Unha ducia de xornais galegos desaparecidos
Esta semana celebrouse o Día internacional da Liberdade de Prensa. Hoxe contamos en Galicia cun gran número de cabeceiras escritas, tanto dixitais como impresas. Porén, nos dous últimos séculos foron moitas as que desapareceron. Algúns destes títulos tiveron unha existencia efémera e outros estiveron varias décadas en activo. Facemos nesta ducia un repaso por algunhas delas
-
01
El Catón Compostelano (1800)
A lista ten que comezar, obrigatoriamente, por El Catón Compostelano, o primeiro xornal periódico de Galicia, publicado por primeira vez o 1 de maio de 1800 en Santiago. Saía todas as semanas, cun formato de discurso e tivo unha existencia de seis meses. Pouco despois, en 1808, aparecerían outros -Diario de La Coruña, Diario de Santiago-, ligados á mobilización social motivada pola invasión francesa.
-
02
La Oliva (1856-73)
Este xornal vigués, subtitulado Periódico de política, literatura e intereses materiales, apareceu o 2 de febreiro de 1856. Tiña unha periodicidade bisemanal, e estaba vencellado aos sectores máis rexionalistas do Partido Progresista. Contou con Manuel Murguía como director literario e nel publicaron Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre ou Alfredo Brañas.
-
03
El Noroeste (1896-1934) / El Orzán (1918-32)
El Orzán apareceu o 1 de febreiro de 1918, formado por antigos redactores de El Noroeste, era un xornal de información local de tendencia monárquica e conservadora
-
04
El Pueblo (1914-32) / El País (1932-36)
-
05
Nós (1920-36)
A revista Nós, publicada en galego, apareceu o 30 de outubro de 1920 en Ourense, impulsada e dirixida por Vicente Risco e con Castelao como responsable artístico.
-
06
La Zarpa (1921-36)
La Zarpa foi un diario agrarista que se publicou en Ourense entre 1921 e 1936, fundado polo crego e xornalista Basilio Álvarez e que contou, entre outros directores, por Roberto Blanco Torres.
-
07
Galicia. Diario de Vigo (1922-1926)
Este xornal galeguista, dirixido por Valentín Paz Andrade, tivo entre os seus colaboradores a Antón Villar Ponte, Ramón Villar Ponte, Vicente Risco, Xaime Quintanilla, Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Rafael Dieste ou Castelao.
-
08
El Pueblo Gallego (1924-79)
Apareceu o 27 de xaneiro de 1924 e o seu primeiro director foi Ramón Fernández Mato. En 1927 foi adquirido por Manuel Portela Valladares, que pasou tamén a dirixilo. Neses anos El Pueblo Gallego chegou a tirar 30 mil exemplares diarios. Carlos Maside era o director artístico e entre os colaboradores e redactores aparecen Roberto Blanco Torres, Xulio Sigüenza, Felipe Fernández Armesto, Luís Amado Carballo ou Ánxel Fole.
Foi incautado o 31 de xullo de 1936 polas autoridades militares e pasou a formar parte da Cadena de Prensa del Movimiento. Recuperada a democracia, o Estado decidiu desfacerse da Cadena de Prensa del Movimiento, vendendo algunhas cabeceiras e deixando desaparecer outras, coma o xornal vigués.
-
09
Céltiga (1924-32)
Céltiga foi unha revista que se editou en Buenos Aires entre 1924 e 1932. Subtitulada Revista Gallega de arte, crítica, literatura y actualidades, tivo como directores literarios a Eduardo Blanco Amor e Ramón Suárez Picallo.
-
10
El Compostela (1920-46) / La Noche (1946-68)
La Noche, subtitulado Único diario de la tarde en Galicia, apareceu o 1 de febreiro de 1946, substituíndo a El Compostelano e continuando a súa numeración. Foi dirixido, entre outros, por Raimundo García Domínguez (Borobó) e contou entre 1949 e 1960 cun suplemento semanal literario e económico coordinado por Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto e de tendencia galeguista. En 1967, El Correo Gallego e La Noche (ambos pertencían á Editorial Compostela) fusionáronse nun só periódico.
-
11
Teima (1976-77)
Teima, subtitulada Revista galega de información xeral, foi unha revista semanal que se publicou entre 1976 e 1977. Editada pola Sociedade Galega de Publicacións, da que Afonso Ribas Fraga era xerente, o director foi Ánxel Vence e entre os seus colaboradores estaban Víctor Fernández Freixanes, Manuel Rivas, Xavier Navaza, Pepe Carreiro, Xaquín Marín e Xurxo Lobato.
Entre 1980 e 1981 publicouse a revista mensual Man Común, dirixida por José Antonio Gaciño
-
12
A Nosa Terra (1916-36, 1977-2011)
A Nosa Terra, editada integramente en galego, foi o voceiro das Irmandades da Fala (1916-1932) e do Partido Galeguista (1932-1936). Tivo unha segunda vida editada pola Irmandade Galega de Buenos Aires entre 1942 e 1972.
En 1977 a cabeceira regresou como semanario, dirixido por Margarita Ledo, contando nos anos seguintes con Xosefina López Corral, Alfonso Eiré e Manuel Veiga como directores. En 2010 a empresa editora, Promocións Culturais Galegas SA, anunciou a suspensión de pagamentos e o peche do semanario en papel e ao ano seguinte o peche tamén da súa edición dixital.
-
13
Diario de Galicia (1988-89)
O primeiro número apareceu o 12 de marzo de 1988 e a cabeceira desapareceu o 4 de febreiro de 1989. O que inicialmente ía ser o seu director, Segundo Mariño, foi substituído por Xosé Antón Gaciño, que ao cabo de seis meses deu paso a Antonio Ojea. Malia a súa curta vida tivo unha forte repercusión na escenario da prensa galega.
Hai uns anos publicamos esta entrevista con Denís Fernández Méndez, que analizou na sua tese de doutoramento a xestión xornalística e económica, o discurso e os motivos do peche do Diario de Galicia
-
14
As desaparicións máis recentes
Nos últimos anos, sobre todo no bienio 2010-2011 foron varias as cabeceiras que deixaron de publicarse. Entre elas Galicia Hoxe (1994-2011), primeiro xornal diario editado en galego. Vieiros (1996-2010), decano da prensa dixital en Galicia e un dos pioneiros da rede en todo o Estado. Ou o tamén diario Xornal de Galicia (2008-2011)