Unha ducia de vodas para recordar
Na fin de semana na que se celebra a voda da herdeira do imperio Inditex, iniciamos esta sección de ducias de cousas cunha ducia de vodas que marcaron dalgún xeito a cultura popular galega, dende as máis históricas ás que recolleu con máis ou menos fortuna o noso audiovisual.
-
01
A voda da princesa de Inditex
Este sábado casa Marta Ortega, a filla pequena de Amancio Ortega e a máis seria candidata a herdar o trono do imperio Inditex. A voda será no pazo de Drozo en Anceis (Cambre), e ao que en principio ía ser unha cousa elegante pero discreta -como caracteriza o estilo da familia- parece que lle vai custar superar o interese mediático de revistas e programas do corazón de dentro e fóra da península. Ata a TVG vai facer un seguimento especial no programa A Solaina, coma se dunha voda real se tratase. En Galicia non temos reino pero somos a capital dun imperio, aínda que o noso tesouro nacional pouco o note.
-
02
A voda de Elisa e Marcela
Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga casaron o 8 de xuño de 1901 na cidade da Coruña, no que foi o primeiro matrimonio homosexual rexistrado en España do que se ten constancia. Para poderen casar Elisa adoptou unha identidade masculina, vestiuse de home e fíxose chamar Mario. O espazo Normal da Universidade da Coruña acolleu este inverno unha exposición sobre a súa historia de amor, que comezou precisamente nese edificio no 1880 cando as dúas estudaban Maxisterio. A cineasta Isabel Coixet prepara unha película de ficción baseada nesta historia.
-
03
A voda póstuma de Inés de Castro
En 1355 a limiá Inés de Castro, namorada do infante Don Pedro, herdeiro da coroa portuguesa, é asasinada polos homes do pai deste, que era o rei Afonso IV de Portugal. Isto destatou a furia (e a revolta) de Don Pedro, que lle arrebatou o trono a seu pai e conseguiu casar con Inés despois de que esta morrera. O mito conta que a cerimonia foi co cadáver dela presente, putrefacto e vestido de noiva, e que así o amor á fin triunfou e Dona Inés conseguiu ser raíña despois de morta.
-
04
A voda de Mariano Rajoy e Elvira Fernández na Toxa
Unha voda na Toxa sempre é unha voda na Toxa, un acontecemento deses que só a alta alcurnia galega se pode permitir. E o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, non podía ser menos como pontevedrés e veraneante de pro nas Rías Baixas. Un sábado de inverno de 1996, a plana maior dun PP recén chegado ao poder reuníase para celebrar a voda do que daquela era o ministro de Administracións Públicas. Tiña 41 anos e a súa esposa 30. É célebre o consello que disque lle dera Manuel Fraga anos antes: "Váyase a Madrid, cásese y aprenda gallego, y ya hablaremos de lo suyo". Coas dúas primeiras cousas chegoulle.
-
05
O concelleiro do PP de Ourense que casou co seu mozo
O enlace do edil ourensán Xosé Araujo e a súa parella Nino Crespo, en abril do 2006, recórdase como a primeira voda homosexual no Estado dun cargo do PP, partido tradicionalmente oposto a que os gais puidesen casar con todos os dereitos de calquera outra parella. Mentres o bispo da súa cidade o consideraba "un grande escándalo", a cerimonia era oficinada na casa consistorial de Ourense polo seu daquela alcalde, Manuel Cabezas, e a ela asistiron Alberto Núñez Feijoo e Xosé Luis Baltar.
-
06
A voda de Papuchi
O xinecólogo ourensán Julio Iglesias Puga casaba aos 87 anos en Florida coa norteamericana Ronna Keit, de 42, e con ela tivo aínda despois dous pequenos. Claro que o dr. Iglesias Puga fora moito antes pai do celebérrimo cantante Julio Iglesias, e protagonista non só de centos de páxinas de revistas do corazón, senón tamén da prensa seria cando nos anos 80 o secuestrou a ETA. Morreu aos 90 anos en 2005 deixando unha vasta prole de sangue ourensá no mundo da farándula internacional.
-
07
Voda, cárcere e fama
Ana María Ríos fíxose famosa no outono do 2006 despois de pasar unha lúa de mel de pesadelo en Cancún, cando a detiveron no aeroporto acusándoa de levar armas. O boureo mediático que se armou foi tal que esta perruqueira de Arcade chegou a saír na portada de Interviu, no programa de Ana Rosa Quintana e ata escribiu un libro coa súa historia que publicou a editorial Biblos en galego. Ata o cantautor de Curtis Edilberto Alonso dedicoulle unha canción.
-
08
Días de voda
Nos anos 90 o cineasta vigués Juan Pinzás acadou a franquía da etiqueta 'Dogma' que iniciara Lars Von Trier, e con ela fixo nada menos que unha triloxía, coas longametraxes Era outra vez, Días de voda e O desenlace. Da segunda é este extracto, rodado no Parador de Baiona, no que casaban os personaxes interpretados por Monti Castiñeiras e Comba Campoy. De convidados, entre outros, Asunción Balaguer, Javier Gurruchaga e Juan Manuel de Prada.
-
09
A 'tradición' das vodas celtas
O druída cedeirés Manuel Aneiros foi dos primeiros en facelas (nesta época, enténdase), e chegou a casar famosos como Karina polo chamado "rito celta". No final do século XX empezaron a porse de moda, canda as diversas festas dedicadas á cultura celta que se celebran no país, como o Lughnasad en Bretoña (Lugo). Aínda que tamén valen para meter no Arde Lucus, e ata se teñen visto nalgunha destas anacrónicas feiras medievais do verán. Empezando xa a ser unha tradición viejuna como a queimada, ten traza de consolidarse como opción para unirse en matrimonio. Ademais, disque estas unións no mundo celta eran só por un ano, co cal non parece un mal negocio. Se os contratos indefinidos camiñan cara á extinción, os matrimoniais tamén deberan.
-
10
A voda de María co xuís de Portozás
Todas as grandes series televisivas de calquera cultura teñen o seu momento culminante na voda dos seus protagonistas. A dos de Mareas vivas bateu marcas de audiencia a comezos deste milenio, e iso que se meteu polo medio unha truculenta historia na que Roberto Vidal Bolaño encarnaba o malo malísimo que secuestraba a filla dunha Isabel Blanco a piques de casar con Luís Tosar. Paga pena ver o capítulo enteiro no arquivo á carta da TVG. O rapaz que sae na cociña con Isabel Blanco é un Martiño Rivas preadolescente que non tiña nin idea de que se convertiría, uns anos máis tarde, en ídolo xuvenil grazas a series estatais como El Internado.
-
11
A voda da carracha
Cousas que poden pasar en vodas galegas, e non só. Neste banquete d'O ano da carracha (Jorge Coira, 2004) a panda protagonista interpretada por Javier Veiga, Félix Gómez, Verónica Sánchez, María Vázquez, Víctor Clavijo e Camila Bossa ponse como quere de percebes e doutros produtos que trae o mar. Haberá tanta abundancia nun casorio de alto standing coma o de Anceis?
-
12
O pacto de goberno do bipartito
Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana uníronse polo civil no pacto de goberno que en 2006 puxo inicio ao bipartito ata marzo de 2009, data en que, en plena crise de non teren moi claro se querían estar xuntos mom como, chegou Alberto Núñez Feijoo e acabou coas ilusións que moitos tiñan depositado neste enlace. E no que os propios contraíntes, tamén ilusoriamente, no fondo confiaban. Quizais demasiado.