David Lombao

Unha ducia de paraugas

Galicia vén de pasar polos seus primeiros días de chuvia máis ou menos serios tras un verán sequísimo. Nas portas dun outono que disque vai ser "normal" cómpre desempoar os artiluxios que nos protexen da auga e nos enfrontan -infrutuosamente, as máis das veces- ao vento. Estes son algúns dos máis senlleiros.

  1. 01

    O 'sete parroquias'

    Son paraugas que se fan respectar e amigos da amizade. O seu tamaño permite tapar completamente dúas persoas e, levándose ben, ata tres ou catro. Se ten moitas varas ademais de grande é resistente e especialmente útil para abrirse paso entre as multitudes.

  2. 02

    Os que rompen co primeiro temporal

    Son prácticos porque son pequenos, mesmo poden ser encartados e collen nun peto. Son baratos e algúns, ata non son feos. Pero non serven para estas latitudes. En canto comeza a ventar de verdade estes parauguiñas pasan do paraugueiro á papeleira ou ao colector do lixo.

  3. 03

    Os que son de balde

    Adoitan ter certa relación cos que non aguantan o primeiro temporal, aínda que os hai máis resistentes. Son un obxecto de desexo especialmente codiciado para esa ampla capa da poboación que sente unha imparable atracción polos obxectos de balde, con independencia de que os precisen ou non. Un dos exemplos paradigmáticos deste fenómeno produciuse no stand de Galicia en Fitur 2007, onde 120 paraugas de balde apenas duraron uns poucos segundos.

  4. 04

    Os de Nunca Máis

    O 1 de decembro de 2002 unha multitude botouse ás rúas de Compostela para berrar "nunca máis" baixo unha intensa chuvia. Aínda non nacera a bandeira negra que identificou o movemento de protesta pola xestión do naufraxio do Prestige e a marea de paraugas contra o chapapote converteuse en todo un símbolo.

  5. 05

    O de Cambre

    Construído nos anos 40 do século pasado, este paraugas de formigón e aceiro é un dos símbolos do Concello de Cambre, nomeadamente da ponte do Burgo. Está protexida por Patrimonio pero o paso do tempo deteriorouno moi notablemente. Hai poucas datas, e co gallo dunhas obras na zona, a Xunta resolveu construír unha réplica para instalala no mesmo lugar.

  6. 06

    O do Xosé

    A ourensá Charanga do Cuco de Velle converteu en célebre o paraugas do tal Xosé, cuxo himno foi versionado ata a saciedade por múltiples cantantes e grupos galegos. Disque é "moi malo".

  7. 07

    O de Pelúdez

    Obra do escritor Xosé Trapero Pardo, Pelúdez condensa o espírito dos festeiros que se achegan a Lugo polo San Froilán. É un home que gusta da festa e que pon en práctica o galeguísimo costume de levar o paraugas pendurado do pescozo da chaqueta. Así o acredita a estatua que o homenaxea na cidade da Muralla.

  8. 08

    Os de Banksy

    O célebre grafiteiro británico ten nos paraugas un dos seus motivos máis recorrentes. Termados por unha nena, por un rato ou a voar polo ceo, están presentes en infinidade de paredes do mundo.

  9. 09

    O que non quería Lamatumbá

    Na Watercumbia incluída no seu primeiro disco os ourensáns Lamatumbá, netos musicais do Cuco de Velle, aseguraban non querer un paraugas, porque preferían un chuvasqueiro amarelo. Co paso do tempo e nova formación, o conxunto agora inactivo mudou de opinión e optou polo paraugas, pero "universal".

  10. 10

    Os de propaganda

    Enchen as rúas de marcas comerciais e algúns chegan a ter prestixio pola súa resistencia. Outros, como os das antigas caixas, pasan a ser unha peza de coleccionismo vintage.

  11. 12

    Os que amañaban os afiadores

    Os paraugas de antes eran ben máis duros que os de agora. Cando rompían existía a posibilidade de achegarse a un afiador (e paraugueiro) para que mirase de arranxalo. Segundo a canción popular tantas veces interpretada por Fuxan os ventos, "para ser bon paragüeiro hai que nacer en Ourense".