Praza Pública

Unha ducia de textos no paseo dos escritores de Rianxo

Rianxo é terra de literatura. O paseo marítimo de Rianxo conforma unha senda literaria con monólitos que lembran a un gran número de autores e autoras, coas súas imaxes e textos. Repasamos algúns deles

  1. 01

    Castelao

    No paseo non podía faltar o rianxeiro máis universal, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, representado por un monólito que recolle un extracto de Os dous de sempre

  2. 02

    Máis Alá!

    De Rianxo era tamén Manuel Antonio, que co coruñés Álvaro Cebreiro asinou en 1922 o manifesto Máis Alá, dirixido á mocidade galega, a quen lle escribiron: "En cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: Máis alá!"

  3. 03

    'A fiestra valdeira'

    Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste viviron na Rúa de Abaixo da localidade rianxeira, situadas a escasos metros de distancia. Por suposto, no paseo literario tamén figura Dieste cun fragmento de A fiestra valdeira

  4. 04

    Xosé María Brea Segade

    Xosé María Brea Segade naceu en Taragoña en 1904 e morreu cando só tiña 30 anos. Na súa poesía, enmarcada na vangarda galega, cultivou unha lingua culta e literaria. Non chegou a publicar ningún libro en vida e permaneceu esquecido ata os anos 50 en que Faustino Rey o deu a coñecer

  5. 05

    Faustino Rey Romero

    Faustino Rey Romero ten tamén o seu espazo no paseo dos escritores. Nacido en Isorna en 1921, finou no ano 1971 en Bos Aires, onde se exiliara. Sendo crego, tivo problema coa xerarquía eclesiástica polas súas posicións antifranquistas e críticas co celibato sacerdotal. En Catoira fundou o Ateneo Viquingo e foi precursor da coñecida Romaría Viquinga. 

  6. 06

    Manuel Antonio

    No paseo podemos ler un anaco da obra máis coñecida de Manuel Antonio, o De catro a catro, o poema vangardista máis importante da literatura galega.

  7. 07

    Dos arquivos do trasno

    'Na morte de estreliña' é outra de obras das que podemos ler un fragmento no paseo. Trátase dun dos contos incluídos en Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste

  8. 08

    Vangardista e mariñeiro

    A ambición vangardista e o carácter mariñeiro da obra de Brea Segade destacan noutro dos monólitos existentes no paseo.

  9. 09

    De catro a catro

    "N'os burdeles xa saben/ que a nosa moeda/ ten o anverso de ouro/ e o reverso sentimental". Outro dos versos de De catro a catro enche outra das paradas neste paseo

  10. 10

    Rafael Dieste

    Unha parte da obra de Rafael Dieste publicouse en castelán. Trala Guerra Civil exiliouse en Bos Aires, aínda que residiu noutras cidades, como Rotterdam, Montevideo, Cambridge ou Monterrey (México). En 1961 regresou a Galicia.

  11. 11

    En vela

    O 'crego anticlerical' Faustino Rey Romero está a ser máis reivindicado nos últimos anos. Trala súa morte en Arxentina en 1971 en estrañas circunstancias (fálase mesmo dun asasinato), os seus restos foron trasladados a Galicia en 1987

  12. 12

    'Adeus'

    'Adeus' é o poema que pecha De catro a catro, o final da travesía no que o poeta chega a terra, mira para a baía e bota de menos o veleiro.