Praza Pública

Unha ducia de viláns

Son moitos os persoeiros ou colectivos que poden recibir o cualificativo de viláns por parte dunha maioría social. O ano 2013 que agora acaba estivo cheo de decisións ou polémicas que provocaron as queixas de boa parte da sociedade. Velaí van doce, pero podían ser moitos máis.

  1. 01

    O ministro Wert, o impulsor da Lomce

    A Lomce que este 1 de xaneiro entra en vigor, pero que non se aplicará até o curso 2014-15, foi proposta polo Goberno e aprobada polo Parlamento co rexeitamento de toda a oposición, a comunidade educativa e os pais. O pasado 24 de outubro, milleiros de persoas encheiron as rúas e baleiraron as aulas contra unha nova lei educativa impulsada polo ministro Wert, obxectivo principal das críticas por unha norma cualificada de "retrógrada, elitista, clasista e centralista" polos seus opositores, que son todos agás o PP. Un novo ataque á escola pública adoptado unilateralmente pola dereita española.

  2. 02

    Gallardón e a contrarreforma do aborto

    O aborto deixa de ser un dereito e a muller só terá a última palabra en caso de violación. A nova norma aprobada polo Consello de Ministros elimina os prazos para abortar libremente e pide máis requisitos para interromper o embarazo en caso de enfermidade do feto. Un retroceso de máis de 30 anos por obra e graza do ministro de Xustiza, o señor Gallardón, que asume como propia unha contrarreforma que é contestada incluso no seu propio partido e entre sectores da Igrexa. Si ten algún apoio, o do ultradereitista Le Pen ou o dos extremistas católicos son algúns deles.

  3. 03

    Os mercados

    É o gran argumento dos actuais gobernos para levar a cabo axustes, recortes e provocar o empobrecemento da poboación. O obxectivo é "dar confianza aos mercados financeiros". Para facelo, preténdese reducir o déficit e a débeda pública e, para logralo, báixanse salarios para que estes mercados presten cartos a España. Como explica o profesor Vicenç Navarro, son bancos, compañías de seguros e fondos especulativos españois -a burguesía financeira de sempre- os que posúen a metade da débede pública española. A outra metade, bancos, seguros e fondos europeos relacionados co Estado. Xa que logo, estes mercados, que tan afastados parecen, son os de aquí. Os de sempre.

  4. 04

    Facenda e as súas polémicas campañas

    Ao tempo que o Goberno central anunciaba unha amnistía fiscal para os grandes defraudadores, a Axencia Tributaria comezaba unha campaña contra os emigrantes retornados que en Galicia leva recadados uns 4 millóns de euros e que podería afectar a 250.000 persoas no país. Afectados polas multas que se unen aos xuros de demora e declaracións que se lles exixen polas pensións que perciben dos diferentes países nos que traballaron desde 2008, malia que nunca foran advertidos da obrigatoriedade de declarar esas pensións. Multas que chegan a ducias de miles de euros en moitos casos e que provocan a desesperación de milleiros de xubilados.

  5. 05

    Audasa

    Viaxar da Coruña á Vigo pola AP9 custará case 30 céntimos máis en 2014. A peaxe da autoestrada do Atlántico -e a que une Compostela e Lalín- subirá un 1,85% no vindeiro ano, un incremento superior á inflación e que se debe a un antigo pacto entre Fomento e as concesionarias. Audasa continúa gañando cartos e a plataforma Todos contra a suba das peaxes esixe a paralización da suba prevista que se apliquen en Galicia os mesmos descontos aprobados noutras comunidades. Lembran que os incrementos de prezos levan un descenso do número de usuarios.

