Unha ducia de razóns que fan da Festa do Melindre de Melide a "máis doce" de Galicia
A vindeira fin de semana, o 10 e 11 de maio, a vila de Melide acolle a 33ª edición da Festa do Melindre, a festa "máis doce de Galicia". En dúas xornadas cheas de larpeiradas, música e diversión celébrase a repostería tradicional desta comarca e prepáranse e véndense milleiros de melindres, ricos e amendoados. Velaquí todo o que se pode facer en Melide eses días.
-
01
A feira
A festa comeza o sábado pola mañá, a iso das 11, momento en que abre a feira no Cantón de San Roque. O ano pasado houbo 35 stands nos que se venderon milleiros de doces. En total empregáronse máis de 10.000 ovos para facelos.
Nos fornos tradicionais do corazón da vila amásanse cada día os melindres, ricos e amendoados. Estes doces fanse notar na zona vella de Melide no momento da súa cocción grazas ao seu delicioso aroma.
-
02
Os melindres
Os melindres son os reis da celebración, declarada Festa de Interese Turístico
Galego en 2013, e danlle nome. Non son máis que rosquillas pequenas ás que se lles dá brillo e cor cun baño de azucre, pero saben a gloria e son máxicas: se probas unha, tes que repetir. -
03
Ricos
Nos últimos anos, a homenaxe estendeuse a toda a repostería típica e tradicional de Melide e da súa comarca, incluíndo tamén os ricos e os amendoados. Os ricos teñen unha característica forma alongada e a súa dureza exterior. Trátade de doces únicos que só se elaboran na Terra de Melide.
-
04
Amendoados
Os amendoados están elaborados con améndoas moídas, claras de ovo, azucre e obleas para a base, que lles dan o seu inconfundible aspecto.
-
05
Irmanamento con Santurtzi
Un dos primeiros eventos que se celebrará na festa é o irmanamento de Melide coa localidade vasca de Santurtzi, un acto que terá lugas ás 12 do mediodía do sábado na Casa do Concello e que incluirá outras actividades ao longo da fin de semana. A escolla non é casual: foron moitos os galegos e galegas que emigraron a esta vila biscaíña, que aínda mantén unha Casa de Galicia, fundada en 1969. Esta asociación traballou arreo polos galegos e a nosa cultura na diáspora.
Ás 12.45 a agrupación de Santurtzi Zugaitza Dantza Talde e gaita Galega actuarán na Praza do Convento.
-
06
Edu Lavandeira, pregoeiro
Este ano o pregón será realizado polo vigués Edu Lavandeira, director e creativo audiovisual, gañador do Premio Mestre Mateo ao Mellor Programa
de TV por Buscadores de Naufraxios. Apaixonado da gastronomía, creou a primeira serie documental dedicada ao pan: Maestros del Pan, e publicou dous libros sobre o tema: Planeta PAN e Pan Galego.Toda a súa familia materna é de Melide. Ademais, acumula case dous millóns de seguidores entre Instagram, Tik Tok e YouTube onde trunfan os seus virais vídeos de elaboracións.
Lavandeira converterase ademais nun dos novos embaixadores da Festa do Melindre, xunto coa Casa de Galicia de Santurtzi e Karmele Tubilla, alcaldesa da localidade biscaíña.
-
07
Obradoiro de doces
Ás 12 do mediodía comezará tamén no Cantón de San Roque o Obradoiro Interxeracional de exaltación dos doces da Terra de Melide, no que nenos, nenas e maiores aprenderán a elaborar melindres, ricos e amendoados.
-
08
Korrontzi
A Festa do Melindre, como toda boa festa inclúe tamén moita música. Ademais dos pasarrúas que animarán todo o centro de Melide durante o día e das actuacións de agrupacións tradicionais e de danza e charangas (Zugaitza Dantza Talde, Gaita Galega, Herba Grileira, Bicoia, Charanga Caliqueños, Froito Novo...), o sábado ás 20 horas na Praza das Coles os vascos Korrontzi porán a bailar a todos os asistentes á festa.
A formación, creada en 1994, conta cunha ducia de discos publicados, unha ampla traxectoria que parte da tradición musical do seu país, baseada na trikitixa, a txalaparta ou a alboka.
-
09
De Ninghures
O domingo pola tarde, ás 19 horas, a música será galega, da man dunha das bandas do momento: De Ninghures, que a partir da tradición desenvolve un moi interesante traballo creativo, con influencias e sonoridades distintas. En De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos.
En 2022 publicaron ‘Aquí’ o seu primeiro álbum e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois, coma o exitoso ‘Morena’. Presentan traballo e espectáculo novo: FEIRA.
De Ninghures: «A nosa música axuda a que a xente diga "que guapa é a miña cultura"»
-
10
Actividades para toda a familia
Na Festa do Melindre hai actividades para toda a familia, pensando sobre todo na cativada. O clown de ROGELIO 3. LA FETÉ e os malabares de SEN PATRÓNS asegurarán a diversión para os e as máis pequenas da casa.
-
11
Doa e proba
Hai uns días a Festa do Melindre iniciou a campaña de colaboración coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue mediante a cal cada persoa doante de sangue recibirá un agasallo doce, un rico de Melide.
A iniciativa comezou en Melide e moveuse tamén por Lugo e Santiago e chegará o 8 de maio á Coruña. Finalmente, pechará a xeira de novo en Melide o 9 de maio.
-
12
Un paseo por Melide
A derradeira razón para vir á Festa do Melindre e posiblemente a máis importante é para dar un paseo por esta fermosa vila e pola súa comarca. Unha localidade que agocha tesouros como a Capela de San Roque, as igrexas de Santa María, San Pedro ou San Xoán de Furelos e os seus valiosos cruceiros. E, por suposto, unha gorentosa gastronomía que descubrir estes días, con xantares que sempre deben rematar cun doce.