Unha ducia de pontes
A proximidade de varios días festivos no calendario é coñecida como ponte. Se cadra coa fin de semana hai quen lle chama "acueduto", aínda que unha ponte moi grande sexa un viaduto. Estas son xornadas de ponte, aínda que haxa quen non celebre en exceso ningunha das dúas datas que lle fan de piares, e son unha escusa tan boa como calquera outra para pasear por algunhas das pontes de verdade que hai polo país.
-
01
A dos Santos
Marca a fronteira administrativa entre Galicia e Asturias -hai quen di que a natural está máis ao leste- e foi ampliada para soster a autovía transcantábrica. Dunha beira din que está construída sobre a ría de Ribadeo e da outra, que serve para cruzar a Ría del Eo.
-
02
As de Ourense
As pontes son unha arteria fundamental de Ourense. Cruzan o Miño e nomean unha boa morea de lugares, colectivos e locais da cidade. Os coches, o tren e, sobre todo, as persoas, pasan por riba a diario desta mestura de estilos arquitectónicos que van dende a antigüidade da ponte romana ata a vangarda da Ponte do Milenio.
-
03
A de Rande
A topónimo ligado dende o século XVII á histórica batalla da Guerra de Sucesión vencéllase dende 1973 á ponte que é símbolo da Autoestrada do Atlántico. Construída no medio dunha forte oposición social, esta ponte sobre a ría hai anos que ficou pequena para o gran volume de tráfico que a cruza a diario. Audasa, a empresa concesionaria -agora en mans muiltinacionais-, olla cara a outro lado.
-
04
A da Pasaxe
É unha das principais vías de comunicación do entorno coruñés. Hai quen di que esta ponte marca a fronteira entre A Coruña e o resto do mundo.
-
05
A ponte nova de Lugo
Durante décadas a "ponte nova" de Lugo foi a que lle serve para salvar o río Miño á estrada que une a cidade con Ourense e Santiago. Moitos anos despois de que esa ponte só seguise sendo nova se era comparada coa romana, en 2011, foi inaugurada estoutra, coñecida popularmente como "ponte branca" ou, máis concretamente, como puente Blanco.
-
06
As de García Rodríguez
O topónimo da vila das Pontes ten a súa orixe, precisamente, nas numerosas pontes existentes na época medieval no que actualmente é o concello máis extenso de Galicia. O nome de García Rodríguez chegaríalle no século XIV, cando Henrique II de Castela lle concedeu o señorío destas terras ao cabaleiro García Rodríguez de Valcárcel.
-
07
As de Pontevedra
As pontes son, dende o topónimo, un dos sinais de Pontevedra. Permiten que a vida da cidade transcorra sobre o río Lérez e son tamén unha mostra de arquitectura de numerosas épocas. O Concello pontevedrés reuniunas nunha exposición.
-
08
A do Pasatempo
É unha das pontes máis lendarias de Galicia. Segundo a tradición, nesta ponte mindoniense foi entretida a muller do mariscal Pardo de Cela, Isabel de Castro, cando traía canda ela o documento que o libraría da morte. Os partidarios do bispo de Mondoñedo impedírono, segundo esta historia.
-
09
A da Illa de Arousa
A chave para 6.000 presos foi o lema empregado durante moito tempo pola veciñanza da Illa de Arousa para reclamar unha ponte que a unise co continente. Finalmente, a infraestrutura foi inaugurada en setembro de 1985 e supuxo toda unha revolución. Á Illa chegaron, por exemplo, os coches e moitas persoas que non viviron nun concello de seu ata doce anos despois.
-
10
O viaduto do Ulla
O viaduto do Ulla é unha das obras máis espectaculares da que algún día será a liña de alta velocidade entre Galicia e a Meseta. É a ponte máis alta de todas as liñas e velocidade do Estado, cunha altura máxima de case 117 metros. Ten unha lonxitude de 630 metros e un arco central de 168.
-
11
As que non existen
No ano 2000 dous profesores de Enxeñaría de Camiños da Coruña idearon o proxecto Era2000, consistente en unir A Coruña con Ferrol a través de tres pontes. O plan converteuse nunha teima persoal do daquela alcalde coruñés, Francisco Vázquez, que insistiu durante un tempo en que esta unión ía "saír adiante" en canto o porto exterior fose unha realidade.
-
12
As que ía eliminar Rajoy
Nos ardores da campaña electoral das xerais de 2011 Mariano Rajoy prometeu suprimir boa parte das pontes festivas co obxectivo de incrementar a produtividade. Os días de festa ían ser trasladados ao luns máis próximo, reiterou no seu discurso de investidura, nunha promesa que tamén ficou en papel mollado.