700 mil persoas viven en Galicia en risco de pobreza, que crece nas idades de 30 a 44 anos

EAPN-España advirte de que “hai un novo pobre que fai cola no supermercado, non é só o que pide na rúa” CC-BY Gonmi

Este martes 17 de outubro é o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. A Rede Galega Contra a Pobreza (EAPN Galicia) presentou este luns o informe O estado da pobreza en Galicia, que recolle recolle datos das axencias oficiais de estatística Eurostat, Instituto Nacional de Estatística e Instituto Galego de Estatística, ademais de cifras do Ministerio de Emprego e Seguridade Social. En 2016 case 700.000 persoas vivían en Galicia en risco de pobreza ou exclusión social, máis da cuarta parte da poboación (25,4%). O dato é lixeiramente mellor que o de 2015 (25,7%) e sitúase algo por debaixo da media española (27,9%). Galicia é a sétima comunidade autónoma cunha maior porcentaxe de poboación pobre. EAPN-Galicia destaca que "a recuperación económica non está chegando de xeito decidido ás persoas máis vulnerables"

No 2016, un 19% da poboación galega estaba en situación de pobreza (516.000 persoas), con ingresos mensuais inferiores a 684€/mes. Ademais, os datos indican que se mantén case inalterable a porcentaxe da poboación con Carencia Material Severa, que chega ao 4,1% (4,2% no 2015), o que supón 111.460 persoas en Galicia. EAPN-Galicia conclúe tamén que, se ben hai menos persoas pobres, as que quedan están peor. Esta circunstancia é medida a través do indicador de brecha da pobreza, que amosa a intensidade da pobreza e canto lles falta ás persoas sen recursos para saír da súa situación, é dicir, a diferenza entre a súa renda neta e o limiar da pobreza. Esta brecha é en Galicia do 26,8%, cifra superior en 6,9 puntos porcentuais á que existía no ano 2008 "e que denota o empeoramento das condicións de vida da poboación pobre neste período" , destaca a entidade.

A taxa máis alta de pobreza en Galicia dáse na mocidade entre 16 e 29 anos

Chama a atención a consolidación de determinados perfís de pobreza, algúns deles relativamente novos, que incrementaron a súa importancia ao longo da crise. Un deles é o das persoas novas. A taxa máis alta de pobreza en Galicia dáse na mocidade entre 16 e 29 anos, en idade de incorporación ao mercado laboral. Aínda que se produciu unha baixada na cifra de 3,8 puntos porcentuais, segue sendo do 34%. "Este dato indica probablemente que as medidas de inserción laboral dirixidas a este colectivo, como pode ser o Sistema de Garantía Xuvenil, non están a funcionar como deberían", destaca EAPN. De igual xeito, no 2016 en Galicia a taxa diminúe en todos os treitos de idade, agás o de 30 a 44 anos, que pasa do 22,4% no 2015 ao 25,6% no 2016. É o quinto ano consecutivo de ascenso neste franxa de idade, que en 2011 se situaba apenas no 15,7%.

O 62,7% das pensións que se distribúen en Galicia, teñen un importe inferior ao limiar da pobreza

Aínda que a situación das persoas maiores de 65 anos non foi a que máis empeorou durante a crise, EAPN-Galicia advirte de que o 62,7% das pensións que se distribúen en Galicia, teñen un importe inferior ao limiar da pobreza. Delas, ademais, unhas 123.000, que supoñen o 16,3% do total de pensións teñen un importe por debaixo do limiar de pobreza severa. Nas de viuvedade, percibidas maioritariamente por mulleres, as porcentaxes son do 80,7% e 30,2%.

Así mesmo, aínda que non se dispón do dato específico en Galicia, no conxunto do Estado é moi relevante o aumento da taxa en risco de pobreza ou exclusión nos chamados fogares monoparentais, que se sitúa no 53,3% no 2016 fronte a un 50,1% no ano anterior. Estes fogares están formados por un adulto (nun 80% dos casos unha muller) e varios fillos. EAPN-Galicia sinala que "o acordo do Parlamento para que a Xunta aprobe un plan específico de medidas para este colectivo é especialmente urxente".

 

Traballadores e traballadoras pobres

Juan Carlos Llano, autor do informe estatal, salienta que “existe un novo pobre que fai cola no supermercado, e non só o que pide na rúa"

O informe revela tamén que no conxunto de España a taxa de traballadores e traballadoras pobres (que non superan o limiar da pobreza a pesar de ter un emprego remunerado) pasou de 14,8% en 2015 a 14,1% en 2016. Un leve descenso que consolida esta nova realidade que foi gañando en importancia ao longo da crise económica. Juan Carlos Llano, autor do informe estatal, salienta que “existe un novo pobre que fai cola no supermercado, e non só o que pide na rúa".

"As persoas pobres son as primeiras en recibir o impacto e as últimas en recibir as supostas bondades da recuperación", di Carlos Susías (EAPN-España)

"É preocupante que as persoas en situación de pobreza, que foron as primeiras en notar o impacto da crise cando aínda non se recoñecía que esta existía, sexan as últimas en notar a recuperación da que estamos a falar agora. É dicir, son as primeiras en recibir o impacto e as últimas en recibir as supostas bondades da recuperación", sinalou pola súa banda Carlos Susías, presidente de EAPN España. Susías concluíu que "é necesario tomar medidas para que a situación de pobreza sexa revertida, así como ter políticas sociais e unha estratexia firme e xeral co obxectivo de erradicar a pobreza”.

 

Taxa AROPE por treitos de idade en Galicia © EAPN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.