Unha ducia de vídeos electorais dos últimos tempos
Dos vellos spots que aparecían nos espazos gratuítos de propaganda electoral das televisións aos vídeos feitos na casa por espontáneos simpatizantes ou detratores dos candidatos, a videocracia ten evolucionado moito na última década. E máis con Youtube, que fai que os vídeos de campaña corran coma a pólvora polas redes sociais, ás veces con admiración por estaren ben feitos, ás veces pola sorpresa ou provocación que buscan, e outras veces deixando fe do mal que lles senta o tempo a moitas promesas electorais.
-
01
Eu son Anxo Quintana
Sen dúbida un dos vídeos máis impactantes no seu momento e un dos máis recordados, pertencente á campaña das eleccións galegas de 2009, na que o candidato do BNG Anxo Quintana mostrouse máis que receptivo a usar o vídeo como ferramenta de propaganda electoral. Así o fixo con este spot, pero xa levaba meses explorando as posibilidades do videoblog con Quin.TV. Nesa campaña o vídeo que parodiaba a Espartaco tivo máis versións feitas por simpatizantes, como aquela de "eu teño días". Algún tamén se animou a dedicarlle un reggaetón coma o que lle dedicaran a Obama.
-
02
Eu non son Anxo Quintana
O partido Terra Galega presentouse ás eleccións galegas do 2009 con Xoán Gato de candidato á Xunta como alternativa galeguista de centro e dirixindo a súa parodia ao daquela vicepresidente e candidato do BNG, Anxo Quintana. As preocupacións dos cidadáns que aparecen no vídeo (por certo, todo homes coa súa idade), preguntando polas subvencións prometidas, a día de hoxe son como mínimo entrañables.
-
03
Feijoo e o paro
En 2009 o candidato Feijoo tamén se apuntou á moda dos videoblogs ofrecendo a súa imaxe máis informal, tomando café na cociña da súa propia casa en Vigo. Neste vídeo fala do paro e é curioso ver tres anos despois os resultados da súa xestión no goberno neste asunto que tanto lle preocupaba e que vivía de forma tan sentida.
-
04
Feijoo e familia
Nesta ansia por humanizar os candidatos para coñecelos algo mellor o PP tamén botou man das orixes de Alberto Núñez Feijoo, e en especial da súa familia máis próxima para contarnos a historia do rapaz que naceu nos Peares e chegou ás portas de Monte Pío. O soño ourensán, poderíaselle chamar. Con intervencións estelares dos seus pais, da súa irmá Micaela e da súa amiga Pilar Farjas, despois conselleira de Sanidade, agora no goberno central.
-
05
«Feijoo Girl»
A obamanía non só chegou aos gabinetes dos candidatos senón tamén aos propios usuarios (coa complicidade dos gabinetes?). Este vídeo foi un remix-adaptación do famoso vídeo da Obama Girl, ao candidato Feijoo en 2009, incluído no blog dunha suposta adolescente que se declaraba "Enamorada de Feijoo".
-
06
«O presidente»
O culmen da obamización foi o tratamento da 'marca Touriño' que elixiu o PSdeG en 2009 para a súa campaña electoral, queréndolle dar unha aura moi similar á do presidente dos Estados Unidos, mesmo cun toque de The West Wing. Coñécese que non contaban con perder as eleccións, porque desde o día 2 de marzo dese ano foi bastante ridículo ver como ficaba nos valados esa suposta aura do xa ex-presidente.
-
07
Videoblogs e austeridade: Bascuas
De 2009 a 2012 as cousas mudaron moito para as formacións políticas. Algunhas delas atomizáronse e os orzamentos nin son os que eran en xeral, nin moito menos para as novas candidaturas sen apoio institucional. Isto non ten por que ser malo: as tecnoloxías abaratáronse para todos e a cidadanía máis que nunca espera austeridade dos seus políticos e non grandes despregamentos. Trátase de desafiar a precariedade e incorporala de xeito natural ao discurso público e así o fai por exemplo Xoán Bascuas, o candidato á Xunta de Compromiso por Galicia. Na súa casa e coa webcam do ordenador, ao final do día deixa as súas impresións da campaña dun xeito moi cercano e natural. Boa idea, pero estaría ben sintetizar as mensaxes, que a xente tampouco ten tanto tempo para escoitar, e menos cando hai tantas candidaturas diferentes desta vez.
-
08
A autoentrevista: Carlos V. Padín
Ao igual que Bascuas, sen complexo de precariedade, o candidato de Converxencia XXI tamén comezou para esta campaña ás galegas unha serie de vídeos nos que expón as posturas políticas e programáticas do seu partido. Alén do decorado, a iluminación e o son, que son mellorables pero mantéñense nos requisitos de austeridade que esixen os mercados, o que queda máis estraño é o formato, con esa figura en off de alguén facendo as preguntas dunha suposta entrevista, por suposto guionizada, e Carlos V. Padín respondendo el só en plano. Tal vez está inspirado o plano polo Aló Presidente de Hugo Chávez, aínda que sospeitamos que non.
-
09
Videoclips: «Teo é teu»
O grupo Medomedá puxo a música e moitos veciños puxeron a cara e o sorriso para compoñer este videoclip, que aínda que trataba de convencer para votar a Martiño Noriega, sobre todo daba ganas de vivir en Teo. Funcionou.
-
10
Carretaxe
En 2005 o audiovisual foi unha arma poderosa para mobilizar o voto polo cambio despois de 16 anos de fraguismo. O proxecto colaborativo «Hai que botalos» xuntou os esforzos de moitos creadores galegos nunha obra audivisual composta de diferentes pezas de denuncia. Unha delas foi Carretaxe, unha curta documental sobre o carrexo de votos nun concello calquera do rural galego, neste caso Vilar de Barrio.
-
11
Voucho debuxar para que o entendas: Caldo pentapartito
A falta de ver con que máis pezas nos sorprenden de aquí á xornada de reflexión, a videocampaña deste ano polo de agora ten un claro gañador: o vídeo que as Novas Xeracións do PPdeG fixeron para explicar, de forma moi clariña e coa súa graza, o panorama político dos últimos anos. Un traballo magnífico que circulou por moitos muros de Facebook, sobre todo de xente que non pensa votar a Feijoo. O argumento é demoledor, e a mágoa para o é PP non ter moitos máis ao seu favor.