David Lombao

Unha ducia de novas máis lidas en Praza

O pasado xoves celebramos o segundo aniversario de Praza Pública. Aínda que non somos moi amigos de nos mirar ao embigo admitimos que levar a contar novas cada día dende o 1 de febreiro de 2012 é un pequeno milagre, máis aínda porque nos dedicamos profesionalmente a isto e o facemos -aínda por riba- en galego. Por iso e porque nunca vén mal repasar o feito para aprender un chisco dos acertos e moito dos erros, ollamos o que máis lestes nos nosos dous primeiros anos de vida desta Praza, que é vosa.

  1. 01

    “Os homosexuais carecen de hombría e non poden educar”

    Martes, 26 de novembro de 2013. “A sociedade está enferma e enganada pola homosexualidade, un tema do que xa non se pode opinar”, “Os homosexuais carecen de hombría e non poden educar" ou “A homosexualidade é contaxiosa”. Son algunhas das afirmacións que, segundo os seus alumnos e alumnas remite acotío o profesor da Facultade de Maxisterio da USC Domingo Neira García, que imparte a materia de Didáctica e profesión Docente. Algúns dos estudantes puxéronse en contacto coa Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida Compostela para denunciar unha situación que, aseguran, se repite dende hai anos.

  2. 02

    "Era a puta do colexio, esa que os rapaces pensaban que podían levar á cama"

    Luns. 20 de xaneiro de 2014. Emily Lindin aínda non aterrara na adolescencia cando pasou polos momentos máis difíciles da súa vida. Durante varios anos estivo no punto de mira de todos os seus compañeiros e compañeiras de colexio. A súa forma de vestir, de camiñar e de comportarse xulgábase nos corredores, nos baños e até dentro das aulas.

    En 2013, xa adulta e con aquel traumático recordo pixelado polo tempo, a muller cuxa identidade se esconde baixo o pseudónimo de Emily Lindin abriu un blog onde comparte co mundo as páxinas do diario que escribiu entón, sumida en sentimentos de inferioridade e culpa. Foi o primeiro paso dun proxecto, The Unslut Project, que promove a concienciación social para a loitar contra ese estigma que negativiza a sexualidade feminina e a converte en obxecto de insulto e acoso

  3. 03

    O Estado pagará escola privada aos nenos que queiran estudar só en castelán

    Luns 3, de decembro de 2012. O Goberno central rebenta o modelo lingüístico das comunidades bilingües. O Ministerio de Educación busca garantir que todos os alumnos do Estado poidan ser escolarizados en castelán e que as as dúas linguas oficiais nas autonomías con idioma propio sexan ofrecidas "nas distintas materias e en proporcións equilibradas".

  4. 04

    Miguel Quinteiro: "Menos mexar enriba de nós e poñernos unha capucha, fixéronnos de todo"

    Venres, 28 de setembro de 2012. Miguel Quinteiro, o activista vigués detido en Madrid nas protestas do 25S, xa está na rúa. Está en liberdade condicional e impútanselles varios delitos, incluido un de sedición. Denuncia o trato denigrante recibido na comisaria. Permanecerá en Madrid até a manifestación deste sábado pola tarde e volverá a Vigo no autobús que se despraza á capitoal do Estado para esta mobilización: "xa que non puiden usar o meu billete de volta o dia 25 úsoo agora", bromea. E conclúe: "Isto non é unha cuestión de heroes, senón unha cuestión de todos".

  5. 05

    Especial eleccións 21-O

    Outubro de 2012. O mes de outubro de 2012 foi mes de campaña electoral en Galicia. Alberto Núñez Feijóo botouse á carreira dos comicios co obxectivo de revalidar a maioría absoluta e fíxoo, mesmo ampliándola malia perder votos. As eleccións deron lugar a un Parlamento de Galicia con catro grupos, con AGE como principal novidade.

  6. 06

    "O hermetismo en España é incrible"

    Luns 26 de novembro de 2012. O luns 12 de novembro inaugurouse a nova web do Senado español, albo de críticas desde antes mesmo do seu lanzamento debido ao seu alto custo. Poucos días despois, un xoven enxeñeiro informático, con 15 anos de experiencia na web, presentou un clon da mesma web creado con software de código aberto e gratuito, polo que o prezo das licenzas se reduciu a 0 euros. O autor da iniciativa prefere manter o anonimato, para que o debate se centre no uso de software libre, mais concedeu a seguinte entrevista a Praza, na que explica as súas motivacións.

