María Yáñez

Unha ducia de Personaxes singulares vistos con ollos singulares

Este pequeno gran país deu pequenos grandes homes e mulleres. Personaxes máis ou menos coñecidos que teñen unha grande historia detrás. Algúns non conseguiron o seu obxectivo na vida, outros puxeron todo o seu empeño en perseguir un soño, e outros limitáronse a sobrevivir, que non é pouco. Velaquí unha ducia de vidas antiheroicas cheas de humanidade vistas por cineastas que ollaron para eles dunha maneira especial. 

  1. 01

    María

    "A tola máis ghrande que hai nesta volta son eu", di a señora María de Neixón (Cespón, Boiro), que lle conta a Toño Chouza a súa dura vida sen perder un chisco de forza, xa nos últimos anos da súa vida. Esta breve peza competiu na oitava edición do Notodofilmfest, en 2010. A señora María morreu o 2 de marzo do ano pasado, segundo nos informou aquel día Manuel Gago

  2. 02

    Serxio

    Este percebelleiro de Cedeira é o protagonista de Percebeiros (Sea bites), unha curta documental na que o xornalista David Beriain tratou de retratar "a batalla contra o mar duns guerreiros que non se consideran heroes”, e que foi preseleccionada para a última edición dos premios Goya. O guerreiro protagonista é tamén músico do grupo Os cempés, que este ano fai dúas décadas enriba do escenario e celebrarano coa publicación dun disco que foi apoiado con sobrado éxito na plataforma de crowdfunding Verkami. Unha das recompensas que ofrecían ás persoas que lles axudaran a financiar a gravación do CD era unha actuación a domicilio con percebada incluída a cargo do propio Serxio Ces

  3. 03

    José Ernesto

    José Ernesto Díaz Noriega naceu en Barcelona en 1912 pero veu vivir á Coruña nos anos 50, despois de combater no exército franquista e facer películas na guerra civil. A súa paixón polo cine e a súa creatividade levouno a dedicar boa parte da súa vida a realizar películas en formato doméstico e a contaxiar a paixón polo super 8 e a técnica cinematográfica a un feixe de creadores galegos dos anos 60 e 70. Considérase así o pai do cine afeccionado en Galicia, e Marcos Nine, décadas despois, dedicou en 2006 un documental á súa figura, que foron tamén unha homenaxe moi especial a toda unha forma de facer cine, imitando o seu estilo. Aquí tedes a primeira parte da versión curta de JEDN: Pensando en soledad

  4. 04

    John

    Pouco queda que dicir do lendario John Balan, o artista do Seixo (Marín), home orquestra e comedor de fanecas, que tocaba portas e inventaba películas vestido de vaqueiro, e que se fixo famoso na TVG dos 80 canda outro pontevedrés ilustre, Vladimir. A ollada máis persoal sobre John Balan plasmouna Lara Bacelo nesta videocreación documental. Tamén se poden atopar en Youtube anacos do documental que lle fixera en 1980 o realizador Ángel Peláez no programa Vivir cada día de TVE. 

  5. 05

    Aurelia

    Outra curta documental do ano pasado, feita po Milena Martínez Basalo, retrata unha muller de Ferreira do Valadouro chamda Aurelia, que como moitas do seu tempo conta historias de cando emigrou a Londres para traballar servindo en casas de xente rica. Por exemplo, Ringo Starr. 

  6. 06

    Aarón

    Á súa curta idade Aarón tamén era un personaxe anónimo ata que Marcos Nine lle cedeu a súa ollada para mirar a través del, a realidade como a ve un neno de 4 anos. Gañou o premio Mestre Mateo 2009 á mellor curtametraxe. 

  7. 07

    Lourdes

    Na longametraxe documental Tralas luces, estreada nos cines en setembro do ano pasado, Sandra Sánchez realiza un retrato intimista dunha muller que tira polo carro (literalmente, pois conduce unha enorme autocaravana) dunha familia de feirantes, deses que ven cos coches de choque polas festas de toda Galicia. O resultado é unha road movie que se despraza dunha vila a outra como fan os protagonistas desta vida itinerante que nunca chegou a cumprir as expectativas de Lourdes, e que logra penetrar no conflito diario dunha muller coa que logramos identificarnos máis do que puidermos pensar. Pódese ver a película enteira en Filmin

  8. 08

    Amando

    Xosé Zapata, que máis tarde produciría JEDN, xa en 2001 se adentrou a explorar outra figura esquecida e moi singular do noso cine, o coruñés Amando de Ossorio. Dirixiu unha vintena de películas de serie B e converteuse nos anos 70 en todo un referente do cine fantástico e de terror, chegando a ser un director de culto tamén entre cineastas anglosaxóns como John Carpenter. Explorou o vampirismo, o lesbianismo, o sadismo e moitos ismos máis, como se conta neste documental titulado Amando de Ossorio, el último templario. Velaquí o trailer. 

  9. 09

    Manuel e Elisa

    Manuel Fernández Valdés retratou nesta longa documental de 2007 a vida cotiá de Manuel Rodríguez e Elisa Flores, un matrimonio do Rosal que leva unido máis de 53 anos. Manuel e Elisa é unha historia de amor sen aloumiños na que non hai moitos diálogos, nin tampouco se precisan. 

  10. 10

    Juan

    Pois si que fomos prolíficos en cineastas atípicos. Ata tivemos o noso propio Ed Wood, aínda que emigrado en México. A figura de Juan Orol era practicamente descoñecida, pois a maior parte das películas que rodou arderon nun incendio, pero é todo un personaxe que naceu en Santiso (Lalín) en 1897 como Juan Rogelio García García e que logo marchou a Cuba e despois a Mexico cambiando de nome e dicindo que nacera en Ferrol, coma Franco. O que estaba claro é que non quería unha vida corrente: traballou de boxeador, pitcher de béisbol, piloto de carreras, toureiro, axente secreto, periodista e actor de teatro, para despois empezar a dixirir películas imitando o cine negro que tando adoraba. Cultivou un xénero propio, o de "gansters contra charros" (así se chama unha das súas películas máis famosas) e o cine de rumberas, e acabou sendo coñecido como "el rey del churro" pola calidade da súa extensa filmografía . Este ano estréase unha biopic producida en México e dirixido por Sebastián del Amo

  11. 11

    Afranio

    Ao final da súa vida, o propio Antón Alonso Ríos contou na súa autobiografía O siñor Afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte, a historia de como este mestre, escritor e político galegista se converteu nun esmoleiro portugués chamado Afranio para escapar da represión franquista, ao pouco de estourar a Guerra Civil. Víctor Coyote adaptou no 2008 esta autobiografía nun documental que recrea o periplo do deputado pola beira do río Miño no 36, os seus intentos de organizar a resistencia e a súa final fuxida a Portugal. O encargado de poñerlle corpo e cara a Alonso Ríos nas partes ficcionadas do documental foi Luís Tosar.

  12. 12

    Meng Yong

    Os seus almacéns son bastante coñecidos na Coruña e en Lugo, pero a persoa que hai detrás bastante menos, ata que Sabela Pernas quixo adentrarse en 2006 nos dominios deste empresario galegochinés para amosarnos por dentro o universo do Chino Antonio na súa curta Mundo Bazar. Un retrato dun empresario pero tamén dun tipo de comercio global, e do consumo na Galicia da primeira década do século XXI.