Unha ducia de obras galardoadas na edición 2025 dos Premios COAG
Hai uns días o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) deu a coñecer as obras recoñecidas na XXI edición dos seus premios, que dende 1985 recoñecen os mellores proxectos arquitectónicos construídos do país. Entre os 18 galardóns hai obras grandes e pequenas, edificios de nova planta e rehabilitacións e tamén recoñecementos a iniciativas de planificación, deseño de espazos urbanos e de divulgación. Velaquí algúns destes proxectos e construcións. O mellor do ano na arquitectura galega.
-
01
Casa Panchés, en Carnota
Na categoría de vivenda unifamiliar, o gañador foi a Casa Panchés, construída en Carnota, na aba do Monte Pindo. Un proxecto de Iván Andrés Quintela e Óscar Andrés Quintela (Arrokabe Arquitectos)
-
02
Alto Residencial Cooperativa, en Santiago
Na categoría de vivenda plurifiamiliar, foi premiado este edificio de 34 vivendas en Santiago de Compostela (Travesía da Poza), Alto Residencial Cooperativa. Un proxecto de Manuel Carbajo e Celso Barrios, do estudio coruñés Carbajo-Barrios.
-
03
Rehabilitación da Estación de Autobuses de Pontevedra
Tamén foi premiada a rehabilitación da Estación de Autobuses de Pontevedra, unha obra que incluíu intervencións sobre espazos urbanos (a praza existente no acceso á estación liberouse de coches) e o río Gafos, que discorre paralelo á estación. Un proxecto de Manuel Vázquez Muíño.
-
04
Restauración de San Martiño Pinario, en Santiago
Na categoría de obras de rehabilitación patrimonial e restauración, foi premiada a restauración do pavillón historicista, do século XIX, e do muro perimetral de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela.
A actuación recuperou a arquitectura propia desta tipoloxía construtiva, liberando os espazos ocupados, poñendo en valor a linguaxe arquitectónica que combinaba a versatilidade dun espazo diáfano co emprego dun estilo enlazado coa tendencia europea da época. Un proxecto de Juan Orozco e Iago Seara.
-
05
Restauración do centro cultural Forges, na Fonsagrada
Na mesma categoría, o accesit foi para a restauración do centro cultural Forges, na Fonsagrada, realizada por Daniel Gómez Magide. O edificio, a Antiga Casa Consistorial da localidade, construída en 1845, atopábase en desuso dende o ano 2015. Agora pasará amosar a colección doada polo debuxante Antonio Fraguas Forges tralo seu falecemento en 2018.
-
06
Restauración da Casa Consistorial de Pontevedra
Tamén recibiu un accesit a restauración da Casa Consistorial de Pontevedra, un edificio de 1880 que o pasado ano estrou unha nova cara, grazas a Gracia Amandi e Jorge de Uña, mellorando a accesibilidade e o seu interior. A actuación eliminou algúns aditamentos realizados a mediados do século XX, creando espazos máis abertos e luminosos.
-
07
Mellora do bordo da praia do Porto do Son
Na categoría de deseño de espazos urbanos, xardinaría e paisaxismo, foi premiada a mellora do bordo da praia do Porto do Son, unha intervención de Creus e Carrasco duns 4.000 m2 de superficie, que buscou a renaturalización do acceso á praia da vila (Praia do Cruceiro).
Xunto coa demolición do paseo e o derrubo do muro de contención que a separa do parque urbano, a actuación consistiu na implantación dun sistema dunar controlado con vexetación autóctona, así como na execución de 3 pasarelas.
-
08
Plan básico municipal no Concello da Porqueira
Os Premios do COAG tamén recoñeceron na categoría de planificación urbana o Plan básico municipal do Concello da Porqueira, realizado por José González-Cebrián Tello.
O xurado destacou a súa metodoloxía de análise pormenorizada do sistema de asentamentos e as súas relacións cun territorio fortemente antropizado a través dunha intensa actuación de concentración parcelaria, e incorporando elementos básicos de análise histórica e catastral para a súa comprensión.
-
09
Mixing, na Coruña
Na categoría de obras de deseño interior, o premiado foi Carlos Quintáns Eiras pola súa reforma en Mixing, na Coruña, que se trasladou da rúa Picavía ata Juana de Vega, buscando un "espazo versátil, con capacidade para adaptarse".
-
10
Albergue para peregrinos en Baiona
Nesta categoría, o accesit foi para a reforma realizada para a apertura dun albergue para Peregrinos en Baiona, un proxecto de Estefanía Grandal Leirós que reconverteu unha antiga cafetaría situada no baixo dun edificio.
-
11
Laboratorio da Paisaxe (Barro)
Os Premios do COAG recoñecen tamén iniciativas de divulgación do mundo da arquitectura e de investigación. Este ano a gañadora foi Laboratorio da Paisaxe, unha iniciativa de pensamento, aprendizaxe e intervención artística que se desenvolveu entre 2020 e 2023 no Concello de Barro baixo a dirección artística de Sheila García.
A iniciativa, que incluíu mediación, obradoiros, encontros, exposicións e publicacións, naceu do cruzamento entre distintas disciplinas artísticas (fotografía, arquitectura da paisaxe, escultura, pintura e land art) coas comunidades locais que habitan os territorios das Rías Baixas e o seu patrimonio natural e construído.
-
12
Exposición sobre Siza
A outra gañadora, ex aequo, foi a exposición dedicada pola Fundación Calouste Gulbenkian a Álvaro Siza, coincidindo co seu noventa aniversario e comisariada por Carlos Quintáns Eiras .
-
13
Arquitectura en Sermos Galiza
Ademais, houbo un accesit para os contidos de arquitectura publicados en Sermos Galiza, o semanario de Nós Diario. Nel, ,ediante un monográfico dedicado a un estudio, mes a mes vanse debullando os nomes propios da arquitectura contemporánea galega.