David Lombao

Unha ducia de usos prácticos do "e ti, máis"

Os resultados das eleccións europeas e as decisións xudiciais provocaron unha verdadeira convulsión na política galega que derivou en exercicios tan pouco habituais como as dimisións. Non obstante, xunto a esta novidade reproducíronse prácticas tan habituais como o "e ti, máis", consistente en procurar miserias alleas máis ou menos reais para tentar compensar as propias. Repasamos algúns usos prácticos deste modus operandi político.

  1. 01

    Nun control de tráfico

    Transitas comodamente pola estrada e, de súpeto, decátaste de que mantiveches o coche a 50 quilómetros por hora nunha zona limitada a 30. Unha patrulla da Garda Civil detente e pídeche explicacións como paso previo a unha multa. É o momento de repasar o seu currículo e lembrarlle que, seguro, máis dunha vez foi atender unha emerxencia a máis velocidade. Ten que ver? Iso é o de menos.

  2. 02

    Nunha churrascada

    Estás inmersa ou inmerso na voráxine churrasqueira e, contra o final do xantar ou da cea, alguén da outra banda da mesa lémbrache con retranca que hoxe "non vas con fame", dado o gran número de ósos que poboan o teu prato. "E ti, máis". Que se corresponda coa realidade é secundario.

  3. 03

    De viños

    Intimamente ligada coa anterior. Se unha esmorga se vai un chisco das mans e alguén che indica que ese relocer nos ollos é cousa do viño, indícalle que el ou ela, "máis".

  4. 04

    Chegando tarde

    Quedaches ás catro e media e chegas ás cinco. A persoa que agarda por ti non está, obviamente, do mellor humor posible. A opción máis lóxica sería pedir desculpas pero, por que empregala podendo mergullarse na súa traxectoria ata atopar cando menos un día no que se retrasase, aínda que fose un chisco. En caso de non existir pódese botar man dun día no que chegase antes de tempo e centrar o debate no pouco respecto polos horarios.

  5. 05

    Ao tentar non agardar quenda

    Se tes o feo costume de non respectar a quenda cando corresponde terás que deseñar unha estratexia para xustificalo. Ante a primeira protesta deberás repasar a traxectoria vital de quen a formule para remontarte, se cómpre, ata os seus anos de gardaría. Seguro que algunha vez fixo algo semellante.

  6. 06

    Unha protesta da veciñanza

    Erguícheste de bo humor ás sete da mañá e, de tal euforia, non te decataches de que puxeches música a un volume máis elevado do recomendable. Decidiches a última hora da tarde poñerte a furar a parede para colgar eses cadros que levan meses a agardar. Ante tales actividades, o veciño do lado vénche dicir, visiblemente irado, que non son horas para o ruído. Que mandeira é esa de protestar? Que escándalo! El, máis ca ti.

  7. 07

    Ao tomar con lixeireza unha recomendación médica

    A doutora diche que vai sendo hora de perder uns quilos pero tres ou catro compromisos gastro-lúdicos acabaron coas túas boas intencións. O médico recoméndache facer deporte e non lograches vencer a tentación do sofá. Non pasa nada; acaso non hai profesionais da medicina cuns quilos excesivos? Nunca viches un médico a fumar, aínda que fose nas súas horas libres? E que fai recomendándoche exercicio mentres senta nunha cadeira?

  8. 08

    Un (ou varios) suspensos

    Unha aplicación especialmente dirixida ás xeracións máis novas e que non sobra malia á súa obviedade. Chegar á casa cunhas notas peores das agardadas só pode conducir a dous camiños: o da posta en valor do esforzo realizado e o propósito de emenda ou o do "e ti, máis". Docentes, pais, nais, amizades... Seguro que alguén tivo peores cualificacións nalgún momento da vida.

  9. 09

    Diante da televisión

    Quen non discutiu algunha vez co telexornal? Irrítate especialmente ese dirixente político. Dille todo o que pensas del ou dela. Non terá consecuencias practicas pero, a quen lle importa iso?

  10. 10

    Na ITV do coche

    Ese momento no que, no canto do coche, o exame parece dirixido a quen o conduce. Ao chegar ao final a persoa que realiza a inspección indícache que hai que realizar un arranxo no teu vehículo porque algo non funciona ben. Abramos debate, baixemos á lama se é necesario: quen che di a ti que o seu coche non está peor?

  11. 11

    Na praia

    Estás a xogar ás pas na praia e dáslle coa pelotiña a alguén que descansa tranquilamente na area. Entras a correr na auga e mollas a quen non debes. Seguro que a persoa que protesta fixo algunha vez o mesmo ou, se cadra, peor. É o momento de esixirlle que asuma responsabilidades.

  12. 12

    Gobernando un país

    Pasa ás veces.