Unha ducia de récords climáticos en Galicia
Cal é o lugar onde máis chove? Onde se rexistrou a temperatura máis alta da historia? E a máis baixa? Onde fai máis vento? Que concello ten máis horas de sol? Cando se bateu a marca de máis días de chuvia seguidos? O libro Os tempos e o clima de Galicia, publicado por Xerais hai uns meses, achega todos estes datos e, ademais, explica como se producen os distintos fenómenos meteorolóxios, por que fai o tempo que fai e de que xeito está a cambiar o clima.
-
01
O lugar con máis horas de sol
A Mezquita é o lugar de Galicia que recibe máis hora de sol cada ano, cunha media de 2.571, chegando a récords de 2.909 (ano 2017). Supera por pouco a Vigo, Sálvora, Vilardevós, Bueu, O Grove, Vilanova de Arousa, Viana do Bolo ou Verín.
-
02
O lugar con menos horas de sol
Dun dos puntos máis meridionais de Galicia ata un dos máis septentrionais. A estación meteorolóxica de Penedo do Galo, en Viveiro, é a que anualmente rexistra menos hora de sol, cunha media de 1.580, chegando mesmo a marcas de 1.081 horas (ano 2014). Viveiro supera por pouco os datos de Mondoñedo, A Pontenova, Cervo, Abadín ou Ortigueira.
-
03
O lugar coa temperatura máis alta
A temperatura máis alta de Galicia foi rexistrada o 7 de agosto do ano 2016 na estación de Evega, no concello ourensán de Leiro. Foron 44,2 graos, lixeiramente por riba dos 44 graos acadados en Salceda de Caselas en 1997. Pantón, Monforte, Ponteareas, O Barco, Ribadavia ou O Porriño chegaron tamén aos 43 graos.
-
04
O lugar coa temperatura máis baixa
O récord da temperatura máis baixa corresponde a Xinzo de Limia, onde os termómetros baixaron ata os 19 graos baixo cero o 1 de xaneiro de 1971. Xunqueira de Espadanedo (-15,5), Viana do Bolo (-15) e Calvos de Randín (-14,4) rexistraron tamén valores moi reducidos.
-
05
O lugar con máis 'días de verán'
O concepto de día de verán refírese a aqueles días nas que a temperatura máxima acada ou supera os 25 graos centígrados. Leiro e Arnoia, Arnoia e Leiro, compiten por liderar este indicador en Galicia, aínda que o récord cae polo de agora do lado da Arnoia, con 184 días no ano 2017 (máis da metade do ano), fronte ao 181 de Leiro e os 168 da cidade de Ourense. Iso si, Leiro e Arnoia comparte a marca do maior número de días de verán consecutivos, un total de 87 entre os meses de xuño e setembro de 2016
-
06
O lugar con máis 'noites tropicais'
De igual xeito, cando a temperatura mínima acada ou supera os 20 graos centígrados, considérase que se produce unha noite tropical. Non son moi frecuentes en Galicia, pero a estación meteorolóxica do Campus de Vigo chegou a rexistrar 24 no ano 2006. Fornelos de Montes, Mondariz e Oia están tamén nas primeiras posicións desta lista.
-
07
O lugar con máis días de xeada
Finalmente, o lugar de Galicia con máis días de xeada, é dicir, nos que as temperaturas chegan ou baixan dos cero graos, é Cabeza de Manzaneda. No ano 2013 foron 152 días os que baixaron desa temperatura. A Veiga e Calvos de Randín están tamén entre as áreas con máis días de temperaturas baixo cero.
-
08
O lugar no que chove máis
Aquí hai competencia. Podemos falar do lugar que rexistrou máis precipitacións nun ano (Lousame, 3.393 milímetros). Ou do que recolleu máis chuvia nun só mes (Vilariño de Conso, 1.327 mm en decembro de 1978). Ou do concello que tivo máis auga nun só día (Zas, 300 mm o 3 de abril de 1988). En calquera caso, está claro que lugares como Fornelos de Montes, Cuntis, Boiro, Santa Comba, Beariz, Dodro ou Cerdedo son zonas de moito chover, pois firguran nos primeiros lugares destas clasificacións.
-
09
O lugar con máis días de chuvia
Hai lugares nos que se cadra non car tanta cantidade de auga, pero no que si hai moitos días de chuvia. Val do Dubra ten o récord galego con máis días de chuvia nun só ano, un total de 273 no ano 2008, case tres de cada catro. Abadín, Zas ou Carballo tiveron tamén anos con máis de 250 xornadas con precipitacións. Ademais, Ponteareas ten o récord do maior número de días seguidos de chuvia: 54 a cabalo entre novembro do 2000 e xaneiro do 2001.
-
10
O lugar no que chove menos
Monforte de Lemos ten o récord galego de menos precipitacións recollidas nun ano. Foron 366 mm no 2007, que tamén foi o ano máis seco en Rubiá (385 mm). Celanova, Verín, Larouco ou Bóveda seguen nesta lista. De feito, Verín posúe outra marca relacionada: é o concello cunha media de días de chuvia máis baixa, 117 xornadas por ano, por diante de Viana do Bolo, Rubiá e Larouco.
-
11
O lugar con máis vento
Pois o lugar máis ventoso de Galicia é o Monte Ventoso, en Ferrol (que acaído o nome, verdade?). En dura competencia con Estaca de Bares e co Cabo Fisterra, este punto posúe a media diaria de velocidade do vento máis alta: 102,1 km/h o 25 de febreiro de 1989, que superou a marca que fixara o Hortensia en 1984
-
12
O lugar co refacho de vento máis forte
Outra cousa son os refachos puntuais. O refacho de vento máis forte rexistrado nunca en Galicia deuse en Estaca de Bares (Mañón), uns 229 km/h o 23 de xaneiro de 2009, superando outras marcas próximas aos 200 km/h de Carballeda de Valdeorras, Fisterra, Malpica ou A Veiga.