Unha ducia de series e filmes da plataforma AGalega coas que facer unha maratón
Vén de nacer AGalega, a plataforma dixital de difusión de contidos da CRTVG, unha fiestra que ofrece -de balde e en galego- unha chea de series, películas, programas e vídeos históricos do rico arquivo da televisión pública de Gaicia. E, ademais, na plataforma do Xabarín pódese acceder en calquera momento a unha rica programación en galego para as crianzas. Velaquí unha ducia de propostas que se poder atopar nestes novos contedores.
-
01
Mareas Vivas
Hai uns meses celebrouse o 25 aniversario do inicio da emisión de Mareas Vivas, unha serie que marcou época en Galicia, abrindo camiño para outras producións audiovisuais. Pola produción dirixida por Antón Reixa pasaron Luís Tosar, Luís Zahera, Miguel de Lira, Isabel Blanco, Camila Bossa, Sonia Castelo, Carlos Blanco, María Louro, Manuel Lourenzo, Ana Santos, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira ou Tuto Vázquez. En AGalega pódese ver a primeira tempada.
-
02
...ou Pratos Combinados
Outra serie de culto que tamén se pode ver na nova plataforma é Pratos Combinados. O Bar Suízo espera a todos e todas que estrañan á familia Pereira e queren ver algúns dos seus capítulos. Agalega ofrece tamén a posibilidade de ver outras series clásicas, como Matalobos ou Padre Casares, pero tamén máis recentes, como Auga Seca ou Na Gloria.
-
03
Cinema galego, por exemplo... 'Arima'
Ademais de series, a plataforma ofrece xa moito cine galego, dende 18 comidas á Esmorga, Dhogs ou Cuñados, pasando por O Descoñecido, Ons, Engurras ou Celda 211. Para esta maratón escollemos Arima, a ópera prima de Jaione Camborda, multipremiada por O Corno.
-
04
...ou 'O que Arde'
Algunhas das mellores creacións do novo cine galego están dispoñibles en AGalega. Por exemplo, Trote, Lúa Vermella, Trinta Lumes ou O que Arde.
-
05
Unha chea de documentais, por exemplo... 'Os días afogados'
Tamén hai moitos documentais, entre os que destacan Esquece Monelos, Vigo 1972 ou Nación. Ou Os días afogados, que recolle a historia das persoas que viron as súas aldeas anegadas pola construción do encoro de Lindoso.
-
06
...e series documentais, como 'Galicia de 20 a 20'
Hai igualmente series documentais, como Galicia de 20 a 20, que segue os pasos de Ruth Matilda Anderson, a fotógrafa americana que nos anos 20 do século pasado percorreu Galicia
-
07
Filmes para os e as pequechas, como 'Valentina'
Ademais de Agalega, tamén está en marcha a plataforma Xabarín.gal, que ofrece unha ampla programación de contidos infantís en galego, con filmes como Valentina, premiada co Goya á mellor película de animación.
-
08
Series, coma 'Os Bolechas'
Hai tamén un monllo de series, como a que se realizou cos personaxes de Os Bolechas, de Pepe Carreiro.
-
09
E toda a programación do Xabarín Club!
E moito máis!, dende series clásicas a novos éxitos da programación infantil, dende os Teletubbies, Cocorico ou Pipi Mediaslongas a O detective Conan, Sherlock Holmes ou Kiteretsu, o primo máis listo de Nobita.
-
10
Música, por exemplo 'Sons de Ortigueira'
Pero non só hai filmes e series. AGalega inclúe tamén contidos musicais, dende documentais a programas, pasando por concertos. Sons de Ortigueira, de Segundo Grandío, repasa en 77 minutos o mellor do Festival de Ortigueira.
-
11
E deportes: 'Aqueles marabillosos 90'
Tamén deportes, como Aqueles marabillosos 90, que lembra con partidos completos e reportaxes os anos nos que Dépor, Celta e Compostela estaban en Primeira División. Para nostálxicos, sobre todo na Coruña e Santiago. Ademais, Un século de afouteza percorre a historia celeste e Cando fomos os mellores debulla os títulos e alegrías do Superdepor.
-
12
Programas de hoxe: No carro da música
A plataforma inclúe tamén algúns dos últimos programas da TVG, coma No carro da música, un formato que se inaugurou con Mondra e no que músicos e músicas do país falan das súas creacións metidos nun coche.
-
13
E os contidos de 'Pasou o que pasou'
Finalmente, dende a plataforma pódese acceder aos contidos de Pasou o que pasou, que tira do valioso arquivo da TVG para amosar algúns dos momentos clave das últimas décadas en Galicia.