Unha ducia de obxectos e imaxes da historia da industria conserveira galega
ANFACO, a asociación que reúne as empresas de fabricantes de conserva, vén de publicar na rede o catálogo do Museo da Conserva da Fundación Punpromar, situado en Vigo. A colección inclúe aparellos empregados no proceso de envasado, latas, caixas e carteis, algúns deles con máis dun século de historia, fotografías e dixitalizacións de espazos industriais xa desaparecidos
-
01
Pechadora 'buzo' dunha industria conserveira (1908)
A colección inclúe algunhas das máquinas empregadas dende o século XIX na industria conserveira, como esta, empregada dende a primeira década do século XX. De tipo manual, permitía un peche hermético da lata e impedía que se introducise calquera resto de soldadura, conseguindo a chamada sanitary can, que garantía a seguridade no consumo do produto. Fabricada en Bilbao, esta peza procede da Fábrica de Curbera en Cabo de Cruz (Boiro).
-
02
Pechadora dunha industria conserveira (1950)
Esta outra máquina realizaba a mesma función, pero é posterior, xa do ano 1950. Neste caso xa non se accionaba manualmente cada vez, senón que estaba unida ao resto de procesos a través dunha cinta, o que permitía automatizar os procesos e aumentar a produción.
-
03
Estoxo de sardiñas 'Ramona'
Esta lata de sardiñas da marca Ramona procede da empresa viguesa Conservas Cerqueira e foi distribuída nos anos posteriores ao Golpe de Estado de 1936. Eran tempos nos que na industria conserveira galega se crearon moitas compañías, debido á abundancia de sardiña e á necesidade de alimentos na España da posguerra. A publicidade tamén cambia e mesmo nas latas galegas de conserva era habitual que aparecesen mulleres flamencas, substituíndo ás anteriores figuras femeninas vestidas con traxes tipicamente galegos.
-
04
Lata de conserva pay-pay
A colección do museo inclúe un gran número de exemplos das latas empregadas dende hai máis dun século. Por exemplo, estas zamburiñas da marca Pay-Pay.
-
05
Cartel de Miau (1930)
Hai tamén exemplos de carteis publicitarios históricos, como este de Miau de 1930. As marcas galegas de conserva foron un dos espazos nos que máis se desenvolveu o deseño publicitario no país, coa participación de relevantes creadores, como Federico Ribas.
-
06
Catálogo de produtos Miau, La Providencia e Alfageme
O museo contén tamén catálogos, que recollían os produtos que cada empresa ofrecía. Estes documentos achegan moita informacións sobre as factorías existentes, con imaxes das súas instalacións e propaganda empregada.
-
07
Marca comercial "Henri Chancerelle"
A crise da sardiña en Francia levou a varios empresarios a abrir conserveiras en Galicia. Foi o caso do bretón Henri Chancerelle, que en 1904 instalou unha fábrica no O Grove, no lugar de Cantodorxo. En 1905 instalou outra fábrica no Areal de Vigo e en 1908 asociouse con Camille Mony para outra en Marín.
-
08
Visita das autoridades a unha conserveira en 1973
O arquivo inclúe un gran número de fotografías históricas, que recollen, por suposto, a visita de autoridades ás industrias conserveiras galegas, neste caso aínda de representantes da ditadura franquista, no ano 1973.
-
09
Gardaría da fábrica de Massó
Tamén se amosan as instalacións de varias das fábricas, con imaxes que recollen non só os espazos de produción, senón tamén outros servizos das factorías, como cantinas, comedores e esta gardaría da fábrica de Massó, nunha fotografía tirada entre 1950 e 1960. O persoal da industria conserveira galega foi sempre maioritariamente feminino e moitas destas mulleres non tiñan outro lugar no que deixar as súas crianzas.
-
10
Zona de eviscerado da sardiña
Nas fábricas había moitos espazos diferenciados para os distintos procesos, comezando pola limpeza e eviscerado do produto, neste caso a sardiña.
-
11
Empacadoras nunha conserveira (1967)
Un dos últimos pasos era empacar o produto, un labor realizado polas empacadoras, como se ve nesta foto.
-
12
Revisadoras nunha conserveira (1967)
Unha vez tratado o produto, era introducido nunha lata, que se pechaba de forma automática, con máquinas como as que vimos ao comezo. Aínda que o proceso cada vez necesitaba menos intervención humana, si era preciso que as revisadoras comprobasen que todo seguía uns criterios de calidade.
-
13
Fariña de peixe Massó
A industria galega tamén produce dende hai moito tempo fariñas de peixe para alimentación animal, como amosa este cartel de Massó, que comezou con esta produción no ano 1933.
-
14
Libro de receitas de Massó
De Massó tamén procede este libro de receitas, moi completo (67 páxinas) que conserva o museo e que buscaba dar visibilidade aos produtos da empresa.