300.000 euros públicos máis para a minaría "sen ánimo de lucro"

Veciñanza contraria á mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

O pasado verán a Xunta botaba a andar unha liña de axudas destinadas a "reforzar o desenvolvemento da eficiencia da minaría galega" e que tiña como destinatarias entidades "sen ánimo de lucro". Aquela achega de 800.000 euros encheu de receos os colectivos contrarios a proxectos como a mina de Corcoesto os cales, ao tempo que puñan en dúbida a propia ausencia de ánimo de lucro, observaban nos subsidios unha vía para facilitar dende o Goberno a posta en marcha de novas explotacións mineiras. Menos dun ano despois o Consello da Xunta vén de autorizar unha nova orde de axudas destinada, de novo, ás "entidades sen ánimo de lucro que traballan a prol do sector mineiro galego".

"Non son empresas, son asociacións", xustificou ante a prensa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para evitar concretar se estas subvencións favorecerán algún dos proxectos mineiros en marcha na actualidade. Segundo a información oficial, a nova convocatoria, dotada con 300.000 euros, chegará a financiar un 80% "do total do investimento das iniciativas que se aproben". Esa porcentaxe incrementará ata o 90% "para os proxectos que se desenvolvan ou implanten nas provincias de Lugo e Ourense ou nos concellos de Ferrolterra e da Costa da Morte", áreas nas que se emprazan, por exemplo, proxectos como os de Corcoesto, A Fonsagrada, as Fragas do Eume ou Xinzo de Limia. Trátase, segundo o Goberno, de "contribuír á dinamización económica e ao reequilibrio territorial".

A Xunta gábase de que Galicia "sexa xa a día de hoxe unha potencia mineira"

"As entidades que resulten beneficiadas", explica a Xunta, "poderán acceder a pagamentos anticipados de ata o 25% do apoio concedido en cada actuación, facilitando así o seu financiamento". Pero, cales son estas entidades? "Asociacións ou centros tecnolóxicos do sector, entre outros", isto é, organismos que formalmente non son empresas pero que están impulsados ou destinan a elas o seu labor. Este, sinala o Executivo, é un paso maís na "estratexia que está a desenvolver a Consellería de Economía e industria no impulso dunha minaría dinamizadora da economía" que, segundo a información oficial, é tameń "segura nos contornos en que se desenvolva, sustentable ambientalmente, innovadora e xeradora de postos de traballo de calidade".

Neste contexto, a Xunta atribúese o mérito de que Galicia "sexa xa a día de hoxe unha potencia mineira a nivel estatal, que dá traballo a máis de 7.000 persoas e supón máis do 1,2% do PIB da comunidade". Todo isto, asegura, conśeguese a través da posta "en valor de xeito sostible os importantes recursos naturais con que conta" o país. Estas axudas lánzanse mentres numerosas entidades chaman a participar na manifestación que, o vindeiro día 2, rexeitará en Compostela "a expansión da megaminaría salvaxe".

Feijóo comparece ante a prensa tras un Consello © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.