Unha ducia de rutas de sendeirismo
Xa está ben que ficar sentados no sofá. Xa está ben de ver a tele e xa está ben de mirar máis e máis vídeos de youtube ou de xogar á Wii. Xa está ben de pasear por Marineda City, As Termas ou As Cancelas. Hai que sair. E non hai mellor maneira de coñecer as marabillas deste país que camiñando. Galicia está inzada de roteiros. Máis longos ou máis curtos. Máis duros ou máis levadeiros. Subindo montes ou seguindo os ríos. Unhas das mellores cousas que se pode facer na fin de semana e unha boa maneira tamén de ser consciente do valor do noso entorno, decote vítima de notables agresións.
-
01
Subida ao Monte Pindo
O camiño comeza detrás da igrexa do Pindo. Son só 4,5 quilómetros pero todos en subida e por veces con treitos nada doados. A subida pódese facer en ao redor de 2 horas -o descenso leva menos- e a recompensa está ao final, cunhas vistas absolutamente espectaculares: de Monte Louro a Fisterra ou Corcubión. E tamén pola sensación de estar nun lugar máxico.
-
02
Mustallar, Penalonga e Pico Lanza
Nesta ruta súbense os tres montes máis altos da provincia de Lugo, Mustallar (1935 m), Penalonga (1896 m) e Pico Lanza (1867 m). Non son os máis altos de Ancares xa que o Cuíña e o Miravalles os superan, pero estes están na provincia de León por completo. A ruta tamén rodea o circo glaciar do Mustallar. Son algo máis de seis horas para uns 15 quilómetros de percorrido.
-
03
Fragas do Eume
Todos sufrimos hai uns meses polo desastre natural que tivo lugar nas Fragas. Esta é unha boa ruta para coñecer este espazo. Ten 27 quilómetros e unha forte ascensión na parte final pero sempre se pode buscar un camiño máis cómodo que simplemente acompañe o curso do rio. Parte do Bar Lamela na Capela e pasa polo mosteiro de Caaveiro.
-
04
Alto do Couto, Devesa da Rogueira e Formigueiros
A ruta comeza no Alto do Couto, atravesa a Devesa de Rogueira e pasa por unha antiga mina e sobe finalmente a Formigueiros (1640 metros, cumio máis alto do Courel). Son dez quilómetros e en catro horas permite ver algúns dos lugares máis fermosos do Courel.
-
05
Ruta dos Muíños de Carballeda de Avia
Son moitas as rutas que se poden facer nesta comarca e esta ofrece o atractivo de ir atopando a cada pouco un bo número de muiños: Muíños de Veronza, Muíños de Bullón, Muíños de Trigás, Muíños de Abelenda, Muíños das Fermosa... Non é moi complicada e os seus 17 quilómetros pódense facer en pouco máis de seis horas. Percorre ademais a zona do Monumento Natural Pena Corneira
-
06
Ruta da Auga pola Serra do Galiñeiro
Dende hai uns anos véñese organizando roteiros pola Serra do Galiñeiro para concienciar sobre o valor deste espazo, ameazado por parques eólicos e agora por empresas mineiras. Esta ruta corresponde á III Andaina pola protección da Serra do Galiñeiro e parte do Polígono industrial de Zamáns. Ten 12 quilómetros que se fan en pouco máis de cinco horas.
-
07
San Paio de Araúxo - Prado Seco - Pico da Nevosa
Trátase dun dos camiños máis complicados desta ducia. 20 quilómetros e nove horas e media de duración polo Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. E ademais con treitos non sempre ben sinalizados. Sae de San Paio de Araúxo (Lobios) e sobe até o Pico da Nevosa, de 1.546 metros, xa en Portugal, para regresar ao punto de partida
-
08
Ruta dos ríos San Xusto e Vilacoba
Este camiño percorre o Concello de Lousame seguindo a ribeira do río Vilacoba, e pasando por varias fábricas de papel en ruinas e muiños abandonados. Sobe ao monte Culou polo cortalemes e baixa até o Mosteiro de Toxosoutos e de novo ao punto de partida polo río e as súas fervenzas. Case 30 quilómetros e unhas seis horas de duración.
-
09
Ruta do Barbantiño
Unha ruta cómoda a pesar da súa lonxitude e duración: 23 quilómetros e máis de sete horas. O bo é que o camiño vai percorrendo a beira do rio, as veces con pasarelas de madeira para facer máis cómodo o percorrido. Sae e regresa ao Viñao (Punxín, Ourense) e polo camiño atravesa por minicentrais hidoreléctricas, pontes e fervenzas.
-
10
De Piornedo a Pico Lanza
Esta ruta leva dende Piornedo ata Vilarello e de alí ata ás brañas de Vilarello e a Golada de Boca do Campo. Dende a golada sobe ata o pico Lanza (ou Lagos) e segue pola serra de Villous ata a Golada da Toca e o pico do Agulleiro e logo continúa por un fermoso bosque de vellas bidueiras ata unha zona de acivros para desembocar nas Campas de Veiga Cimeira moi cerca xa de Piornedo. Son 19 quilómetros e a maior dificltade son os metros finais do ascenso a Lanza.
-
11
Pena Trevinca e Pena Negra
Non é un camiño que poida facer todo o mundo por mor dos seus 27 quilómetros e case dez horas de duración que inclúen os ascensos a Pena Trevinca e Pena Negra. A ruta aproveita as vellas creada na procura de wolframio e ascende até os 2127 metros do monte máis alto de Galicia.
-
12
Ruta circular dos muiños do Folón
E para rematar volvemos ao sur. Trátase dunha ruta longa -17.4 quilómetros- pero circular, que se fai en ao redor de seis hora. Ten como inicio e final os famosos "muiños do Folón", que ben conservados ruben pola pendente do monte na zona do Rosal. Bosques de carballos e piñeiros e fermosas vistas sobre o mar e o Miño completan o percorrido.