As obras teñen un aquel magnético. Suscitan debates, atraen a nosa vista e mesmo foron a base dunha burbulla financeira. Adoitan ser presentadas como o divertimento preferido das persoas de avanzada idade. Ante o risco de que, "reformas estruturais mediante", ser xubilado ou xubilada pase a ser un luxo, velaquí a oportunidade de observar unhas poucas obras sen investir demasiado tempo.

  1. 01

    A Cidade da Cultura

    Fraga concibiuna coma un "soño" e, para asegurar que o monte Gaiás non espertaba do mesmo, deixou adxudicadas boa parte das obras ao perder o Goberno. O bipartito continuouna e Feijóo inaugurouna en 2011. Na actualidade funciona a medio gas e a medio facer e o Parlamento aprobou a súa paralización definitiva, o que a converte nunha obra eterna.

  2. 02

    A Praza de España de Ferrol

    A finais dos anos 90 o goberno municipal de Ferrol, dirixido polo BNG, decidiu retirar a estatua ecuestre de Franco que presidía a Praza de España da cidade dende 1967. A fin do que moitos deron en chamar "o burro a cabalo" foi o sinal de saída para as obras deste espazo público. Catro proxectos e case 20 millóns de euros despois, o actual rexedor, José Manuel Rey, asegura que o seu será o definitivo.

  3. 03

    A operación 'Muralla limpia'

    Iniciada en 1971, a Operación Muralla Limpia foi a denominación que recibiron as obras de derrubamento de todos os edificios adosados ao exterior da Muralla romana de Lugo. Os traballos supuxeron botar abaixo 72 edificacións, que lle deron ao monumento o seu aspecto actual. Realizar a mesma operación na parte interior da fortificación aínda é un reto pendente.

  4. 04

    As peonalizacións

    Fonte de escándalo habitual e malos augurios ao seren decididas, non son poucos os exemplos de peonalizacións de centros históricos que agora pouca xente defende reverter. Compostela, Lugo ou Pontevedra, por exemplo, decidiron a finais do pasado século e a principios do actual reducirlles os espazos ao coches e ensancharllos ás persoas.

  5. 05

    Do cuartel ao Parlamento

    Tras mercarllo a Xunta ao Ministerio de Defensa, o Parlamento convocou un concurso de arquitectura para transformar o compostelán Cuartel do Hórreo na sede do lexislativo galego. O gañador foi o arquitecto Manuel Reboredo, encargado de dirixir as obras. As novas instalacións estreáronse no debate de política xeral de 1989, o primeiro da historia de Galicia, coas obras aínda sen rematar.

  6. 06

    O AVE

    Centro da axenda política galega durante lustros e arma arreboladiza entre partidos e gobernos, as obras do AVE foron presentadas, durante moito tempo, como o santo graal que sacaría a Galicia do rincón da historia. Na actualidade, aínda está pendente a conexión definitiva coa Meseta, agora datada para 2018.

  7. 07

    O porto exterior da Coruña

    Iniciado en 2005 e aínda non rematado, o porto exterior da Coruña, situado en punta Langosteira (Arteixo), foi a grande aposta do ex alcalde da cidade herculina, Francisco Vázquez, e tivo apoios de múltiples cores políticas ao abeiro da catástrofe do Prestige. Os seus detractores achácanlle que está nun dos peores puntos posibles para construír un dique. As obras xa levaron por diante varias vidas de traballadores e case mil millóns de euros. Dende elas pódese ver outro porto exterior, o de Ferrol.

  8. 08

    A AP-9

    A decisión de comezar as obras da Autoestrada do Atlántico remóntase a 1973, cando lle son concedidas a Audasa. En decembro dese ano comezou a construción da súa infraestrutura máis emblemática, a ponte de Rande, no medio dunha forte oposición social. A que foi denominada como "navallada" a Galicia, polos seus efectos ambientais e socioeconómicos, segue a ser na actualidade unha das principais vías de comunicación do país. A empresa concesionaria seguirá séndoo, cando menos, ata mediados deste século.

  9. 09

    As obras electorais

    En vésperas de eleccións, especialmente municipais, o galeguísimo camión de piche adoita percorrer pistas e estradas secundarias para tapar fochancas, de cando en vez acompañado polo concelleiro ou concelleira de quenda. Unha variante deste tipo de obra é a colocación de puntos de luz.

  10. 11

    As reparadoras (e legais)

    A mediados de 2005 a subdelegación do Goberno central en Lugo, antigo Goberno civil, deixou de locer na súa fachada o escudo franquista. Foi antes de que a Lei de Memoria Histórica ordenase a retirada da simboloxía da ditadura, un precepto legal que se aplicou con desigual éxito. Así, por exemplo, na propia capital lucense un centro educativo está presidido por unha enorme vidreira co emblema do réxime de Franco.

  11. 12

    As arreboladizas

    Nunca en Galicia se falou tanto de cadeiras e reformas como na campaña electoral do ano 2009. A reforma de varias instalacións do complexo de San Caetano foi empregada polo PP de Alberto Núñez Feijóo para exemplificar o suposto gusto polo "luxo asiático" de PSdeG e BNG, "sultáns" en tempos de crise. Unha das obras criticadas foi a reforma da sala do Consello da Xunta, estreada xa polo gabinete de Feijóo para aprobar o decreto de plurilingüismo a finais de 2009.