Unha ducia de rutas de sendeirismo nos espazos naturais galegos
Chegou a primavera e o tempo solleiro e os días máis longos animan a calzar as botas e botarse ao monte, ás moitas rutas de sendeirismo que existen en Galicia. Repasamos aquí unha ducia dos camiños que se poden percorrer nos espazos naturais (parques naturais, paisaxes protexidas ou zonas de especial protección).
-
01
Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés: Ruta de Padrendo
O sendeiro PR-G 28 (Ruta de Padrendo), de 11,3 quilómetros percorre parte do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Dende Padrendo, o camiño discorre polo val, entre os somontes da Serra de Santa Eufemia e a do Xurés.
-
02
Rutas de sendeirismo no Parque Natural das Fragas do Eume
O Parque Natural das Fragas do Eume acolle no seu interior varias rutas: Sanguiñedo, Os Encomendeiros, Cerqueiros, Fontardión, Pasada Vella, Pena Fesa, Ventureira, Os Corzos..., con diferentes características e dificultades. O Camiño dos Encomendeiros, duns 11 quilómetros ida e volta, é o máis empregado e chega ao Mosteiro de Caaveiro dende as pontes de Cal Grande. Tamén se pode destacar o Camiño da Ventureira, que chega ata a antiga Central Hidroeléctrica do mesmo nome e, se se quere subir ao alto do parque, está o Camiño dos Cumios de Sanguiñedo e tamén o Camiño dos Cerqueiros, que chega ata o miradoiro de Carboeira
-
03
Parque Natural Monte Aloia: PR-G 2
Dentro do Parque Natural Monte Aloia, o camiño PR-G 2 sobe polas ladeiras da Serra do Galiñeiro para rematar no Monte Aloia ou de San Xulián. A ruta, duns nove quilómetros de lonxitude, comeza no refuxio de montaña do Club Montañeiros Celtas e cruza bosques de piñeiros e eucaliptos con fermosas vistas de Vigo e a súa ría.
-
04
Parque Natural do Invernadeiro: Ruta da Ortiga
O Parque Natural do Invernadeiro conta con varias rutas no seu interior. Entre elas destaca a Ruta da Ortiga, circular e de 22 quilómetros de lonxitude. Entre piñeiros, chega ao Pico da Ortiga, a 1.500 metros de altitude, dende onde se pode ter unha boa perspectiva de todo o parque e tamén das serras de Queixa e Manzaneda.
-
05
Ruta de sendeirismo no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra
O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra pódese percorrer nunha ruta circular duns vinte quilómetros que parte da aldea do Robledo da Lastra, na parroquia do mesmo nome, no concello de Rubiá. O camiño, inicialmente a carón do río Gadir, pasa pola Ruta Real de Oulego e o Miradoiro da Cruz de Lama ata chegar á aldea de Biobra, onde se atopa o Centro de visitantes do Parque Natural. Dende alí retórnase ao Robledo da Lastra. Ademais, no camiño pódese ascender -previa autorización- ata os Penedos de Oulego, unha característica parede vertical rochosa.
-
06
Sendeiro dos Bosques Máxicos de Castro Caldelas
Entre a Ribeira Sacra e a paisaxe protexida do Val do río Návea, Castro Caldelas ofrece varias rutas de interese, coma o Sendeiro dos Bosques Máxicos (PR-G 213), formado por dous camiños circulares que suman 20,6 quilómetros de lonxitude. O punto de partida é a Praza do Prado, en Castro Caldelas, e o camiño segue o río Edo e pasa polas ruínas do mosteiro de San Paio de Abeleda, do século XII.
-
07
O Courel: Ruta da Devesa da Rogueira
No Courel son moitos os camiños e sendeiros existentes. Un dos máis populares é a Ruta da Devesa da Rogueira, un camiño circular de 13,3 quilómetros (o roteiro principal mide 9,5 km e as derivacións ás Fontes do Cervo e ao miradoiro de Pico Polín miden 3,8 km) que parte da Aula da Natureza de Moreda.
-
08
Os Ancares: Sendeiro Quintá-Río donsal (PR-G 159)
Preto dos Ancares, en Becerreá, pódese percorrer o Sendeiro Quintá-Río Donsal (PR-G 159), de 15,3 quilómetros. Comeza no lugar do Couto e vai cara ao val do río Donsal, pasando pola aldea de Quintá. Unha vez no val, pásase pola Fonte dos Corzos e a Fraga da Baliña hasta chegar a un fermoso curruncho do río Donsal.
-
09
Ribeira Sacra: Ruta Canón do Río Mao (PR-G 177)
Na extensa Ribeira Sacra son moitas os sendeiros existentes. Entre elas destaca a Ruta Canón do Río Mao (PR-G 177), que parte do albergue A Fábrica da Luz e, de forma circular, abrangue 16,5 quilómetros de percorrido, sobrevoando o canón do río Mao.
-
10
Rutas de sendeirismo en Pena Trevinca
Pena Trevinca é o teito de Galicia, cos seus 2.127 metros. Son varios os camiños que chegan ao seu cume, coma o PR-G 199, que chega ao Sentil Alto dende A Ponte (A Veiga), cunha lonxitude total de 21,6 quilómetros. E tamén a Ruta do Maluro (PR-G 198), máis longa, con 26 quilómetros dende Vilanova (A Veiga). Paga a pena, igualmente, a Ruta das lagoas glaciares da Serpe e de Ocelo (PR-G 200), de 14 quilómetros, tamén dende A Ponte, que non chega á Pena Trevinca, pero si ao cume do Fial (1.841 m).
-
11
Rutas de sendeirismo no Macizo Central
No Macizo Central, entre os encoros de Chandrexa de Queixa e de Portas, podemos gozar da Ruta Val do Glaciar de Prada, de 17,5 quilómetros, con saída e chegada na Igrexa parroquial de San Miguel de Bidueira (Manzaneda). Tamén da Ruta dos Soutos (16,9 km) dende a Casa do Concello de Vilariño de Conso. óu da Ruta dos Soutos de Cesuris (11,4 km) en San Miguel de Bidueira (Manzaneda)
-
12
ZEC Carnota-Monte Pindo: Ruta da Moa
Para subir ao icónico Monte Pindo a Ruta da Moa é unha das mellores opcións. Con 9 quilómetros de lonxitude, parte da área recreativa de O Fieiro, en Mazaricos, regresando ao mesmo lugar a través do Monte Penafiel. Tamén se pode optar por subir dende a aldea do Pindo, nun percorrido máis longo (15 km) e duro.