A Audiencia Nacional admite a trámite a impugnación do ERE de Paradores

Mobilización dos traballadores diante do Hostal CC-BY-SA Praza Pública

CUT e CGT veñen de ver admitidas as súas demandas de impugnación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de Paradores de Turismo de España SA, empresa á que pertence o Hostal dos Reis Católicos. Unha demanda á que á CIG se adhire e cuxa vista xudicial se celebrará na sede da Audiencia Nacional o vindeiro martes 2 de abril. Para as centrais sindicais demandantes o xuízo non só decidirá sobre o fondo dun ERE que cualifican de "ilexítimo e vulnerador de dereitos por excluír de facto ao centro de Compostela", con Convenio Colectivo e Comité de Empresa propio, senón que se deliberará tamén sobre o dereito das centrais sindicais minoritarias con representación a participar en plena igualdade e con todas as garantías representativas das negociacións colectivas e na defensa dos intereses da súa filiación.

As centrais demandantes, CUT e CGT, consideran que a decisión "pon de relevo que a lexislación laboral discrimina ás centrais minoritarias nas negociacións colectivas"

Para a CUT, o impedimento formal á participación das centrais sindicais minoritarias en negociacións como a de Paradores "mina a súa capacidade para poder exercer o mandato dos traballadores e traballadoras que optan por artellar a súa voz a través dun sindicalismo de base, combativo e non pactista, permitíndolles ás empresas negociar coas grandes centrais sindicais despedimentos e degradacións laborais sobre as que nunca acadaría acordo co sindicalismo alternativo". Para a CUT, resulta "especialmente grave esta discriminación" posto que Paradores é unha empresa pública e detrás deste artificio negocial está directamente implicado o Ministerio de Industria e o conxunto do Goberno español.

As dúas centrais sindicais advirten de que neste proceso "está en xogo a liberdade sindical e os principios de igualdade e non discriminación entre sindicatos" e que "só un fallo positivo pode garantir que os traballadores e traballadoras que elixen ao sindicalismo de base e asembleario para os seus Comités de Empresa poidan verse representadas con todas as garantías e con toda a forza legal nas negociacións colectivas que máis lles afectan".

Mobilización dos traballadores diante do Hostal CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.