A antiga cúpula do Banco Pastor, imputada por fraude e estafa

José María Arias Mosquera, presidente de Banco Pastor © Banco Pastor

Outra vaca no millo. A antiga cúpula do Banco Pastor vén de ser imputada por fraude e estafa. O ex presidente do consello de administración da entidade, José María Arias Mosquera, e o antigo conselleiro delegado Jorge Gost Gijón, foron imputados por presuntos delitos de administración fraudulenta, falsidade en documento mercantil, societario e estafa. É o xulgado de instrución número 3 da Coruña o que se encarga dunha investigación que vén de lonxe, pero que inclúe este martes a citación para a ambos os dous directivos, que deberán prestar declaración e responder ante a querela criminal que interpuxo un pequeno accionista.

Arias Mosquera e Jorge Gost son acusados de presuntos delitos societarios, de falsidade documental, estafa e administración fraudulente

Os feitos denunciados terían acontecido entre os exercicios 2008 e 2010, xusto cando o banco comezou a súa actividade inmobiliaria. Segundo a querela presentada, "as contas da sociedade eran falseadas mediante unha trama financeira articulada con sociedades das que o propio Banco Pastor era propietario". Para reforzar a demanda, acompáñanse dous informes económicos nos que se pretende demostrar que a entidade ocultaba nos seus balances as perdas de sete empresas inmobiliarias creadas polo mesmo banco. As sociedades non ingresaban cartos coa súa actividade, pero si debían pagar intereses dos créditos hipotecarios que lle outorgara o Pastor. Esa sería a fórmula, segundo o querelante.

O Pastor tería creado unha trama con sociedades propias para ocultar as súas perdas e a súa situación de "quebra legal"

O denunciante asegura que se o banco tivese rexistrado as perdas en 2009, estaría en "quebra legal". Naquel ano as devanditas perdas ascendían a 1.325 millóns pero a súa valoración era de cero euros. A operación intentaba aparentar a solvencia dunha entidade que estaría en quebra pero que, porén, lanzaba preferentes e accións para ser subscritas as emisións por pequenos clientes minoristas.

O ex presidente do Banco Pastor foi citado a declarar este martes ás 10 da mañá, mentres que o antigo conselleiro delegado non foi citado aínda, segundo asegura o TSXG, que tamén aclara que o xulgado de instrución número 3 inhibiuse nun primeiro momento a favor da Audiencia Nacional, quen rexeitou esta inhibición, o que provocou que o caso se instrúa agora na Coruña.

Esta imputación de máis directivos do extinto sistema financeiro galego chega poucos días despois de que se confirmase que os dirixentes das antigas caixas galegas terán que responder ante a Xustiza polas súas millonarias indemnizacións.

 

José María Arias Mosquera, presidente de Banco Pastor © Banco Pastor

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.