Praza Pública

Unha ducia de razóns para non perder o Festival de Cans

A parroquia porriñesa de Cans xa arrecende a cinema. E a música, e a gastronomía e a libros... Tras salvar algún obstáculo máis do previsto a organización do Festival de Cans xa o ten todo a punto para botar a andar, dende o mércores 24 ao sábado 27 de maio, a súa décimo cuarta edición. Velaquí doce petiscos dun programa que, novamente, reborda agroglamour

  1. 01

    Escolma de booktrailers

    Tras a experiencia inicial de 2016 desta volta a sección de booktrailers medra en Cans para multiplicar as ligazóns entre literatura e audiovisual e "indagar no futuro das novas mesturas que, ao acubillo de internet, emerxen" para promocionar o libro e a lectura. Coa coordinación da xornalista Teresa Cuíñas proxectaranse en Cans ata 10 pezas de obras de xéneros literarios diversos

  2. 02

    'Recoméndoche un libro'

    Outra vía para a mestura de literatura e audiovisual. Impulsado dende a Biblioteca Neira Vilas, o IES Castelao e a Escola Oficial de Idiomas de Vigo, a iniciativa formenta a participación como a crítica a través do vídeo ou a realización de booktrailers

  3. 03

    15 anos do Prestige

    Ás portas do décimo quinto aniversario do naufraxio do Prestige nas costas galegas o festival lembra aquel "punto de inflexión" na sociedade galega e a creatividade artística que xurdiu en torno a ela. Entre os traballos audiovisuais que se proxectarán destaca Mar de fondo (Daniel Guzmán), un documental gravado en 2003 e aínda inédito que verá a luz en Cans o venres 26 ás 6 da tarde. Xunto a ela, Cans revisita outros traballos como Carcamáns (Marcos Nine), Crebinsky (Enrique Otero), Man (Xosé Manuel Abraldes) ou Toxic Percebe (Xabi Jácome e Martín Fiallega).

  4. 04

    'A historia dun satélite'

    Cans acollerá a estrea mundial do primeiro filme das Also Sisters (Sonia e Miriam Albert-Sobrino), A historia dun satélite. As realizadoras debutan na longametraxe con este traballo producido pola Universidade de Utah tras triunfaren coas súas curtas en diversos festivais internacionais.

  5. 05

    Coloquio na leira con Montxo Armendáriz

    O realizador navarro será nesta ocasión o protagonista na leira de Alicia no mediodía do sábado

  6. 06

    O regreso (por un día) de Radio Océano

    O mítico grupo liderado por Xosé Manuel Pereiro (a.k.a. Johny Rotring) xuntarase de novo en Cans para recuperar algunhas das súas pezas audiovisuais e ofrecer unha "actuación exclusiva", prometen

  7. 07

    MiniCans

    O espazo miúdo do festival rebordará actividade durante toda a xornada do sábado: cinema, xogos, e cancións non han faltar

  8. 08

    Premios e homenaxes

    Desta volta o Premio Pedigree será para Miguel de Lira, que deixará, como corresponde, a súa estrela no torreiro de Cans. Os Chimpíns de Prata serán para Jorge Coira e mais para Feliciano Bernárdez, veciño da vila. 

  9. 09

    O traballo audiovisual da veciñanza

    Dende o pasado febreiro dez veciñas e veciños da aldea de Cans traballaron en documentación, guión, edición e montaxe coa coordinación do realizador Juanma Lodo. A súa creación audiovisual é unha curta documental sobre a emigración que se estreará no primeiro día do festival, o mércores 24.

  10. 10

    Tapas de cinema

    Na tarde do xoves 25 o festival esténdese ata a praza do Concello do Porriño para mesturar cinema e gastronomía da mans dos cociñeiros Inéz Abril e Rafa Centeno.

  11. 11

    Can Sonoro

    Un percorrido sonoro polos camiños de Cans da man de Xurxo Souto. O sábado, dende as 10 da mañá.

  12. 12

    Os chimpibuses!

    Vehículo oficial do festival, emblema do agroglamour e do espírito de Cans