Unha ducia de vídeos que marcaron esta campaña electoral
Spots, videoblogs, mitins gravados, remixes, virais... despois de repasarmos os vídeos electorais máis salientables dos últimos tempos é hora de vermos as pezas audiovisuais que axudaron a dinamizar esta campaña. Demostrouse que os cartos, reducidos para todos pero máis escasos para uns que para outros, non son o máis importante para facer unha videocampaña digna. E que o tempo dos artificios publicitarios xa pasou, e a tendencia tira máis cara ao faino ti mesmo e a linguaxe da xeración Youtube.
-
01
«Veña Galicia» e a rima consoante de Los Limones
De "Chegou o momento das cousas con xeito, Galicia no peito, nos feitos, nos beizos...", que dicía o retrouso da canción usada polo PPdeG na campaña do 2009, a "Veña Galicia, esa ledicia, veña Galicia, boas noticias, veña Galicia, unha delicia, remata o que inicias (...) Veña Galicia, temos pericia, non fai falta malicia", Los Limones avanzaron na exactitude da rima, pasando de asoante a consoante, aínda que os acordes non se diferencian moito da anterior encarga que lle fixo o equipo de Rueda-Feijoo. Aquela xa non era moi boa pero tiña certo xeito, como diría a propia canción. Pero esta, ademais de non innovar na música e leva unha letra tan ridícula que fai que botemos de menos a Juan Pardo e o súa outra rima case consoante "Xuntos nos trunfos..."
-
02
Depende de ti, depende de nós...
E do hortera pasamos ao cursi cun toque de estilo indie para ver outro vídeo musical: o que fixeron as Xuventudes Socialistas nesta campaña para apoiar a candidatura do PSdeG. Así como hai tres anos demostraran ese chisco de mellor gusto dentro do mainstream usando a canción Quen puidera namorala versionada por Xoel López. No vídeo saen facendo playback (ou lipdub, como lle chaman agora) moitas persoas de variada pelaxe, todas tirando a ben feitas, e por suposto imaxes dunha Galicia bonita, urbana, con planos detalle de flores, globos, papaventos, follas de carballo. Unha estética positiva, esperanzadora e bastante publicitaria. Isto é, descafeinada, baleira de contido político e apelando ás emocións.
-
03
Cen idades, cen caras, cen desexos electorais
A outra proposta publicitaria do PSdeG en forma de vídeo musical é unha copia desta idea do holandés Jeoren Wolf que xa tivera grande impacto nas redes sociais este ano. Aínda así está ben feitiño e achega un pouco máis de contido que o anterior, salientando un dos puntos clave nas campañas de case todos os partidos á esquerda do PP, que é facer protagonistas as persoas, fronte ao poder dos mercados que é o que está a mandar e a importar en Europa. De novo, xente guapa pero non demasiado, e ben retratada. En Youtube pódese ver a versión completa do vídeo coas 100 caras, mentres que para o spot televisivo paparon uns cantos anos para adaptarse ás restricións do medio.
-
04
Máis caras, pero de can
En contraste coas boas vibracións que queren transmitir os vídeos do PSdeG, o BNG vai ao outro estremo e opta pola carraxe para atraer o voto indignado ou máis ben cabreado co goberno de Feijoo. Así, onde os socialistas achegaban cores pastel e fermosas melodías, o Bloque ofrece comeza o seu anuncio con sombras e cun tono de enfado, e aínda que ao final tamén saen distintas persoas da candidatura con Jorquera á fronte ofrecendo mellor cara, non esta claro que tanta negatividade sexa a mellor estratexia, cando a xente precisamos algo de esperanza, sen chegar aos globos das XXSS. Ata os máis guerreiros precisan motivación positiva para ir ao combate. Hase ver.
-
05
O carteiro de UPyD
O premio ao candidato máis riquiño é para José Canedo, de UPyD, que se presenta nun vídeo moi xeitoso, un dos mellores da campaña, coma un cidadán máis, moi cercano a calquera de nós. Só que de UPyD, claro. Tan cercano que é ata entrañable velo nestoutro vídeo canda Toni Cantó após unha visita ás mariscadoras de Poio, manifestando a súa empatía con elas e co seu traballo pero sen facer ningunha proposta política, e ata recoñecendo que se sentía ridículo facendo o paripé de mariscar con elas. Porque nos caes ben, Canedo, co ben que estás de carteiro, que necesidade tes de meterte nestes fregados?
