Unha ducia de proxectos audiovisuais que están por chegar
O gran momento do audiovisual galego depende do esforzo de moitas persoas que seguen sacando adiante as historias que queren contar. Ese longo camiño ata chegar ás salas de cinema é cada vez máis recoñecido no noso país, orgulloso da súa industria audiovisual, recoñecida internacionalmente. Veñen meses de moitas estreas e aquí seleccionamos unha ducia de proxectos que axiña serán da xente, das espectadoras e espectadores, pero hai moitos máis que están en proceso de produción e dos que seguiremos pendentes desde a redacción de Praza.
-
01
Carla Simón roda 'Romería' en Vigo
Carla Simón leva desde comezos de agosto rodando en Vigo e arredores a película coa que pechará unha triloxía inspirada na historia da súa familia. Romería completa así o que comezou con Estiu 1993 e Alcarràs, coa que gañou o Oso de Ouro no Festival de Cine de Berlín.
A actriz catalá Llúcia Garcia debuta no cine como protagonista do filme, que conta no seu reparto con Janet Novás, José Ángel Egido, Mitch Robles, Tristán Ulloa, Celine Tyll, Miryam Gallego e Sara Casasnovas, entre outros. Simón conta no equipo técnico coa recoñecida directora de fotografía francesa Hélène Louvart. A produción segue a cargo de María Zamora, Premio Nacional de Cinematografía 2024, desde Elastica Films.
-
02
Anxos Fazáns prepara unha nova película
A cineasta pontevedresa comezará no mes de outubro a rodaxe do filme As Liñas Descontinuas, no que escribe o guión xunto a Ian de la Rosa. Unha muller de 50 anos que está atravesando por un divorcio e un mozo trans de 25 anos coñécense en circunstancias curiosas e unha fin de semana xuntos cambia as súas vidas. Silvia Fuentes encárgase da produción a través de Sétima, a produtora que fundou xunto a Fazáns e coa que impulsaron o filme Cando toco un animal, de Ángel Filgueira.
-
03
Margarita Ledo ultima 'Prefiro condenarme'
A película documental Prefiro condenarme, que dirixe Margarita Ledo, rematou a rodaxe entre Ferrol, Pontedeume, Fene e Mugardos. O filme, producido por Nós Produtora Cinematográfica Galega, participou na sección de proxectos en desenvolvemento da última edición do Festival de Cine de Locarno. Ledo asina o guión xunto a Eva Veiga, e vén de publicar un poemario co mesmo título na editorial Chan da Pólvora. As actrices Melania Cruz, Iria Piñeiro e Mónica Camaño son as protagonistas desta historia.
-
04
'Lume', unha serie entre Galicia e Portugal
No primeiro semestre de 2025 está previsto que se estree na televisión pública galega e na portuguesa a serie Lume, unha ficción que trata de atopar as verdadeiras causas dun incendio que ten lugar na fronteira entre Galicia e Portugal. A actriz Cristina Castaño, que interpreta a unha xornalista que vai investigar o lume, está acompañada no reparto polos actores portugueses Ricardo Pereira e Albano Jerónimo. A serie é unha produción da RTP, a TVG e HBO Max.
-
05
Temporada final de 'Rapa'
A serie que nos amosou Ferrol en todo o seu esplendor volve para pechar a historia na súa terceira temporada. Rapa estréase en Movistar Plus+ este 12 de setembro e emitirá o seu desenlace o 10 de outubro. Producida por Portocabo e creada por Pepe Coira e Fran Araújo, volve contar con Jorge Coira na dirección e con Mónica López e Javier Cámara como protagonistas; este último, ademais, dirixe un dos episodios. Os seus personaxes, Maite e Tomás, terán novos casos que investigar, que os levarán ata o estaleiro de Ferrol.
-
06
'Fomos Ficando Sós', de Adrián Canoura
O realizador de Burela Adrián Canoura roda o filme Fomos Ficando Sós, no que volve sobre as gravacións do seu pai, mariñeiro de profesión, e se embarca con el nunha marea no Gran Sol. A produtora Zeitun Films apoia o filme, no que Canoura sobe ao barco familiar para mostrar como se vive desde dentro dun barco de pesca. A película, que colle o seu nome dun verso do poeta Manuel Antonio, conta con ter un percorrido por festivais para o ano que vén.
