Marcos Pérez Pena

Unha ducia de obras galardoadas na última edición dos Premios COAG: a mellor arquitectura do momento en Galicia

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) entrega de forma bianual os seus galardóns, que recoñecen as mellores obras visadas e executadas no territorio galego nos dous anos anteriores. Na edición deste ano 2023 presentáronse 224 proxectos, entre os que se seleccionou unha trintena de finalistas, outrgando unha decena de premio. Velaquí os gañadores e algúns dos finalistas máis destacados.

  1. 01

    Casa Tomada. Vigo

    Na categoría residencial de nova planta, o premio para a mellor vivenda unifamiliar foi para esta Casa Tomada, situada na rúa Tomada do barrio vigués de Navia. Un proxecto de María Pilar González Ferro e Jordi Castro Andrade nunha parcela de tamaño moi reducido e de forte pendente, "situada nunha contorna pouco amable" e que "con poucos elementos consegue un proxecto integrado na contorna e ao tempo protexida desta"

  2. 02

    Edificio de vivendas na rúa Manuel Beiras. Santiago

    O premio para a mellor vivenda colectiva foi para este proxecto de tres edificios construídos na rúa Manuel Beiras de Santiago de Compostela, realizado por Manuel Carbajo Capeáns e Celso Barrios Ceide. O xurado valorou a proposta "que mellor resolve a tipoloxía residencial colectiva, achegando ademais un espazo público de calidade para as vivendas e para o resto da cidade"

  3. 03

    Biblioteca municipal de Nigrán

    Tamén foi premiada a obra da biblioteca municipal de Nigrán, de Lucas Gándara Álvarez e Juan Pons Herrera, "pola resolución dun complicado cruce da cidade, cunha articulación urbana perfectamente conseguida"

  4. 04

    Centro Galego de Innovación para a Formación Profesional

    Na categoría de obras de restauración e rehabilitación, foi galardoado o proxecto de rehabilitación dun edificio para o Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, en Ourense, realizado por Alexandra Estefanía Vázquez Müller, Roi Feijoo Rey e Santiago García Camacho. Valorouse a capacidade de "transformar sen necesidade de demoler. Rehabilitar sen necesidade de construír de novo borrando por completo o pasado"

  5. 05

    Ferraxaría en Cambre

    Na categoría de obras de interiorismo foi galardoada a actuación nesta ferraxaría de Cambre, realizada por Ignacio Vicente Reigada Cordido e Susana Vázquez Pérez. O xurado valorou que se realzou un espazo "preconcibido como un espazo caótico e desordenado", que aparece "como ordenado e atractivo".

  6. 06

    Exposición 'Paisaxes incultas'

    Na categoría de Arquitecturas efémeras e deseño foi premiada a montaxe da exposición 'Paisaxes incultas. A metamorfose do monte galego', que acolleu o espazo das Torres Hejduk, na Cidade da Cultura. Foi realizada por Cristina García Fontán

  7. 07

    Proxecto piloto de 'Rúa Azul'

    Na categoría de planeamento urbanístico, foi galardoado o proxecto Rúa Azul, unha rúa peonil e ciclable de conexión interurbana entre os Concellos de Moaña e Cangas. Foi realizada por Diego Germade Castelo e Martín Barreiro Cruz, un proxecto do que falamos en Praza.gal hai uns anos e tamén nesta reportaxe.

  8. 08

    Rampa de baixada do Monte do Gozo

    Finalmente, na categoría de deseño de espazos urbanos foron galardoados, ex-aequo, esta rampa construída para dar entrada ao Camiño Francés na cidade de Santiago, realizada por Juan José Creus Andrade e Covadonga Carrasco López, e o Acondicionamento dos espazos públicos da Esplanada do Horizonte, no Rosal, obra de María Fandiño Iglesias.

  9. 09

    Casa 2M. Rúa do Medio de Santiago de Compostela

    Non foi premiada, pero si figurou entre os proxectos finalistas da categoría de mellor actuación nunha vivenda unifamiliar esta singular obra na rúa do Medio de Santiago de Compostela. Trátase dunha casa de apenas dous metros de ancho, realizada por Álvaro Marín e Alfonso Castro.

  10. 10

    Urbanización en Oleiros

    Na catregoría de vivenda colectiva foi finalista este proxecto de urbanización en Oleiros, realizado por Lucas e Gustavo Díaz.

  11. 11

    Adaptación do complexo do antigo Hospital Xeral de Vigo

    A adaptación do complexo do antigo Hospital Xeral de Vigo para acoller a Cidade da Xustiza, realizada por Alfonso Penela, tamén foi finalista nos galardóns, na categoría de obras de restauración e rehabilitación.

  12. 12

    Rehabilitación dun estaleiro tradicional

    Na mesma categoría foi finalista esta obra de rehabilitación deste estaleiro tradicional en Outes, realizada por Iago Fernández e Óscar Fuertes.