  6. 06

    Os homófobos

    É un exemplo pero, por desgraza, hai máis. ALEAS-EU denunciou que un profesor da Facultade de Maxisterio da USC imparte dende hai anos contidos homófobos, tanto oralmente coma nos seus manuais, equiparando a homosexualidade coa pederastia ou a zoofilia e sinalando que era "contaxiosa". “Os homosexuais carecen de hombría e non poden educar" ou “a homosexualidade é contaxiosa”. Son algunhas das afirmacións que, segundo os seus alumnos e alumnas remite acotío o profesor da Facultade de Maxisterio da USC Domingo Neira García, que imparte a materia de Didáctica e profesión Docente. Foi advertido, pero o seu discurso non cambiou.

  7. 07

    Navantia, criticada até polo PP

    A falta de carga de traballo nos estaleiros de Navantia en Ferrol é un dos grandes dramas da Galicia actual. Incluso Feijóo e o PP galego se rebelaron contra a empresa estatal, que segue sen garantir un futuro para os traballadores. O propio alcalde de Ferrol, acompañado doutros rexedores da comarca e cargos públicos da zona, manifestouse ante a sede da SEPI en Madrid. Un 'escrache' que aínda non tivo efecto.

  8. 08

    Algúns axentes da autoridade

    Non foron poucas as manifestacións que acabaron a paus ou con posteriores denuncias por parte da Delegación do Goberno, inspiradas en informes policiais. As máis polémicas, aquelas que chegaron a varios dos cidadáns que lograron deter o desafiuzamento de Aurelia Rey na Coruña, entre eles concelleiros e o voceiro do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera. Afeccionados do Deportivo, Celta e Obradoiro sufriron tamén en varias ocasións o veto ás bandeiras galegas con estrela, mentres que seareiros branquiazuis sufriron unha dura carga policial tras un partido en Ponferrada.

  9. 09

    A troika

    Ou o que é o mesmo, a Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional, que no contexto dos rescates financeiros impoñen unha política financeira aos estados rescatados. O Goberno e os homes de negro sacan peito agora do final do programa de rescate bancario ao que se someteu España desde hai ano e medio. O próximo xaneiro, España sairá formalmente do rescate, polo menos sobre o papel. Pero ata que se devolva o montante abonado por Europa, 41.300 millóns de euros, o Estado estará sometido a unha vixilancia especial que incluirá dúas misións de supervisión ao ano.

  10. 10

    Boulland e o informe "farsa" das rías

    A Eurocámara consumou hai tan só unhas semanas un informe "farsa" sobre as rías galegas logo de anos esperando. Aprobou un documento benévolo coas administracións sen o acordo de dous dos tres eurodeputados que viaxaron a Galicia e que se negaron a votar e a asinar un texto que cren que "non reflicte a realidade", senón unha "opinión minoritaria" imposta polas presións do PP. A austríaca liberal Angelika Werthmann e a letoa dos Verdes Tatjana Zdanoka rexeitaron  un documento imposto polo presidente da misión que estivo en Galicia, o conservador Boulland, que empezou censurando a actuación de Xunta e Estado para acabar asumindo un texto benévolo e sen críticas importantes.

  11. 11

    Os galegófobos

    Outro exemplo de moitos. Neste caso, o galego foi a escusa para negar unha bolsa de estudo. Foi A Mesa pola Normalización Lingüística quen pediu aos reitores das tres universidades galegas que "tomen cartas no asunto" tras denunciar que a Xunta "non reaccionase" logo de que o Goberno negase unha axuda a unha alumna por adxuntar o seu certificado de estudos na lingua propia. Foi a única que fixo público o caso, pero había moitos alumnos máis afectados. Presentar un certificado oficial en galego non valía. En inglés, si.

  12. 12

    Os 'recortadores'

    A lista aquí é ampla. A Xunta, por exemplo, leva tempo presumindo de que Galicia está "á cabeza de España en políticas sociais" e nega que recortase en sanidade, educación e benestar. Pero nin o Estado cre as palabras de Feijóo. Un informe do Ministerio de Facenda rexeita que a comunidade autónoma sexa exemplo nese ámbito. Houbo axustes nos hospitais, nas escolas, nas axudas sociais... Tantos que sería imposible incluílos todos aquí.