Unha ducia de praias nudistas
Estamos xa en xuño, achégase o verán e o tempo de tocar a area coa pel. Galicia ten algúns dos areais máis fermosos da Península e tamén algúns dos mellores espazos para practicar o naturismo. Moitos menos dos que debería haber, con todo, pois nalgúns puntos da costa só se permite o nudismo en lugares moi afastados ou nos que non é posible o baño. Ademais, tres décadas despois das polémicas ao redor das tetiñas free, segue sorprendendo o escaso respecto que algúns textís gardan en praias sinaladas como nudistas.
-
01
Baroña
Tamén coñecida como Praia de Area Longa, este areal é un dos máis coñecidos de Galicia, e un dos máis simbólicos por moitos motivos, tanto pola presenza do castro, como porque aquí tivo o seu centro a reivindicación dos activistas do naturismo nos anos oitenta. Accédese a el despois de camiñar uns dez minutos por un piñeiral, o que garante ademais (en parte) o respecto para a práctica do nudismo.
-
02
Barrañán
É a praia nudista da Coruña, ideal pola súa proximidade á cidade e polas facilidades de aparcamento. Na parte negativa, o vento e a perigosidade do mar. Iso si, coma todas as praias desta costa que pouco a pouco se vai convertendo en Costa da Morte, este areal do Concello de Arteixo destaca pola súa beleza
-
03
Barra
En Cangas, despois de pasar O Hío, está Barra, ao máximo de capacidade nos meses de verán. É a praia nudista por excelencia do Morrazo, con area fina, mar en calma e un amplo espazo de dunas e piñeiral.
-
04
Bascuas
A praia de Bascuas chama a atención porque é dos areais nudistas máis achegados a zonas urbanas e turísticas. A uns douscentos metros da estrada, entre Sanxenxo e A Lanzada, destaca pola súa comodidade e pola multitude de servizos. O único malo, quizais, o exceso de xente nos días máis calorosos do verán
-
05
A Fontaíña
Vigo tiña que ter unha praia nudista próxima, e foi A Fontaíña. Situada non extremo de Samil, chégase a ela despois de pasar o complexo deportivo da Xunqueira. Non é moi grande, pero si de fácil acceso e non é visible dende a estrada.
-
06
Viñó
Tamén en Cangas, Viñó é unha praia situada a carón de Barra, da que é continuación natural. Está un chisco máis illada e ten menos servizos.
-
07
Praia de Figueiras
Esta praia, na illa norte das Cíes aparece decote nas listas das mellores praias nudistas de España. E abofé que é bonita, coma todos os areais destas illas. Coidado coa temperatura da auga, iso si.
-
08
Ponzos
Na zona de Ferrol non hai moitas praias sinaladas como nudistas. O bo é que a costa, do Cabo Prior cara o norte é ampla e despoboada e ofrece moitas posibilidades para o naturismo. Entre os areais próximos á cidade e que, en principio (aínda que non se respecta demasiado) está sinalado como nudista, está Ponzos, a carón de Doniños.
-
09
Praia de Castiñeiras
Ou de Abelleira, Canelas, Con do Corvo, Agueira ou Borreiro. En realidade poden ser consideradas a mesma praia, pois están todas seguidas e en todas é frecuente a práctica do nudismo. A zona de San Vicente, na península do Grove, ofrece areais de todos os tipos para todas as persoas.
-
10
Costa da Morte
De igual xeito que comentabamos que na zona de Ferrol se podían atopar areais illados para a práctica do nudismo, podemos dicir o mesmo da Costa da Morte: Louro, Carnota, Praia do Rostro, Pedrosa en Camariñas ou a Praia das Torradas en Malpica non son estritamente nudistas, pero si que ofrecen espazos para a súa práctica.
-
11
Praia dos Alemáns
En Burela atópase a cala dos Alemáns. Pequena e sen servizos, pero que atraer os amantes do naturismo da comarca
-
12
Cal é a túa?
Comenta cal é a túa praia galega preferida para practicar o naturismo, que por certo é legal en todas as praias, sempre que non se indique unha prohibición expresa.