David Lombao

Unha ducia de novas do ano

Un ano dá para moito e un ano de crise e convulsión, máis. Nos últimos doce meses pasaron moitas cousas no país e fóra del. Estas son doce das máis destacadas, pero seguro que non as únicas. Cal é a túa?

  1. 01

    O accidente de Angrois

    O serán do 24 de xullo Compostela e Galicia preparábanse para a súa festa grande cando o tren Alvia descarrilaba na xa, por desgraza, célebre curva da Grandeira, na parroquia de Angrois da capital galega. O accidente saldouse con case 80 persoas mortas e unha morea de preguntas técnicas e políticas aínda por contestar.

  2. 02

    As fotos con Marcial Dorado

    Nos últimos días de marzo o xornal El País publicaba as fotografías que, tomadas en 1995, amosan o presidente da Xunta nos seus tempos de número dous do Sergas a bordo do iate do narcotraficante Marcial Dorado. As imaxes convertéronse nun fenomenal escándalo que provocou a única comparecencia parlamentaria de Feijóo en toda a lexislatura e que erosionou a súa imaxe a nivel estatal. A oposición aínda tenta coñecer todas as relacións comerciais que o narco tivo coa Xunta ao longo dos anos.

  3. 03

    Folgas na sanidade e na educación

    A vaga de recortes e privatizacións, no caso sanitario, e a aprobación da LOMCE, no caso educativo, deron lugar a senllas folgas xerais en decembro e outubro. En Galicia esas mobilizacións sectoriais foron acompañadas con multitudinarias manifestacións nas principais localidades do país.

  4. 04

    Novos liderados en PSdeG e BNG

    Socialistas e nacionalistas elixiron en 2013 os seus segundos líderes tras perderen o Goberno da Xunta. En marzo Xavier Vence relevaba a Guillerme Vázquez á fronte do Bloque co 96% dos votos da militancia que participou na súa asemblea nacional. No caso do PSdeG, tras un longo camiño de tensións internas e adiamentos finalmente José Ramón Gómez Besteiro colleu o testemuño de Pachi Vázquez tras gañar as primarias co 77% e o Congreso Nacional co 95%.

  5. 05

    Casos de corrupción

    Tras un 2012 no que o caso Campeón foi protagonista da vida política, o Pokémon seguiu a axitar a vida municipal do país ao longo de 2013. Tras meses marcando o paso dos gobernos de Santiago (PP) e Ourense (PSdeG), aínda sumidos nas súas respectivas crises políticas, os novos compases do caso apuntan ao Concello da Coruña. No ámbito do Estado a principal trama é a que estourou tras a publicación dos coñecidos como papeis de Bárcenas, o caso de suposto financiamento irregular do PP que tería serias implicacións en Galicia. Segundo a Xunta, a cidadanía percibe prácticas corruptas por culpa da oposición.

  6. 10

    Empresas galegas á venda

    Algúns dos emblemas empresariais de Galicia pasaron en tan só uns meses a mans foráneas. A combinación de crise e mala xestión levou por diante compañías como Pescanova, o estaleiro Barreras e, sobre todo, Novagalicia Banco, esta última co engadido de representar a herdanza das antigas caixas de aforro. O que semella a venda de parte do país a prezo de saldo é, para a Xunta, a mostra da "confianza" dos "grandes investidores" estranxeiros en Galicia.

  7. 11

    A sentenza do Prestige

    Tras un proceso xudicial sen precedentes o pasado 13 de novembro, exactamente once anos despois do inicio da catástrofe, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditaminaba que, esencialmente, non houbo culpables do naufraxio do Prestige. Unha leve sanción ao capitan do barco por desobediencia foi a única consecuencia dunha sentenza que xa está recorrida e que fixo revivir o movemento Nunca Máis.

  8. 12

    Loita feminista ante a contrarreforma do aborto

    As últimas semanas do ano viñeron marcadas polo impulso do Goberno de España á súa contrarreforma da lei do aborto. O proxecto elaborado polo departamento de Alberto Ruiz-Gallardón prendeu todas as alarmas nos movementos feministas mentres que o PP defende en solitario esta modificación baseándose nunha teórica defensa da vida.