Marcos Pérez Pena

Unha ducia de tesouros e segredos do Parque do Pasatempo

En 1893 comezou a construírse en Betanzos o Parque do Pasatempo, un xardín "enciclopédico", como o alcumou Luís Seoane, co que o indiano Juan Naveira buscaba ilustrar á cidadanía coas marabillas e a cultura do mundo. En 1933 comezou a decadencia do Parque, que perdeu moitos dos seus elementos e que só se comezou a frear nos últimos anos. Declarado finalmente Ben de Interese Cultural no ano 2020, o Pasatempo busca un mellor futuro no que amosar múltiples tesouros e segredos dun lugar único no mundo.

  1. 01

    Estatua dos Irmáns García Naveira no seu emprazamento orixinal

    O Parque do Pasatempo foi un proxecto persoal fo betanceiro Juan García Naveira, que aos vinte anos emigrou a Arxentina e fixo fortuna como comerciante. Xunto co seu irmán levou a cabo un gran número de iniciativas filantrópicas na súa vila de orixe, como escolas, asilo, un fermoso lavadeiro público ou unha Casa do Pobo. En 1893 comezou a construír tamén en terreos que mercara nunha xunqueira nas aforas da localidade este parque público, que non estivo rematado ata dúas décadas despois.

  2. 02

    Plano da estrutura orixinal do Parque do Pasatempo

    O Parque do Pasatempo tiña orixinalmente unha grande extensión (uns 90 mil metros cadrados), aínda que nas súas décadas de abandono e degradación perdeu moitos dos elementos e espazos cos que contaba inicialmente. Nada queda da verxa orixinal, de edificios coma a Casa dos Espellos ou a Billeteira, do Estanque dos Papas, da Avenida dos Emperadores Romanos ou da Avenida dos Álamos. 

  3. 03

    Os leóns do Parque do Pasatempo, en Covadonga

    Algúns dos elementos orixinais mesmo se poden atopar moi lonxe de Betanzos, coma os leóns que presidían a entrada do parque, feitos en mármore de Carrara, a imitación dos que os irmáns Naveira viran en Roma no monumento funerario en memoria do Papa Clemente XIII. En 1964 os herdeiros dos irmáns Naveira venderon os leóns aos responsables do Real Sitio de Covadonga, en Asturias, onde se atopan dende entón.

  4. 04

    Vista da canle nos anos 50 do pasado século. Parque do Pasatempo

    A decadencia do Parque iniciouse en 1933, tras a morte do seu creador. Na Guerra Civil parte dos terreos foron empregados como campo de concentración de presos republicanos e nas décadas seguintes os herdeiros dos Naveira empregaron o espazo como finca agrícola e, posteriormente, como lugar onde deitar entullos, o que soterrou algúns estanques e outros elementos.

  5. 05

    Situación actual do Parque do Pasatempo

    A chegada da Democracia non mellorou moito a situación. En 1980 a asociación Adelpha (Asociación de Defensa Ecolóxica e do Patrimonio Histórico Artístico) solicitou a declaración de conxunto histórico-artístico, que non foi adiante debido á falta de iniciativa do Concello.

    En 1986 o Concello adquiriu o parque, pero unha das súas primeiras actuacións foi a construción dun aparcamento e dun campo de fútbol na esplanada do parque, o que fixo que se perdesen para sempre un gran número de elementos. Só en 1991 se leva a cabo unha primeira actuación coa vontade de conservar o que quedaba do Pasatempo.

  6. 06

    Os obxectivos do parque

    O Pasatempo agocha moitas sorpresas e algúns segredos, entre eles as intencións de Juan García Naveira detrás da construción do que moitos deron en chamar "o primeiro parque temático". Unha das obsesións do indiano, que marchara a Arxentina sendo analfabeto, era a culturización da poboación na súa terra de orixe. Fíxoo con escolas e fíxoo tamén con este parque, que amosaba a importancia da cultura universal e moitas das marabillas que os irmáns Naveira viran nas súas viaxes. Algunhas hipóteses, coma a de Ángel Arcay Barral, teñen aventurado, ademais, unha narrativa masónica do deseño das estruturas do Pasatempo.

  7. 07

    Árbore Xenealóxica do Capital

    Entre os elementos máis curiosos que contén o parque está esta árbore xenealóxica do capital, que destaca algúns elementos que Naveira consideraba -por experiencia- necesarios para acadar fortuna, coma o "traballo", a "constancia" ou o "aforro".

  8. 08

    Reloxos

    A vontade universalista, de amosar as realidades do amplo mundo que Naveira percorrera, está presente neste muro das horas, que amosa os fusos horarios de distintos lugares do planeta, con Bos Aires no centro.

  9. 09

    Hijas republicanas. Parque do Pasatempo

    A pegada americana é unha das claves principais do Parque do Pasatempo, con todo un longo muro dedicado á Arxentina, con relevos do gaucho Martín Fierro, escudos das trece provincias arxentinas e outros elementos representativos do continente, coma o sacrificio do indio Tupac Amaru. Ademais, un mural de gran tamaño está dedicaco á "España monárquica e as súas 18 fillas republicanas", en referencia ás nacións americanas constituídas no século XIX tras a fin do período colonial

  10. 10

    As viaxes e marabillas do mundo

    No Parque do Pasatempo poden verse exemplos das marabillas do mundo e de elementos que os Naveira viran nas súas viaxes, con representacións de dirixibles, de aeroplanos, da pirámide de Keops ou da mesquita de Mohamed Alí, no Cairo

  11. 11

    Unha representación da modernidade

    Outro mural representa a Canle de Panamá, que viña de ser inaugurada en 1914. O parque funciona así como un expositor dos feitos da actualidade do momento, unha fiestra ao mundo

  12. 12

    Gruta

    Na súa zona de terrazas, o parque inclúe mesmo grutas con estalactitas e estalagmitas 

  13. 13

    León colosal

    Na parte máis alta chegamos a un león colosal que domina o conxunto do parque e dende onde se pode contemplar a parte baixa do mesmo. Veremos dende aquí, tamén, o futuro do Pasatempo, cun proxecto de restauración que semella que, esta vez si, pode asegurar a conservación deste espazo único para as vindeiras xeracións.

    En febreiro do ano 2020 Pasatempo foi finalmente declarado Ben de Interese Cultural, acadando unha protección integral despois de décadas de degradación e iniciando uns traballos de restauración, cun orzamento de 1,5 millóns de euros, cuxa segunda e terceira fase aínda están en fase de licitación.