Unha ducia de razóns para amar Portugal
Como cada 25 de abril, este venres moitas e moitos ollamos cara ao sur para lembrar o día no que o pobo irmán decidiu ir pola liberdade e, impulsado polo seu Exército, non agardar a que llela concedesen (ou non). Coa axuda dalgunhas das persoas que estades a ler estas liñas recompilamos algúns dos moitos motivos polos que quererlle a Portugal é ben doado.
-
01
Alí florece a nosa lingua
Así o deixou escrito Castelao e así o acredita que o galego sexa, malia aos prexuízos e os paus nas rodas, unha lingua extensa e útil. "Porque escrevem bem e falam melhor", resumiron algunhas das persoas que botaron unha man nesta listaxe.
-
02
Non dobran os filmes nin o leite
En Portugal escoitar un filme en versión orixinal non é unha misión imposible, cousa que axuda moito ao seu dominio de linguas como o inglés. E ao pedir leite nun bar, xa sexa co café ou de calquera outro xeito, hai bastantes poucas posibilidades de que haxa que confirmar que se trata de "leche".
-
03
O Porto
Porque Europa está a dúas horas en coche. A mestura de modernidade e decadencia da segunda cidade de Portugal xa namorou moitos galegos e galegas, que en canto poden baixan pasear, a un concerto, a unha libraría... E, grazas ao non-traballo dalgúns, tamén a un aeroporto. Todo isto sen esquecer O Alentejo, Zambujeira do Mar, Óbidos, Lisboa, Coimbra...
-
04
Deolinda e os Homens da Luta
Dúas das innumerables razóns musicais para quererlle a Portugal. Unha, por actualizar a tradición e mesturala coa reivindicación da coñecida como Geração à Rasca. A outra, por salferir de humor a unión entre loita e arte e ser quen de levala ao bizarro escenario de Eurovisión.
-
05
As francesinhas e a Super Bock
Porque a modernidade non quita as francesinhas, apuntastes -e ben apuntado- algúns de vós. Estas marabillosas creacións da gastronomía portuguesa -portuense, para máis sinais- son só unha mostra da boa mesa do país veciño, na que tampouco pode faltar o bacallao, o caldo verde, o frango á piri-piri, os pastéis de Belem, a ginjinha...
-
06
A arte feita azulexo
Coa mesma materia prima coa que nesta beira do Miño facemos un amaño de dubidoso gusto, da outra fan verdadeiras obras de arte, tanto ten que sexa nunha igrexa, nunha cociña ou nunha estación do tren.
-
07
Os festivais
Paredes de Coura, Primavera Sound, Fantasporto, IndieLisboa... A pouco que se deixen os tópicos e prexuízos para outras latitudes pódese observar que as mostras de creatividade nacional e internacional son inmensas no país irmán.
-
08
O galo de Barcelos
Porque tornou símbolo internacional de Portugal e xorde dunha lenda que ten moito de galega. Porque aínda hai moitas casas do país que confían nel para saber que tempo vai facer e loce precioso en calquera lugar (aínda que os televisores modernos non permitan situalo enriba).
-
09
Pola educación da súa cidadanía
Son múltiplas as persoas consultadas -tamén quen asina- que dan conta da boa educación dos portugueses e portuguesas e da súa formalidade no traballo. Boa xente, en xeral (con excepcións, como aquí).
-
10
O café
Foron moitas as persoas que, no proceso de elaboración case colectiva desta ducia, insistiron en eloxiar as bondades do café portugués, xa sexa por que o serven a unha temperatura axeitada
-
11
É unha república
A cidadanía portuguesa decide quen ostenta a xefatura do Estado mediante unha votación. Puro exotismo.
-
12
Porque fixeron unha revolución...
... e derrubaron a ditadura. E fixérono, como di Otelo Saraiva de Carvalho, do xeito máis bonito.