha academia de idiomas ou sacar o CD da Encarta da súa estantería. Por se non o sabías, desde hai uns anos as votacións de cada país divídense á metade entre un xurado profesional e mailos votos do público, por aquilo de evitar chanchullos políticos e amiguismos, claro. As votacións tamén sufriron algunhas modificacións para mellorar o ritmo da gala ao aumentar considerablemente o número de países participantes, pero aínda así seguirás a escoitar iso de “12 points” unhas 37 veces. Cal será o portavoz máis tróspido deste ano?

  11. 11

    Non hai claro favorito

    2014 é un ano bastante raro en canto ás apostas, xa que por primeira vez en varios anos, non é posible decidirse por un claro gañador. Como Divinity non se decantou por ningunha das cancións participantes, as casas de apostas e os expertos seguen tentando averiguar que país ten máis cartas para conseguir a maior puntuación na final deste sábado. Se nos fiamos dos portais de apostas máis populares, Armenia, Suecia e Holanda parten como principais favoritos.

  12. 12

    Portugal

    Os nosos veciños eran un dos motivos principais para ver o festival este ano. Cun retrouso máis apegadizo que moitas das cancións do verán dos anos 90, unhas coristas tan descoordenadas coma o Grupo Deseo e uns percusionistas que nos poden lembrar a calquera das orquestras que habitan nas verbenas do noso país. Así era “Quero ser tua”, a proposta eurovisiva dos portugueses, que volvían este ano ao festival de Eurovisión cargados de enerxía despois dun ano de ausencia coa canción vencedora do Festival da Canção organizado pola RTP, interpretada pola auxiliar de voo Suzy. Lamentablemente, Portugal non conseguiu pasar da primeira semifinal, pero seguro que moi pronto veremos este temazo no Luar ou en cada unha das festas galegas deste verán. Suzy, Galicia espérate cos brazos abertos!