  7. 07

    Moitos heroes e algún vilán

    Xoves, 25 de xullo de 2013. O 24 de xullo de 2013 será lembrado durante moito tempo como un día de dor e de fonda tristura, polos falecidos, feridos, os seus achegado e familias. Eles e elas son as protagonistas. Tamén será lembrado polo impacto causado polo accidente nunha cidade ateigada de xente, en véspera da festa nacional de Galicia.

    E será lembrado tamén pola acción desinteresada e o traballo de moitas persoas e colectivos, dende os veciños de Angrois que asistiron aos pasaxeiros nos primeiros momentos até todos os traballadores e traballadoras dos servizos públicos: sanitarios, policia ou bombeiros, pasando polos centos de persoas que acudiron de contado ás chamadas que pedían que se realizasen doazóns de sangue.

  8. 08

    "Se neste país non te chaman facha, non es ninguén"

    Domingo, 21 de abril de 2013. O actor Manuel Manquiña recibirá no X Festival de Cans o Premio Pedrigree 2013. Ademais, o intérprete vén de estrear co Centro Dramático Galego Días sen gloria, obra de Roberto Vidal Bolaño. Falamos con Manquiña nuha longa entrevista nas que dá as súas opinións sobre Vidal Bolaño, teatro e cine,  mais tamén de crise, política, nacionalismo e lingua.

  9. 09

    O goberno de Vila de Cruces exalta as ditaduras de Franco e Primo de Rivera

    Venres, 29 de novembro de 2013. Case seis anos despois da súa aprobación, a Lei da Memoria Histórica aínda non chegou a moitos lugares públicos. Mentres algunhas institucións públicas se van desfacendo, devagar, dos derradeiros vestixios franquistas nos seus espazos públicos, xa sexa física ou simbolicamente, outras percorren o camiño contrario e, nunha inefable decisión, repoñen a simboloxía da ditadura que xa fora retirada, mesmo antes da propia lei. Isto é o que vén de acontecer en Vila de Cruces, segundo denuncia a oposición municipal.

  10. 10

    Noriega: "Son pesimista da razón e optimista da vontade"

    Domingo, 12 de febreiro de 2012. Acabouse o Bloque Nacionalista Galego tal e como o coñecemos até o de agora. A asemblea do Encontro Irmandiño vén de decidir, "por aclamación", a súa escisión do BNG. Domingo de cambios, de decisións, de "emocións" e, desde logo, dun cambio de rumbo. O destino, como recoñece o propio Beiras, depende do traballo que agora se vaia poñer en marcha. O que fica claro é que hoxe é un día "histórico" para a política galega e o nacionalismo.

  11. 11

    75 anos "do suicidio colectivo máis grande da guerra civil"

    Luns, 23 de abril de 2012. O 23 de abril de 1937 nove persoas -socialistas, anarquistas, galeguistas e comunistas- que tentaban fuxir a Francia dende o Berbés no bou Eva, perderon a vida ao seren descubertos polas autoridades fascistas. Preferiron suicidarse a entregárense. Anxo Nogueira Nogueira, Carmen Miguel Agra, Jose Losada Castelao, Manuel Rodríguez Castelao (estes dous curmáns de Castelao), Luis Álvarez González, Camilo Campos Méndez, Jose Rodríguez Lorenzo, Fernando Rodríguez Lorenzo e Manuel Martínez Marono. Eran os seus nomes, e tiñan entre 24 e 44 anos.

  12. 12

    "Cédese aldea a reformar. Prezo: 0 euros. Razón: Concello de Cortegada"

    Luns, 23 de setembro de 2013. "Cédese aldea en Ourense, a negociar e reformar. Prezo 0 €". É o encabezamento do anuncio co que o Concello de Cortegada ofrece a posibilidade de que unha persoa, empresa ou entidade se faga cargo da aldea da Barca para levar a cabo a súa rehabilitación. Ofrécea de balde (só habería que pagar os gastos de xestión) e polo de agora xa hai ao redor de mil solicitudes interesadas, segundo revela La Región. O obxectivo é que quen se faga cargo do espazo, hoxe propiedade do Concello, lle dea unha nova vida, converténdoo nunha "aldea ambiental" ou "unha nova explotación turística e de ocio". Entre as ofertas que xa se recibiron están os proxectos de construír un resort de luxo, unha clínica especializada, unha comuna hippy, un centro de fabricación de queixo ou un complexo de meditación.