Unha ducia de paradas na programación do Entroido de Santiago de Compostela
O Entroido en Compostela adoita ter catro momentos centrais: o desfile e subida do Meco ao balcón do Pazo da Bendaña, que inaugura os festexos o sábado; o desfile de carrozas do martes; a Queima do Meco o mércores; e a presenza dos tradicionais Xenerais da Ulla, que se poden ver durante varios días en varias parroquias do concello. Polo medio, unha intensa programación no que as comparsas e entidades locais do Entroido e os Centros Socioculturais xogan un papel fundamental e no que a música non deixa de soar polas rúas da capital de Galicia.
-
01
Unha semana de troula
Este sábado comezan oficialmente os festexos do Entroido en Compostela. O desfile do Meco e o pregón abren as celebracións, que ten os seus días centrais o martes e o mércores, ademais do sábado 17 co entroido tradicional dos Xenerais da Ulla, que pecha a programación.
O Entroido en Compostela celébrase no centro da cidade e nos barrios e tamén nas parroquias da contorna, de forma especial en Aríns, Marrozos, Angrois e O Eixo, cunha participación moi destacada de entidades locais como Os Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño, Santa Compaña e Armatroulas de Laraño, Os Bandiños, a comparsa de Maruxas e Coralias e as Xeneraliñas da Semente, como destacou esta semana a concelleira de Festas, Pilar Lueiro.
-
02
Sábado 10: Pregón de De Vacas
As integrantes de De Vacas serán as encargadas de dar o pregón que este sábado 10 dará comezo ás festas. Ás 20 horas comeza na Praza de Cervantes o tradicional desfile do Meco, que irá acompañado polos Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño ata chegar ao Pazo de Bendaña, na Praza do Toural, onde quedará instalado ata o día 13.
Previamente ao desfile do Meco, os Xenerais da Ulla percorrerán as rúas da cidade entre as 18.30 e as 20 horas.
-
03
Domingo 11: Festival Infantil de Disfraces
O acto central do domingo é o Festival Infantil de Disfraces, que como vén sendo habitual se celebra na Sala Capitol, entre as 16.30 e as 17.45, con entrada libre e no que poden participar todos os nenos e nenas de menos de 14 anos, que participan en tres categorías: individual, parella ou grupo.
Durante todo o día haberá animación de rúa. Os nenos e nenas serán tamén os protagonistas da Mascarada Tour de Nauta Teatro e Títeres Alakrán, que percorrerán as rúas dos centro a partir das 18 horas.
-
04
Martes 13: Día Grande do Entroido
O Día Grande do Entroido compostelán é o martes, cando se celebra o tradicional desfile de comparsas e carrozas polas rúas da cidade. Comezará na Avenida de Ferrol ás 17.30 horas e percorrerá Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, rúa de República do Salvador, rúa do Hórreo, rúa da Senra e a avenida de Xoán Carlos I.
-
05
Desfile: 14.000 euros en premios
Cando remata o desfile, as persoas participantes reúnense na Sala Capitol, onde ás 20 horas actúan os Bregadiers e se realiza a entrega de premios, cunha dotación de preto de 14.000 euros. Hai seis categorías: carrozas, comparsas, grupos, mellor parella, mellor disfrace individual e mellor comparsa de parroquias ou barrios do Concello de Santiago.
-
06
Mércores 14: Queima do Meco
O mércores o Entroido despídese coa Queima do Meco nun acto que comeza ás 21 horas na praza Roxa. Previamente, lévase a cabo un desfile dende a praza do Toural que pasa pola rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador. Requírese vestir de "rigoroso loito" para a despedida do Meco.
-
07
Sábado 17: Xenerais da Ulla
O Entroido continúa en Compostela ata o sábado 17, momento da chegada dos Xenerais da Ulla ao centro da cidade.
As Xeneraliñas da Semente sairán ás 12 horas dende Santa Clara e chegarán á praza de Cervantes, onde ser poderán escoitar os tradicionais vivas e atranques.
Tamén hai ocasión de vivilos nas parroquias de Marrozos (sábado 3), Angrois (domingo 4), Aríns (sábado 10) e no Eixo (domingo 11).
-
08
Entroido nos Centros Socioculturais
Os Centros Socioculturais da cidade teñen unha actividade moi intensa durante o Entroido e, por exemplo, participarán un ano máis coa súa propia comparsa no desfile do martes. A temática elixida para os disfraces é o Roubín de Corazóns, ladróns e ladroas que se dedican a roubar e a espallar amor.
Ademais, o Centro Sociocultural de Conxo está a traballar na súa propia comparsa para o desfile do martes de Entroido, coa temática "Marchamos para outro mundo".
-
09
Xeneraliños do Casti
Relacionado coa figura dos Xenerais da Ulla, no Centro Sociocultural do Castiñeiriño traballarase na preparación dos disfraces dos chamados Xeneraliños do Casti, así como nos atranques e nas coplas, para celebrar o entroido cunha gran festa o venres 16.
-
10
Unha programación sen fin: obradoiros nos CSC
A programaciómn nos centros socioculturais complétase coa organización dun gran número de obradoiros de todo tipo: de cociña, de elaboración de petiscos de Entroido, de teatro e mesmo de elaboración de chapeus e colas dos Xenerais da Ulla, dirixido a crianzas desde os 5 ata os 11 anos.
-
11
O papel das entidades locais
No Entroido compostelán xogan un papel fundamental entidades locais, coma Os Conformistas de Conxo (na imaxe, nunha foto dos anos 90 tirada da súa páxina de Facebook), A Ruliña de Laraño, Santa Compaña e Armatroulas de Laraño, Os Bandiños, a comparsa de Maruxas e Coralias ou as Xeneraliñas da Semente.
-
12
O Entroido nas redes
A rede de centros socioculturais anima a disfrazarse nas rúas, pero tamén a levar o Entroido ás redes. Así, volve a iniciativa de O Meco manda nas redes, para que os veciños e veciñas sigan as instrucións que esta personaxe trasladará a través de Facebook e Instagram entre o 5 e o 13 de febreiro.
Ademais, propóñense as etiquetas #NoEntroidoPretoDeTi e #CentrosSocioculturaisPretoDeTi para compartir nas redes as imaxes dos disfraces.