Unha ducia de protagonistas dos Premios Mestre Mateo, a gran noite do audiovisual galego
O Coliseum da Coruña acolle este sábado a 22ª edición dos Premios Mestre Mateo, que organiza a Academia Galega do Audiovisual. Será a gañla máis multitudinaria da historia dos galardóns, nun escenario espectacular que responderá afirmativamente á pregunta “Hai alguén aí?" que, tomada en préstamo do Xabarín Club, busca salientar que Galicia ten un sector audiovisual "maduro e consolidado”
-
01
Fillas de Cassandra
A Gala de entrega dos XXII Premios Mestre Mateo, este sábado 23 no Coliseum da Coruña, será presentada por Lidia Veiga e Miguel Canalejo, que condicirán un espectáculo ideado e dirixido pola dramaturga Noemi Rodríguez. A música correrá a cargo de Fillas de Cassandra. Un grande espectáculo que será retransmitido en directo pola TVG
-
02
Eva Veiga
A xornalista Eva Veiga recibirá o premio de Honra Fernando Rey, que lle entrega a Academia do Audiovisual "por constituír un exemplo de profesionalidade, creatividade e resiliencia” e “por formar parte dunha xeración pioneira que fixo posible unha televisión pública comprometida coa información, a divulgación e a construción da identidade de varias xeracións de galegas e galegos".
A Academia destaca a "traxectoria vital" de Eva Veiga, que "transita da memoria á vangarda, empregando a comunicación e a creación como ferramentas ao servizo da nosa cultura e o noso audiovisual".
-
03
Bechos
Outro dos galardóns seguros é o que recibirá a serie Bechos, recoñecida co Premio Deleite á promoción da lingua. Bechos é unha serie de animación en galego producida por Undodez para a TVG, composta por pílulas de 5 minutos de duración e dirixida a primeiros espectadores.
Deleite destaca "a necesidade de que existan produtos audiovisuais de calidade e e en lingua galega dirixidas a público infantil, axudando a que se familiaricen co idioma desde idades temperás, facilitando o proceso de aprendizaxe e promovendo o seu uso cotiá"
-
04
Rapa
Rapa, con 16 opcións de premio, encabeza a listaxe de finalistas. A serie de Portocabo, da que pronto veremos a terceira tempada, compite por suposto na categoría de mellor serie (con outra serie da mesma produtora, ‘Os argonautas e a moeda de ouro’, con ‘Motel Valkirias’ de CTV e ‘Saudade de ti’ de Voz Audiovisual). Ademais, tamén coloca a seis dos seus actores e actrices como finalistas nas categorías de interpretación e opta aos premios á Mellor Dirección e Mellor Guion.
-
05
O Corno
Entre as longametraxes, O Corno é a gran favorita, despois dun ano triunfal no que recolleu premios (dende a Cuncha de Ouro ao Goya a Janet Novás) e o favor de público e crítica. O filme dirixido por Jaione Camborda suma 14 finalistas nos Mestre Mateo e opta aos galardóns a Mellor Longametraxe, Mellor Dirección e Mellor Guión. Así mesmo, conta con tres finalistas de interpretación: Carla Rivas e Diego Anido en papeis de reparto e Janet Novás como protagonista. Ademais, foi recoñecido co Premio Galicia Calidade á promoción exterior.
-
06
Salta!
Outra das longametraxes finalistas é Salta!, que suma un total de 9 candidaturas e que, ademais, foi recoñecida co Premio Cafés Candelas á produción máis inspiradora. Tamar Novas é finalista na categoría de Mellor interpretación masculina.
-
07
Matria
Matria, que ao igual que O Corno, completa nos Mestre Mateo un ano de éxitos, opta tamén ao premio á Mellor Longametraxe, ademais de ser finalista Álvaro Gago na categoría de Mellor Dirección e Mellor Guion. Así mesmo, suma catro candidaturas nas categorías de interpretación: para a súa actriz protagonista, María Vázquez, e para Susana Sampedro, como actriz de reparto, así como para Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” e Santi Prego como actores de reparto.
-
08
Fatum
A outra longamtraxe finalista é Fatum, que suma cinco candidaturas, entre elas a de Mellor interpretación masculina para Luís Tosar.
-
09
Os espazos en branco
Fóra da ficción, podemos destacar na categoría de Mellor Documental Os espazos en branco, o filme sobre Xela Arias que dirixiu o seu sobriño Bruno. Compite con ‘A viaxe de Lucy’, ‘Chichi e máis eu’, ‘Emoción, vida y teatro-A nave das Marías’
-
10
A pequena morte
As candidatas a mellor videoclip son: ‘A pequena morte’ de Caamaño & Ameixeiras, ‘Fai tempo’ de The Rapants, ‘Oliveira dos cen anos’ de C. Tangana e ‘Ruando Crónicas d’Ardén-cap 2’ de Mondra.
-
11
To bird or to to bird
‘Illa cordura’, ‘In half’, ‘O monstro e a nena’ e ‘To bird or not to bird’ competirán polo Mestre Mateo á Mellor curtametraxe de animación. To bird or not to bird gañou o mes pasado o Premio Goya á mellor curtametraxe de animación. Escrita e dirixida polo coruñés Martín Romero, foi producida por Chelo Loureiro de Abano Producions e Iván Miñambres
-
12
Nosoutras, as mulleres da revista Nós
Finalmente, na categoría de mellor serie web compiten dous traballos de ficción, ‘A arte de ser mal pai’ e ‘Terapia de’, un de animación, ‘Bechos’, e un documental, Nosoutras, as mulleres da revista Nós. Nós Televisión produce e realiza este traballo documental de tres capítulos para dar a coñecer as mulleres que escribiron na revista Nós