-
07
San Simón volve ser un campo de concentración
San Simón, a película dirixida por Miguel A. Delgado, retoma o capítulo máis escuro da illa redondelá, cando se empregou como campo de concentración entre os anos 1936 e 1943. Por alí pasaron milleiros de presos e houbo centos de asasinatos, dos que non se coñece toda a información. “É a primeira película que se fai en España que conta cunha nova narrativa da Guerra. E esa nova narrativa o que fai é moverse desde as vítimas aos verdugos, porque os verdugos non estaban contados”, contou en VINTE o catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto, asesor de Delgado nesta historia. O filme, que se estreará entre finais deste ano e comezos do que vén, conta coa produción da viguesa Andrea Vázquez, de Miramemira.
-
08
A estrea de 'Mariliendre', de Javier Ferreiro
Este verán rematou a rodaxe de Mariliendre, a primeira serie dirixida polo cineasta lugués Javier Ferreiro, que se estreará da man da produtora Suma Content na plataforma Atresplayer. Esta serie musical afonda na figura da ‘mariliendre’, esa muller que sempre vai rodeada de homes gais e bisexuais. “É unha especie de compendio de todas esas mariliendres que eu coñecín, que estiveron ao meu carón ou ao doutros amigos, centrado especialmente nas que teño máis preto. É unha homenaxe. Recuperamos unha personaxe que era a ‘reina do bacalao’, cun séquito de homes gais, que tras trinta e pico anos, e despois de ter un suceso tráxico na súa vida, está abandonada”, contou Javier Ferreiro nunha conversa en VINTE na que tamén falou de Fame e febre, a película que está a desenvolver xunto á produtora Sétima.
-
09
'Apocalipsis Z: el principio del fin', que comeza en Vigo
Baseada nas novelas de Manel Loureiro, Apocalipsis Z: el principio del fin terá a súa estrea na plataforma Amazon Prime o vindeiro 31 de outubro. Os zombis invaden a cidade de Vigo, unha estraña enfermidade similar á rabia esténdese por todo o planeta, transformando a xente en criaturas moi agresivas. O actor Francisco Ortiz protagoniza a película, dirixida por Carlos Torrens e adaptada por Ángel Agudo, producida por Nostromo Pictures.
-
10
A historia de Hildegart Rodríguez Carballeira, por Paula Ortiz
A cineasta Paula Ortiz volve levar á gran pantalla a historia de Hildegart Rodríguez Carballeira, a ‘nena prodixio’ concibida pola ferrolá Aurora Rodríguez Carballeira, como “modelo de muller do futuro”. Najwa Nimri interpreta á terrible nai e Alba Planas será Hildegart neste filme que chega ás salas de cinema o 27 de setembro e que despois estará dispoñible na plataforma Amazon Prime. Eduard Sola e Clara Roquet escriben o guión de La virgen roja, que producen María Zamora, de Elastica Films, e Stefan Schmitz, de Avalon.
-
11
'Así chegou a noite', de Ángel Santos
Así chegou a noite é a terceira película de Ángel Santos, rodada entre maio e xuño en diferentes localizacións de Sanxenxo, Meaño e O Grove. Producida por Alfonso Zarauza desde Maruxiña Films Company, con guión de Pablo García Canga, conta con Violeta Gil, Denis Gómez e Miquel Insua no reparto. Un escultor que leva o seu taller ata unha zona apartada da costa galega, os novos vínculos que crea na zona e a xestión das vellas relacións, a fuxida e o illamento... de todo isto vai esta película, que continúa a historia da curtametraxe Así vendrá la noche (2021).
-
12
Estrea de 'Xustiza artificial', de Simón Casal
O Goberno do Estado anuncia un referendo para introducir a Intelixencia Artificial na Administración de Xustiza. O obxectivo: automatizar e despolitizar a xustiza. Este é o marco da nova película de Simón Casal, JusticIA artificial, que se estrea en cines o 13 de setembro. ornasol Media, Abano Producións y Ukbar Filmes. Casal escribiu tamén o guión xunto a Víctor Sierra. A película conta con Verónica Echegui, Alberto Ammann, Tamar Novas, Alba Galocha, Santi Prego e Paula Morado no reparto e está producida por Tornasol Media, Abano Producións e Ukbar Filmes.