-
06
O debate deconstruído de CxG
Outro candidato do tipo adorable é Xoán Bascuas, que tamén aposta pola cercanía para comunicarse cos votantes, como xa desmostrou no seu videoblog. Destas semanas gustounos especialmente a idea do debate deconstruído, que estruturou dun xeito moi tarantiniano a mirada de Compromiso por Galicia sobre o debate do pasado 8 de outubro entre Feijoo e Pachi Vázquez. Primeiro foron 3 vídeos por separado e despois xuntáronos neste só, nun interesante exercicio de remestura e reciclaxe. Ademais CxG tamén fixo o seu spot televisivo, que non está mal pero que non é moi diferente á linguaxe audiovisual que manexan os outros partidos. En canto á bitácora de Bascuas, non somos moitos os que a seguimos a xulgar polo número de visionados que mostran os seus vídeos en Youtube. O traballo que pasa o candidato contando a súa dura xornada de campaña ao final do día debería ter máis difusión nas redes coa axuda dos seus compañeiros e simpatizantes. Por nós que non quede, que somos fans.
-
07
Os discursos de Beiras
Aínda que a Alternativa Galega de Esquerda sacou un par de spots electorais nos que se percebe a carencia de medios (e de bo gusto na escolla de pés e mans como icona electoral), o mellor vehículo que teñen para a súa mensaxe e para atraer votantes é a súa grande icona, Xosé Manuel Beiras. De forma intelixente os mitins que foron abarrotando salóns de actos por todo o país foron gravados, editados e rapidamente subidos para mostrar o mellor activo da campaña, o que se dá en chamar "Beiras en estado puro". Isto é: un orador que lle dá mil voltas ao resto dos candidatos e que é capaz de atraer máis masa xuvenil ca un concerto de rock. De todos xeitos o vídeo que maior impacto causou nesta campaña foi a entrevista que lle fixeron en VíaV o pasado martes, que foi trending topic estatal en Twitter e que seduciu a moita audiencia, seguidores ou non do líder irmandiño. En La Tuerka, programa político do Canal 33 de Madrid, tamén llo recoñeceron. Aquí temos un remix dos seus mellores momentos.
-
08
Política desde a horta
Cos pés na terra tamén se mostran os representantes do Partido da Terra nun vídeo moi sinxelo que é toda unha declaración de intencións. É curioso como a descrición do vídeo en Youtube amosa moitas máis claves para entendelo das que dá o vídeo en si, un plano fixo localizado nunha horta, que ademais está subtitulado para que a espectadora ou espectador medio entendan que se falan así de raro é porque é galego reintegrado na variante oral que algunhas persoas utilizan.
-
09
Política desde a corte
Iván Marrube, o cabeza da lista de Compromiso por Galicia en Lugo, fixo este vídeo visitando unha corte con vacas e arrimándose ben a elas, se cadra demasiado para a fina camisa que leva, pero dando a impresión de que non é a primeira vez que o fai. Agradécese esta imaxe entre tanta obsesión pola Galicia urbana que os publicistas dos partidos nos queren amosar, nun vídeo sinxelo e crible, aínda que a parrafada do final non hai quen a lea enteira. Se cadra nos custaría máis ver o colega de Marrube por Pontevedra, Rafa Cuíña, metido nunha corte, pero de momento non o sabemos porque a verdade é que non vimos a Cuíña en ningún vídeo electoral. Curioso, sendo o candidato máis mediático e un dos máis coñecidos desta formación.
-
10
Catro anos en tres minutos
En realidade son pouco máis de tres anos debido ao adianto das eleccións que decidiu facer Feijoo. As infografías (que tanto lle gustaban á extinta consellería de Cultura de Roberto Varela) son eficaces á hora de resumir e gabarse do goberno realizado (algo que lle custou máis facer ao bipartito en 2009), mais o concepto deste vídeo de última hora deixa en punto de penalti o retruque: sobran tres minutos para contar o que fixo o PP no goberno. Levaría máis tempo contar o que desfixo e, sobre todo, o que pasou de facer.
-
11
O balance contrario
Postos a levar as contas e facer balance do goberno que remata, hainos aínda máis eficientes e contan na metade de tempo (un minuto e medio) o que Feijoo dixo que ía facer e non fixo ou non dixo que ía facer e fixo ou desfixo como quixo. Parece un trabalinguas, pero no vídeo, que oficialmente non vén de ningún partido, está todo moito máis claro, botando tamén da animación textual e de frases moi directas e concisas.
-
12
«Da-lhe Galiza» e a rima consoante de Seioque
Rematamos como empezamos, coa mesma melodía pero coa letra lixeiramente diferente nesta parodia que fixeron as xentes de Seioque: «Dá-lhe, Galiza / umha 'paliza / dá-lhe Galiza / a quem t'esnaquiça / Dá-lhe Galiza / arrea e atiça / (o) 21 fai justiça (...) / Vota, Galiza / Bloque, Syriza / (p)SOE de Páchi / mesmo Cuinha / Vota, Galiza / 'melliza', 'trilliza' / Galiza 'cuatrilliza'». Para que se vexa que hai moitas formas de forzar a rima, con arte e con graza, e que se nota a diferencia cualitativa entre o ridículo e o ridiculismo. A verdade é que a parodia da canción xa estaba tardando en saír.