Unha ducia de webs especializada galegas
Na rede hai todo. Por haber, mesmo hai algo de porno por aí. Hai moitos xornais e páxinas xeralistas, coma a nosa, que intentan contar un pouco de todo e ofrecer unha visión ampla da actualidade. Pero internet permitiu nos últimos anos que foran abrollando webs e blog persoais ou colectivos que se especializan nunha área moi concreta, e mesmo nunha área moi concreta dunha área moi concreta. En Galicia tamén: páxinas que son unha referencia e que hai que consultar obrigatoriamente que un quere estar ao día do que se move.
-
01
Para o cinema, A cuarta parede
Critica, entrevistas, cobertura de festivais internacionais. De todo e bo hai en A Cuarta Parede, "a primeira revista dixital en galego de critica cinematográfica". Un bo lugar para seguir en tempo real o crecemento do chamado Novo Cinema Galego. Por suposto, sen esquecer outras coma Acto de Primavera ou o noso querido Cinema na Praza
-
02
Código Cero, o diario tecnolóxico de Galicia
Código Cero vai celebrar este ano os seus 12 anos na rede. Novas, gadgets e videoxogos para estar á altura dos early adopters.
-
03
Disquecool: hai hipsters en Galicia?
Disquecool é dende hai anos un dos recunchos máis frescos e orixinais da rede galega: tendencias, cine, teatro, televisión, estilos de vida e libros. Todo cun deseño coidado e buscando todo o que se move na Galicia máis nova e urbana.
-
04
Desconcierto
Hai moita música na rede blogs e webs especializadas pero Desconcierto é xa un medio consolidado, con novas, entrevistas e unha completa axenda. Mesmo chegou a crear a Asociación Desconcierto Cultural para non só ser narrador e para tamén servir de motor da escena musical galega.
-
05
Criticalia
O mesmo que coa música, tamén hai moitos blogs sobre literatura e crítica. Pero postos a destacar un, o Criticalia de Armando Requeixo ben o merece. Non só polas reseñas, senón polos variados espazos que foi incorporando, coma o Parlamento das Letras ou a Tabela dos Libros.
-
06
Paparotas
"Porque comer é só o final da historia". Esta é a frase que se pode ler na cabeceira do blog Diario del Gourmet de Provincias y del Perro Gastrónomo. Aquelas persoas ás que lles gusta a gastronomía, saben ben que comer é toda unha cultura e non só un acto físico. En Galicia temos bos expertos en falar de paparotas, que coñecen e se esforzan en descubrir os mellores restaurantes e produtos. Por exemplo, o Colineta ou a sección que Manuel Gago lle dedica no seu blog e outros moitos espazos adheridos dende hai tempo aos principios recollidos en Código Cociña.
-
07
Todo Basket
O baloncesto vive un bo momento en Galicia. A miudiño connection loita por entrar nos playoff mentres agardamos a que Breogán Ourense ou Leyma Coruña dean un salto adiante. Basket Galicia dá conta de toda a actualidade.
-
08
Todo o fútbol galego
Non todo vai ser Barça ou Madrid. E non todo vai ser Dépor ou Celta. MarcadorGalego ofrece en tempo real todos os goles da Segunda, a Segunda B, a Terceira e mesmo a Preferente e a Primeira Autonómica.
-
09
Xogando en galego
Memoria Pixelada é a revista galega de actualidade sobre videoxogos que realiza un equipo de dez persoas. Memoria Pixelada insirese ademais en Vencello, a primeira rede de blogues temáticos en lingua galega.
-
10
Tamén hai sexo
Na rede tamén hai sexo. E tamén en Galicia. Susanamoo é xa unha veterana: hai anos que abriu o seu espazo de relatos Erotómana, con textos en castelán e en galego. Pasen tamén por A Fervenza do Sur.
-
11
O que che cambia a vida
Se o vello Sinbad tivese fillos é unha "terapia de grupo sobre todas esas pequenas cousas de pequenos que fan que pais e nais nunca deixemos de ser bolseiros". Experiencias e consellos de recomendada lectura para os e as que acaban de chegar a este mundo.
-
12
Con ciencia
Algúns dos blogs máis interesantes que se poden atopar na rede tratan contidos relacioandos coa ciencia. Porque hai moito que contar e porque é un mundo fascinante e seguramente tamén para contrarrestar os outros moitos contidos escasamente fiables que poboan o ciberespazo. Cianuro nas mazás e Circo de bacterias son dous bos exemplos.