David Lombao

Unha ducia de trebellos de antes

Aparellos, obxectos, usos e costumes que eran, querían ser ou foron presentados como un paso definitivo cara á modernidade. Máis cedo que tarde a tecnoloxía ou a vida deixáronos obsoletos e, nalgúns casos, quen os mercou pasou de ser unha persoa adiantada ao seu tempo a estar un chisco decepcionada, cando non estafada. Malia todo, sempre haberá quen berre "viva antes!".

  1. 01

    O Teletrébol e o Telepick

    En 1993 Televisión Española e Telecinco presentaban candanseus trebellos para iniciar o que presentaban como unha nova era: "a televisión interactiva". O Teletrébol e o Telepick eran dous aparellos nada baratos (unhas 4.000 pesetas o primeiro, case 20.000 o segundo) destinados, esencialmente, a participar en concursos televisivos dende a casa. Os inventos fracasaron en apenas un ano. A causa alegada, que cousas, foi a crise económica.

  2. 02

    O Laser Disc

    Comercializado por Pioneer dende os anos 80, os Laser Disc eran grandes como vinilos e raiábanse como os vinilos, pero viñan ser algo así como uns precursores do DVD, que lles acabou comendo o mercado. Non obstante, aínda hai nostálxicos que conservan un deses aparellos, especialmente queridos tamén nun espazos tan de antes como os karaokes.

  3. 03

    Os cartuchos de videoxogos

    Eran duros como penedos e foron un gran paso adiante a respecto dos videoxogos gravados en cinta, aqueles nos que cumpría agardar media vida para que cargasen. Durante anos foron a base do entretemento dixital, con consolas como a NES, a Super Nintendo, a Mega Drive ou a Game Boy como máximos expoñentes. A última que apostou ao grande polo cartucho foi a Nintendo 64. Agora son pezas de coleccionista. 

  4. 04

    O cassette, alias 'cinta'

    Como cantan Os da Ría, "a música toda estaba en deliciosas cassettes". Ningún CD e, por suposto, ningún mp3 proporciona goces sensoriais como o rebobinado -a man ou a máquina-, o enganche da cinta ou a gravacións, xa fosen dende a radio ou dende outra cassette. Os últimos exemplares sobreviven, como non, preto dos surtidores de combustible. 

  5. 05

    O móbil-ladrillo

    "Di moito de ti", aseguraban as primeiras publicidades que, por unhas 70.000 pesetas, anunciaban que a telefonía móbil xa estaba ao alcance dos mortais. Modelos de marcas como Motorola provocaron que os primeiros pasos dos teléfonos sen fíos obrigasen a levar no peto algo semellante a un contador da luz cuxa batería duraba un suspiro (algo menos que nos smartphones) pero que tamén podían ser alimentados por seis pilas alcalinas. Pero que ben lucían nos cintos dos emprendedores, con cadansúa funda de coiro, iso si.

  6. 06

    As lentes fotocromáticas

    Un represor érao un pouco máis se lucía bigotiño e gafas fotocromáticas, desas que escurecen ao contacto co sol, cun aquel vampírico. Aínda amplamente utilizadas na actualidade por persoas con problemas visuais e tamén na prácticas deportivas, estas lentes tan de antes eran lucidas sen pudor polos cargos públicos e forzas vivas da ditadura.

  7. 07

    A cabina da Telefónica

    Pero a cabina, cabina, con porta susceptible de atascarse. A telefonía móbil está a varrer os poucos teléfonos públicos que fican nas rúas, pero xa hai anos que é practicamente imposible atopar unha desas cabinas que mesmo inspiraron ao cinema.

  8. 08

    A Olivetti

    Cinta, papel, papel carbón, tac-tac-tac... clin! A banda sonora de escribir a máquina nunca será superada por ningún ordenador e, aínda menos, por unha pantalla táctil. Se buscan, aínda poden atopar máis dunha en organismos oficiais ou en oficinas vetustas.

  9. 09

    O Cinexín

    Creado pola compañía Exín, este proxector de cinema fixo as delicias de nenos e nenas e non tanto das súas familias. Intimamente relacionado coas películas de Disney, foi un dos xoguetes de referencia nos anos 70 e 80. Agora comercialízase un modelo diferente e non sabemos se mellor... é moderno.

  10. 10

    O canciño que di que si

    Durante moitos anos moita xente considerou, por algún motivo, que levar un canciño de plástico que move a cabeza lle daba un aquel estético aos coches. Estes artiluxios, que chegaron a ter canción de seu, foron paulatinamente substituídos en certas, digamos, tribos automobilísticas por obxectos decorativos aínda máis horripilantes que converten o can nun elemento case elegante.

  11. 11

    Os tenis con luces

    Alguén considerou, nalgures, que podía quedar moi ben poñerlle luces ás zapatillas deportivas. Os tenis luminosos foron pezas codiciadas para os nenos e nenas dos 90.

  12. 12

    O convenio colectivo

    Son instrumentos xurídicos que garanten certos dereitos laborais dos traballadores e traballadoras, negociados entre sindicatos e patronal e garantes de dereitos colectivos. Son, cada vez máis, un instrumento de antes...