Unha ducia de palabras do léxico das costureiras
O proxecto 'Do gris ao violeta' que dende hai cinco anos impulsa o Concello de Pontevedra co obxectivo de contribuír ao coñecemento e difusión da historia das mulleres na cidade (dende os grandes feitos ata as súas vidas cotiás) publicou esa semana un Léxico das Costureiras, que recolle varias ducias dos termos empregados polas traballadoras deste oficio que ocupaba a milleiros de mulleres a cambio de remuneracións moi reducidas. Velaquí algúns dos termos recollidos por esta publicación, froito das conversas coas súas protagonistas.
-
01Bodoque
Adorno de bordado que forma un pequeno círculo en relevo. Termo recollido tamén como "bodocos"
-
02Cadeneta
Labor de bordado ou de punto que forma unha cadea e que para a que se empregaba fío duplo (agás de se empregaren fíos como o de Dalia, que era máis groso) para destacar o deseño. Era moi usada en traballos de mantelearía, perfilando o contorno.
-
03Clarear
Pór a roupa húmida e con xabrón ao sol para quitar manchas ou facelas máis claras. Para evitar que o sol queimase as pezas de roupa era necesario humedecer os tecidos con certa frecuencia.
-
04Dar un pique
Corte pequeno en cuña ou en diagonal, sen chegar á costura, que se facía pola parte interior da prenda para que a tea abrise e facilitar que se adaptase aos movementos do corpo. Deste xeito, evitábase que ficase tirante. Facíase, sobre todo, na cintura ou no escave e tamén nos petos dos traxes masculinos. O anaco de tea cortada sobrefiábase e ficaba así.
-
05Escapulario
Tipo de punto que se facía nas camisas, chaquetas e abrigos pola parte de atrás do pescozo, normalmente empregado en prendas de xastrería. O acabado é semellante a un punto de cruz máis ancho e moi matizado e quedaba oculto á vista.
-
06Festón
Bordado recto ou en ondas realizado no bordo dunha tea. Caracterízase por levar as puntadas moi xuntas e cada unha delas rematada formando un nó pola parte exterior, de xeito que de cortar a tea pola raíz do bordado, nin a costura se desfai, nin a tea se esfiaña.
-
07Firtiré
Punto de bordado que consiste en marcar primeiro con fío o deseño ao que se lle vai dar forma (e evitar deste xeito que escapen os fíos e se desfaga o tecido) para despois, no interior dese deseño marcado, ir retirando fíos de tres en tres (en función de como se queira), en ambos os sentidos. Posteriormente, con fío de bordar (preferiblemente de Áncora de gran brillo) dábaselle forma ao debuxo, pechando os puntos para evitar que se desfixese.
-
08Ganduxar
Coser con puntadas moi longas e folgadas para facer probas de costura. A diferenza de pasar os fíos ou puntada frouxa, ao ganduxar o fío quedaba preso enriba da tea
-
09Organdí
Tea branca de algodón, transparente e moi fina que se empregaba moito para os vestidos das comuñóns das nenas.
-
10Puntada
Resultado de pasar unha agulla enfiada por unha tea ao coser. Puntada cega: Puntada que se fai polo bordo da tea e que se caracteriza por non traspasar a tea, evitando que se vexa o fío desde o lado de fóra. Puntada de máquina: Adornos deseñados pola modista coa puntada da máquina ao coser. Puntada rusa: Punto de costura e de bordado que se caracteriza por coser para atrás. Facíase sempre á man, intercalando unha puntada máis grande cunha máis pequena, e repetindo esta acción até conseguir o deseño desexado.
-
11Sobrefiar
Puntada que se daba un pouco máis para dentro do bordo da tea para evitar que a tea se desfixese (nas bastas, nas costuras...). Esta costura debíase facer cara a diante e nunca cara atrás. Termo tamén recollido como "subrilar"
-
12Vainica
Punto que imita o efecto dun encaixe simple e que consiste en ir retirando en liña recta os fíos horizontais para despois agrupar os verticais que estivesen máis próximos entre eles. Hai diferentes tipos de vainica: Cega: Aquela que se fai sen quitar ningún punto. Estreita: Na que se quitan dous ou tres fíos de forma que o debuxo conseguido non fique moi ancho. Grande: Aquela que consegue o efecto contrario á estreita.