Praza Pública

Unha ducia de xardíns no Festival Internacional de Allariz

Allariz é sinónimo de casco vello rehabilitado, de río, de boa gastronomía, de comercio de calidade... E dende hai oito anos, tamén de xardíns. O seu Festival Internacional de Xardíns (FIXA) dedícase neste 2017 á memoria; conexións neuronais trazadas con plantas, troncos que nos levan ao pasado... Dez traballos seleccionados, o gañador do pasado ano e o xardín deseñado por estudantes da vila conforman unha ducia de espazos para se perder, pero a non perder.

Contido patrocinado

  1. 01

    Natureza suspendida

    Parcela 1. Un enorme globo preside este "xardín sensorial" que quere levarnos atrás, cara ao pasado, e á vez facernos flotar entre flores, cores e sons de pisadas. Foi creado por Tamara Deza, Irene García e Daniel Fernández, un equipo creativo formado na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.

  2. 02

    Conecta

    Parcela 2. O sistema neuronal humano inspira este xardín. Formas como cúpulas, bóvedas ou mesmo palacios suxírense nun xardín que pretende ser como a nosa memoria; flexible e adaptada ao tempo. Os seus creadores son os brasileiros Fábio Azevedo e Ananda Prata.

  3. 03

    Fotograma Xilema

    Parcela 3. Dezaseis troncos son os protagonistas deste xardín. Teñen orificios que convidan a ollar cara a adentro e descubrir o seu pasado. Os autores deste "bosque de memorias", salferido de pequenas plantacións, son Miguel Ángel Nava Cuervo e Charo Piñango Muñoz.

  4. 04

    Forget me not

    Parcela 4. Que se sente ao perder a memoria? É a pregunta que sustenta este xardín, un dos espazos do festival que reflexionan sobre a enfermidade do Alzheimer. Un asento como reflexo da memoria existente, perfís de aceiro como memoria que esvae e caixas de memoria perdida estruturan un xardín no que cada visitante pode deixar as súas lembranzas penduradas dunha árbore. Foi creado por Josef Graf, Joanna Jaxa-Chamiec e Paulina Lipka, procedentes de Austria e Polonia.

  5. 05

    Perdido en la memoria

    Parcela 5. Neste xardín atopamos 165 metros cadrados para percorrer os nosos recordos. Subidas, baixadas, curvas... O traballo das mexicanas Fernanda Torres e Natalia Barrera quere convidar á reflexión e á introspección, á busca dunha saída que, unha vez atopada, deixa á persoa que visita o xardín "tranquila e feliz".

  6. 06

    O parque do esquecemento

    Parcela 6. O parque do esquecemento é un labirinto pensado para escarvar na memoria e xerar lembranzas que levar connosco tras a visita. O espazo da cor, con vexetación silvestre do país; o espazo aromático, con arrecendos ben recoñecibles; e o espazo do sabor, con plantas de froito, conforman este parque do esquecemento obra dos lucenses Leticia Álvarez e Pablo Rodríguez.

  7. 07

    Terraformación

    Parcela 7. Este xardín trasládanos ao ano 2168. Tras anos de investigación, a habitabilidade de Marte xa é unha realidade para o ser humano, pero o reto non é menor: cómpre lograr que a vexetación medre no planeta e facelo ademais optimizando a xestión da auga no peculiar clima marciano. Esta é a idea sobre a que traballou José Souto para plasmala en Allariz.

  8. 08

    O xardín da escola

    Parcela 8. Por terceiro ano consecutivo o alumnado do CEIP Padre Feijóo achega os seus deseños ao FIXA. Desta volta imaxinaron o xardín do futuro, o dun futuro no que a natureza e o coidado do medio ambiente están moi presentes.

  9. 09

    Memoria viva

    Parcela 9. Os xogos da infancia son os protagonistas deste xardín, inzado de flores, cores e arrecendos. Quen o observe de lonxe pode pensar que está a observar un cadriño de banda deseñada no que nenas e nenos xogan entre flores e prantas. É obra de Vanda Ferreira Aranha, Florencia Grassi e Leandro Lattes, do Brasil.

  10. 10

    DNA, mother of memory

    Parcela 10. A hélice é a clave deste xardín. Representa o ADN, fundamento básico da vida, que neste xardín forma unha cadea simbólica de información cao memoria. Cada experiencia, real ou imaxinaria, pasa a formar parte de nós, como este espazo cheo de cores froito do traballo de Sebastian Loder, Nina Krajčírová e Jiří Martinek, da República Checa.

  11. 11

    Inside Out

    Parcela 11. O único que queda do noso pasado son as lembranzas, tan intanxibles como reais. Este xardín quere levarnos cara a eles; ten a forma dun caixón, un espazo pechado que pode abrirse cando cómpre. Ese caixón reproduce a forma dun cerebro que se eleva dende o chan e se abre como un labirinto e sebes e gaiolas con pedras suspendidas e fotos cheas de lembranzas. Deseñárono as italianas Ilaria Cellini e Agnese Gibellieri.

  12. 12

    La memoria olvidada

    Parcela 12. Este xardín foi concibido como un espazo terapéutico para persoas con enfermidades cognitivas. Divídese en tres zonas: estimulación perceptiva, que xoga coa memoria visual, olfactiva, táctil e auditiva; o procesamento, con exercicios de memoria lúdica como crebacabezas e un xilófono con sinxelas melodías; e saída de información, unha ´rea de relaxación e imaxinación. Creouno o xardiñeiro e paisaxista Antonio del Buono, de Italia.