Unha ducia de temas que serán noticia en 2013
Revisando esta lista de temas dos que seguramente falaremos -e moito- nos vindeiros meses, a impresión é que o 2013 vai ser un ano de moitos e agudos conflitos en case todos os eidos da sociedade. A crise económica e os recortes monopolizarán a atención informativa e deixarán pouco espazo para respirar. Será un ano de resistencia? De reconquista de espazos? Seremos máis felices dentro de doce meses? É tempo de defendermos a alegría.
-
01
Haberá rescate? A canto chegará a taxa de desemprego?
A noticia do 2013 seguirá sendo a crise económica: a espada de Damocles do sempre presente rescate, a omnipresente débeda e prima de risco e sobre todo, por riba de calquera outra cousa, o deseemprego. Dende o Goberno xa comeeza a haber apelacións aos até agora tan deostados "brotes verdes". Algúns sitúan unha hipotética recuperación a final de ano, outros en 2014 e outros en 2017. Pero a cousa é que segue habendo máis de cinco millóns de parados e paradas en España e case 300 mil en Galicia e que as cifras do desemprego xuvenil ou do de longa duración son terribles. A crise non afecta a todos por igual.
-
02
Que pasará con NGB? E coas preferentes?
En 2013 parece que haberá cambios en NGB. E non parece que vaian ser para mellor. En primeiro lugar a entidade posiblemente sexa absorbida por outra antes do verán, o que non mudará moito a situación para os seus traballadores, dos que un milleiro perderán o seu posto este ano. E tampouco semella moi optimista o futuro inmediato para os milleiros de afectados pola estafa das preferentes: a meirande parte seguirán de momento suxeitos á quita fixada no rescate financeiro aceptado por España.
-
03
En que quedará o asunto de Pemex?
Pouco a pouco vaise sabendo a verdade sobre os acordos para a construción de varios floteis para Pemex. Segue sen estar claro se os estaleiros galegos construirán finalmente estes barcos e cando o farán. E a paciencia dos traballadores de Vigo e Ferrolterra comeza a esgotarse. Tamén no asunto do prometido dique flotante. O 2013 será clave para o futuro do naval galego.
-
-
05
A re-construción da oposición
O 2013 será un ano sen eleccións e será un tempo para que todos os actores politicos, especialmente os partidos da oposición, constrúan ou reconstrúan as súas estratexias. En primeiro lugar o PSdeG-PSOE e o BNG, que sufriron unha derrota sen paliativos o 21 de outubro e que este ano, previsiblemente antes do verán, celebrarán un congreso e asemblea que serán claves para o seu futuro. Pero tamén será un ano importante para a construción de AGE, despois so éxito acadado nos comicios. E tamén para a de Compromiso por Galicia. E entre todos será un ano para artellar unha alternativa ao PP. Será posible?
-
06
A pelexa de Feijoo en Ourense
O PPdeG pola súa banda celebrará congresos provinciais que en principio serán moi tranquilos para Alberto Núñez Feijoo. Todos? Non. En Ourense volveremos a asistir a unha batalla polo control do partido. E pode que esta vez Feijoo teña unha oportunidade ante os Baltar.
-
07
Pasos adiante na lingua?
Os últimos meses de 2012 depararon numerosas sentenzas xudiciais que puxeron en cuestión a politica lingüistica iniciada por Feijoo e que rachou un consenso de décadas entre todos os partidos. Tamén os informes de expertos deixaron clara o erróneo camiño encetado por esta xeración de dirixentes populares. En paralelo o proxecto de reforma educativa do ministro Wert volveu situar a lingua como un tema de conflito.
-
08
Galicia é unha mina
Corcoesto, Galiñeiro, Castrelo de Miño... Vanse engadindo nomes e conflitos motivados polos plans de distintas empresas para explotar o subsolo galego na procura de ouro ou de terras raras. E todo cuns beneficios máis que cuestionables para a poboación dos lugares nos que se sitúan estas minas.
-
09
Que inventen eles?
Outros dos temas recorrentes no últimos meses foron os sucesivos recortes no financiamento de universidade e centros de investigación. Galicia e España parecen empeñadas en desprezar o I+D+i e en expulsar a tan cacarexada "mellor xeración da historia" á emigración. 2013 será un novo ano de recortes, de aumento de taxas e de perda de autonomia para as universidades galegas.
-
10
A cultura contra os recortes
Non se presenta ben o 2013 para a cultura. Os recortes ameazan o libro o teatro o cinema ou a música galega e os milleiros de persoas que fan destes campos o seu oficio. Haberá que pelexar para que a administración revise as súas prioridades e tamén para atopar un novo espazo: cultura construida dende a base
-
11
O futuro é dixital
Os cambios son duros para calquera sector, e sobre todo no medio dunha profunda crise económica. Falamos por exemplo da industria editorial ou dos medios de comunicación. A rede ofrece moitas posibilidades, pero tamén obriga a reformular os modelos de negocio. E as editoriais ou os xornais galegos -e os seus traballadores e traballadoras- seguirán sufrindo en 2013 esta restruturación. Os que saian triunfantes terán un futuro brillante.
-
12
Sanidade e educación... véndense?
O 2013 é o primeiro ano no que entran en vigor os grandes paquetes de recortes sanitarios impostos polo Goberno central e aplicados pola Xunta. En Galicia os colectivos de defensa da sanidade pública alertan tamén sobre a "privatización", concretada en proxectos como o Hospital de Vigo. No ámbito educativo o Goberno galego desenvolverá neste ano a Lei de Universidades, que lles impón ás institucións académicas o corsé da débeda e do déficit, mentres no ensino obrigatorio seguen as protestas pola tesoirada no investimento.