Marcos Pérez Pena

Unha ducia de tesouros do Arquivo Valle-Inclán da USC

Dende hai uns días pódese consultar online e de forma libre o Arquivo Dixital Valle-Inclán, que contén 4.500 documentos e 80.000 imaxes, froito do traballo desenvolvido nos ultimos 20 anos polo Grupo de Investigación Valle-Inclán da Universidade de Santiago (GIVIUS). Fotografías, caricaturas, entrevistas e outras publicacións en prensa, traducións, cartas e ducias de obras do autor de Vilanova de Arousa, ademais de borradores e bosquexos que permiten coñecer o seu proceso creativo.

  1. 01

    Entrevista a Valle-Inclán sobre o seu "vicio predilecto"

    Preguntado no ano 1933 por Estampa sobre o seu "vicio predilecto", Valle contesta que é "o Café", "onde tan comodamente perdín a mocidade e a saúde", engade. A mesma revista preguntáballe ao autor (e a outros intelectuais, como Azorín ou Unamuno) se preferían o mar ou a montaña para veranear, apostando Valle por Sevilla e un patio de laranxos poboado de carrcantas.

  2. 02

    Carta de Valle-Inclán a Murguía en 1893

    O Arquivo conserva varias cartas entre Valle-Inclán e Murguía, todas da derradeira década do século XIX, algunha enviada dende México, onde Valle se trasladara para dirixir varios xornais. "O meu sempre querido e respectable mestre: Ao escribirlle a vostede parece que me dirixo a toda a nosa Galicia, pobre pensativa e soa, que dixo o poeta".

  3. 03

    Caricatura de Valle-Inclán por Carlos Wiedner (1910)

    Son moitas as caricaturas que se poden ver no arquivo, pubicadas neses anos na prensa española, pero tamén doutros países. Pode que a figura doadamente esquematizable de Valle (barba, quevedos...) levase á multiplicación de debuxos que, en ocasións, resolven o persoeiro en apenas uns trazos.

  4. 04

    Entrevista a Valle-Inclán sobre "a arte da República"

    O arquivo permite consultar un gran número de entrevistas a Valle-Inclán. O autor, en 1932 aposta no xornal Ahora porque a República sirva para un renacemento artístico en España, nomeadamente no teatro ou na pintura. En entrevistas anteriores (Heraldo de Madrid, 1925) maniféstase rotundamente a favor de que os intelectuais interveñan na política ou por unha renovación urbanística para conseguir "un Madrid menos feo" (Luz, 1934).

  5. 05

    Caricatura de Valle-Inclán a cargo de Luis Bagaria Bou

    Neste cadriño de Luis Bagaria podemos ver "como nace, crece e se desenvolve un gran home"

  6. 06

    Entrevista a Valle-Inclán: "Nos últimos 15 anos só fun unha vez ao teatro"

    Valle-Inclán publicou unha vintena de obras teatrais, algunha tan destacada como Luces de bohemia, Martes de Carnaval ou Divinas Palabras. Porén en 1926 afirmaba que nos 15 últimos ano só fora unha vez ao teatro. "Non me seduce, non me atrae o teatro", repetía, ao tempo que afirmaba que "os cómicos españois son todos moi medianos"

  7. 07

    Caricatura da tertulia do 'Levante' a cargo de Luis Alemany

    Os cafés e os faladoiros foron un dos hábitats preferidos por Valle-Inclán. Así o reflicte esta caricatura, que amosa as conversas intelectuais no Nuevo Café de Levante de Madrid entre 1908 e 1914, frecuentadas por Valle, Azorín, Pío Baroja, Rusiñol ou Julio Romero de Torres.

  8. 08

    Fotografía de Valle-Inclán en 1889, con 23 anos

    Aínda que a imaxe máis recoñecible de Valle-Inclán incúe case sempre unha longa barba, primeiro negra e totalmente branca nos seus últimos anos, o arquivo conserva imaxes do autor nos seus anos mozos. Nesta, con só 23 anos, o intelectual aparece con bigote, nun tempo no que aínda estudaba na Universidade de Santiago e acababa de publicar os seus primeiros relatos en revistas compostelás e barcelonesas.

  9. 09

    Valle-Inclán con tres dos seus fillos en 1927

    Unha gran parte das fotografías conservadas no arquivo dan conta da actividade pública de Valle, pero hainas tamén de tipo familiar, coa súa dona ou cos seus fillos: tivo un total de seis.

  10. 10

    Carta a Manuel Azaña dende Compostela (1935)

    É abundante a correspondencia entre Valle-Inclán e Azaña dende comezos dos anos 20 ata ben avanzados os 30, despois xa do paso do político pola Presidencia do Goberno. En marzo de 1935, uns meses antes do pasamento do escritor, Valle escríbelle a Azaña dende o Sanatorio do doutor Villar Iglesias, na rúa Xeneral Pardiñas de Compostela, desexándolle "mellores días para vostede, para a República e para min".

  11. 11

    Retrato de Valle-Inclán a cargo de Anselmo Miguel Nieto

    Hai tamén retratos de distintas épocas, que amosan a figura inconfundible do autor galego.

  12. 12

    Entrevista a Valle-Inclán: "Reportero, te dejo mi cadáver"

    O 12 de xaneiro de 1936, unha semana despois da súa morte, Crónica publicaba unha extensa crónica sobre Valle centrada, precisamente, na morte, unha idea que -din- o obsesionaba dende anos atrás: "Gustaríame morrer en Roma", dixéralle en 1933 ao xornalista que asinaba o artigo.