Alberto Ramos

Unha ducia de xentes que seguen sendo reis

Que un rei español deixa de ser rei e non vai para El Pudridero de El Escorial é facer trampa. Papas e monarcas dimitindo? Que barbaridade! Que atentado á razón! Ou morren no trono ou morren na guillotina. O resto é adulterado. Por sorte, a día de hoxe, hai reis que seguen a ser reis. Porque abdicar é de tristes.

  1. 01

    Pelé

    Agora que vai comezar o Mundial nun Brasil polémico, cunha evidente conflitividade social que xa vimos hai pouco durante a Copa Confederacións en 2013, o fútbol lembrará quen é o seu rei. Pero todo rei, mesmo os autoproclamados, viven coa guillotina no aire. No fútbol, Maradona, coa man de Deus do seu lado, sempre lle quixo disputar a coroa. Algún outro tamén.

  2. 02

    Burguer King

    A mediados dos anos 50, nos Estados Unidos nacía unha das franquías de comida rápida máis importantes do mundo. Falamos de Burguer King, que nos anos sesenta creou unha rudimentaria mascota para competir co pallaso de McDonalds. Era un rei, coa súa coroa e o seu bo bandullo. Despois, a figura rexia caeu no esquecemento até a década dos 2000. O seu reinado volveu ser breve e rapidamente o fixeron desaparecer. Pero resiste a coroa.

  3. 03

    Reyes Leis

    No Game of thrones que é o Concello de Santiago dende que Conde Roa, o Breve, conseguira a alcaldía, caeron polo camiño unha morea de cargos políticos. Da lista inicial presentada polo PP en 2011, só resisten dous. O alcalde, Ángel Curras, e a tenente de alcalde, Reyes Leis. Malia ser incapaz de distinguir a Torre da Berenguela –sendo concelleira de Turismo-, Reyes Leis reina no concello como segunda de a bordo, con ducias de competencias e sen ningunha imputación. Isto último, todo un mérito para os populares composteláns.

  4. 04

    Os da baralla

    Nin o de bastos nin o de espadas nin o de ouros. Tampouco o de copas. Ningún deles abdicou e deixou a coroa. E levan moitos máis anos que Juan Carlos I, a quen -imaxino- lle pesan máis as copas e os ouros cós monarcas dos naipes.

  5. 05

    Elvis

    O Rei do Rock. Non hai moito máis que dicir. Morrería, pero nunca abdicou. E case ninguén lle cuestiona o título. Elvis xamais abandonará o edificio.

  6. 06

    'O rei das tartas'

    Na terra de Cunqueiro, aló onde o escritor imaxinou aos merlíns e aos arturos, hai un rei para todas as tortas. Na súa páxina web, explícase que a mediados dos cincuenta o mestre reposteiro don Carlos Folgueira, autoproclamado “O Rei das Tartas” deseñou e creou a súa famosa Torta de Mondoñedo. Non é o único rei na repostería, hai moitas coroas e todas suculentas.

  7. 07

    Isabel II

    E a súa maxestade laiábase nos noventa sobre o annus horribilis da Casa Real Británica. Queixábase de vicio, podemos pensar se comparamos aquela época co que tal viven os Borbóns nestes tempos. Isabel II, cabeza da familia dos Windsor, leva seis décadas no trono. O resto de reis da súa xeración están mortos, os da seguinte -á que debería pertencer o seu fillo- estanse a xubilar e ela segue alí, en Buckingham Palace.

  8. 08

    Raíña de Corazóns

    “Que lle corten a cabeza!” Esa é a gran frase desta personaxe de Carroll que Dysney e Tim Burton popularizaron na gran pantalla. Unha raíña tola, con mal xenio, opresora... É dicir, unha auténtica monarca. Das de antes, das de sempre; non sucedáneos baratos formados nas universidades americanas, con mestrados en relacións internacionais e esposas da plebe.

  9. 09

    'El Rey del Pollo frito'

    Ramoncín, cando aínda era cantante, saltou á fama cun disco na que se incluía a famosa canción El Rey del Pollo Frito, crítica feroz cara a un suposto alto dirixente discográfico sen ningún tipo de escrúpulo. O alcume quedou para o cantante. Ramoncín na canción non falaba sobre el, pero ao final...  coas súas posturas no tema dos dereitos e da SGAE...  algo de polo fritido si que tiña. E ten.

  10. 10

    Rei Lagarto

    O alcume a Jim Morrison caeulle grazas á letra dun poema propio: The Celebration of the Lizard. “Son o rei lagarto, podo facer o que me pete”, proclamábase na letra. Así naceu un apelativo para un cantante de lendas e enigmas que din que morreu en París, onde está soterrado. Pero outros moitos, amantes do reverso escuro do rock e da conspiranoia, aseguran que segue entre nós.

  11. 11

    A raíña da noite

    Mozart púxolle voz para A frauta máxica. Personaxe escura, malvada, pérfida... Trazos verdadeiros dun rei ou dunha raíña. A Raíña da Noite interpreta dúas arias na obra, pero a máis famosa é esta Der Hölle Rache.

  12. 12

    'Sigo siendo el rey'

    José Alfredo Jiménez escribiu unha das grandes letras da música mexicana. Quen non a cantou algunha vez? Mesmo o Borbón -que encaixa moi ben no seu ton canalla- pode facelo despois da abdicación: “Hago siempre lo que quiero. No tengo trono ni reina ni nadie que me comprenda, pero sigo siendo el Rey.”