Unha ducia de parques infantís en Galicia para xogar este verán
Aquelas persoas que son nais ou pais (ou avoas e avós) pasan moitas horas nos parques infantís, espazo de xogo e de reunión dos seus pequenos e pequenas. Galicia conta cunha oferta variada destes equipamentos en cidades e vilas, mesmo con algúns exemplos ben orixinais e singulares que ben merecen unha visita. Velaquí unha ducia deles.
-
01
Parque dos Sentidos (Marín)
O Parque dos Sentidos, tamén coñecido como a Granxa de Briz, está situado en Marín. O Concello adquiriu en 1999 o espazo, que ten entrada libre, e coma o seu nome indica, ofrece estímulos para a vista, o oído (con xogos musicais) o tacto e o olfacto, emprazado nunha fermosa (e fresca) zona verde. Estanques, tobogáns, estatuas e moitas sorpresas agardan neste lugar, que se pode descubrir nesta reseña de Antonautas na Iagosfera, a quen pertence a imaxe.
-
02
Xardín Umbrío (Vilanova de Arousa)
Igualmente singular é o parque infantil que podemos atopar no centro de Vilanova de Arousa, no coñecido como Xardín Umbrío, moi agradable especialmente no verán. O Parque das Casiñas, como é chamado popularmente contén, efectivamente, un gran número de casiñas nas que xogar, ademais de reproducións de avións, barcos, autobuses e mesmo un carrusel que se pode mover accionando un mecanismo mecánico. Na páxina especializada Little Vigo (a quen pertence a imaxe) explican como chegar e as características do parque.
-
03
Aldea dos Grobits, na Toxa (O Grove)
A Aldea dos Grobits, na Toxa, no concello do Grove, recrea un poboado de Hobbits (O Grove + Hobbits = Grobits) e está inspirado no universo do Señor dos Aneis de J.R.R. Tolkien. Tamén ten acceso libre
-
04
Aldea das formigas (Outeiro de Rei)
Pechamos o capítulo de parques singulares coa Aldea das Formigas de San Clodio (Outeiro de Rei), que ademais de representacións destes insectos incorpora moitos outros personaxes e elementos, que se poden ir descubrindo nunha camiñada polo campo, en plena natureza. Esta "aldea de conto" está perfectamente descrita na web especializada Tobogalia, que explica que o seu creador é Xosé Ramón Rodríguez Iglesias, que utiliza materiais reciclados para as súas creacións.
-
05
Parque de Campolongo (Pontevedra)
Dentro dos parques infantís máis convencionais, podemos destacar moitos dos instalados nos últimos anos nas cidades galegas. Entre eles, por exemplo, o Parque de Campolongo (Pontevedra), inaugurado en 2019, e que en 2022 foi recoñecido como o mellor parque urbano de cidades de menos de 150.000 habitantes na primeira edición dos Premios Parques Urbanos de Cluergal.
-
06
Parque da Balea, na Cidade da Cultura
Tamén merece un recoñecemento polo seu deseño e pola contorna na que se insire o Parque da Balea, situado na Cidade da Cultura. O seu deseño, de RVR arquitectos, homenaxea a Urbano Lugrís e aos propios edificios do Gaiás. Está situado a carón da entrada ao Bosque de Galicia.
-
07
Parque da Auga (Mos)
O verán xa está moi preto e este tempo pide espazos nos que refrescarse. En Galicia aínda non son moi habituais os parques de auga, dos que si hai moitos exemplos noutros territorios. Mos ten dous parques deste tipo, o de Sanguiñeda e o da Pesqueira, con outras instalacións como tobogáns, tirolinas ou xogos de temática mariñeira. Mos tamén conta cun parque musical, O Son do Regueiro, situado a carón da Escola Municipal.
-
08
Aquapark de Cerceda
Se falamos de parque acuático de gran formato, hai que falar do Aquapark de Cerceda, non destinado exclusivamente aos máis pequenos da casa, pero onde estes gozan ao máximo. As súa instalacións abren o 10 de xuño
-
09
Piscinas de Antas de Ulla
Pero non só Cerceda conta con atracccións acuáticas. Outras localidades presentan no verán opcións de ocio para refuxiarse das altas temperaturas. Por exemplo as piscinas de Antas de Ulla, que dispón de tobogáns e outros elementos.
-
10
Labirinto de Breoghán (Vilarmaior)
Outra atracción non destinada exclusivamente á cativada pero que é aproveitada ao máximo por eles e elas son os labirintos, coma os que existen no Monte de San Pedro da Coruña, en Rinlo (Ribadeo) e, sobre todo, en Vilarmaior: o Labirinto de Breoghán, inaugurado en 2022 a carón da Ruta dos Petróglifos da localidade. Ollo! Atopar a saída leva uns 50 minutos de media.
-
11
(Macro)parques infantís en Vigo
En Vigo fanse moitas cousas ao grande: as luces, o nadal... e tamén os parques infantís. No Calvario, na Praza da Independencia, en Navia, na Rúa Venezuela, no Parque de Barreiro, no Parque de Pizarro ou no Parque Pedro Alvarado temos bos exemplos.
-
12
Parque Miguel Hernández (Vilagarcía)
Parques hai moitos e ben fermosos. En Cangas (no Señal), no Paseo Marítimo de Moaña, no Paseo Fluvial de Arteixo, na Praza do Regueiro na Illa de Arousa... Con castelos, tirolinas, camas elásticas... Para rematar, podemos destacar este, situado no Parque Miguel Hernández de Vilagarcía de Arousa.