28 de xaneiro: nova data para os floteis, aínda con fíos que atar

Plataforma petroleira de Pemex © Pemex

Do 18 de setembro ao 27 de novembro, e de ali ao 6 de decembro, de novo até o 30 de nadal e, agora outravolta, até o 28 de xaneiro. A resolución do concurso para a adxudicación dos contratos de construción dos dous floteis para Pemex foi adiada onte por cuarta vez e a empresa sinala que até esa data "seguirá avaliando as distintas propostas". Barreras e Navantia compiten con outras oito ofertas (Posh Semco, Servicios Marítimos de Campeche, Grupo Eyva, Transportación Marítima Mexicana, Técnicas Marítimas Avanzadas, Mexiship Ocean, Cotemar, Tecnologías Relacionadas con Energía y Servicios Especializados e Dragados Offshore).

"Debido a la imposibilidad del Área Convocante de emitir en tiempo y forma el fallo en esta fecha". A comunicación realizada por Pemex emprega a fórmula habitual, e limítase a indicar que o comité que se encarga de analizar as ofertas presentadas “seguirá avaliando as propostas”. A prensa mexicana e os medios económicos especializados apuntan a que os estaleiros galegos seguen sendo os favoritos para facerse coa licitación, pero sinalan de novo a complexidade dun proceso no que conta moito o malestar provocado en México pola posible adxudicación destes contratos a empresas extranxeiras e tamén o conflito interno que aínda se vive en Repsol.

Cando Repsol aceptou a oferta arxentina pola expropiación de YPF pareceu que a concesión dos floteis quedaba desbloqueada (a través da compra de Barreras por Pemex), porén, como indica algún xornal económico, a falta de avances nas pretensións de Pemex de xogar un papel máis activo na xestión de Repsol estaría provocando este adiamento na decisión sobre os floteis. 

A falta de avances nas pretensións de Pemex de xogar un papel máis activo na xestión de Repsol estaría provocando este adiamento na decisión sobre os floteis

Outra das explicacións que este martes se baralla para este novo aprazamento pasa pola necesidade de blindar o proceso a futuras reclamacións daquelas empresas que non resulten gañadoras do concurso. A este respecto, Antonio Carrera, columnista do diario Por Esto! en temas da industria petroleira mexincana sinalaba hai unhas horas en twitter que o aprazamento "é normal pois todos os licitantes deben saír conformes para evitar algunha inconformidade legal" e concluía que "o tempo de espera será para ben das firmas españolas" e que "Pemex ten un talón de Aquiles que se chama corrupción".

Outros expertos subliñan que "Galicia ten asegurada unha carga de traballo nas súas gradas por conduto de Pemex Petróleos Mexicanos, porén estes contratos gradualmente deben afinarse nos seus compoñentes de contido nacional para impulsar o desenvolvemento e articulación dunha cadea produtiva que xere competitividade e atraia inverstimentos en México".

Outra das explicacións que este martes se baralla para este novo aprazamento pasa pola necesidade de blindar o proceso a futuras reclamacións daquelas empresas que non resulten gañadoras do concurso

En Barreras, controlado por Pemex despois da compra do 51% do seu capital, hai confianza en que un dos dous floteis prometidos será construído nas súas gradas. En Navantia-Ferrol, pola contra, sen carga de traballo neste momento, aumenta o nerviosismo e este mesmo luns o presidente do Comité de Empresa, Ignacio Naveiras, cualificó o aprazamento de "revés" e "vergoña". Pola súa banda, a patronal da industria metalúrxica galega, Asime, limítase a pedir "tranquilidade e optimismo" mentres se agarda polo fallo. Ademais, separa claramente a situación dos dous estaleiros, sinalando que Barreras conta "con carga de traballo para varios anos" tras a entrada de Pemex no seu accionariado, mentres que no caso de Navantia-Ferrol, Asime recoñece que a súa situación sería "crítica" no caso de non recibir este encargo.

Plataforma petroleira de Pemex © Pemex

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.