O regulador considerou que as empresas chegaron a acordos ilegais para controla o mercado dos libros de texto, pero a xustiza anula a sanción por caducidade do procedemento por sen entrar no fondo da cuestión
A Audiencia Nacional vén de anular, en varias sentenzas con data do 9 de maio, o procedemento polo que a Comisión Nacional do Mercado e a Competencia impuxo en 2019 sancións por máis de 30 millóns de euros por amañar o mercado a 34 editoriais de libros de texto e á Asociación Nacional de Editores de Libros e material de Ensinanza (Anele). O tribunal non entrou no fondo da cuestión senón que anulou o procedemento por un defecto formal, a caducidade do mesmo tras unha corrección de erros formulada por Competencia. Entre as editoriais sancionadas ás que agora se anula a multa están as galegas Xerais, Obradoiro e Xerme.
A sanción de Competencia de 2019, iniciada a partir dunha denuncia da Editorial Vicens Vives, considerou probada a existencia de "unha estratexia dirixida a restrinxir a competencia na prescrición de libros de texto non universitarios por parte dos centros educativos" que permitiu ás editoriais "homoxeneizar as políticas e condicións comerciais no sector, como a entrega de materiais informáticos (canóns de proxección, ordenadores portátiles etc.), para reducir e eliminar aqueles elementos que introducían competencia na prescrición de libros de texto".
As editoriais artellaron o seu proceder a través dunha serie de acordos e prácticas concertadas vinculadas co desenvolvemento e aplicación dun Código de Conduta para as empresas do sector en vigor desde abril de 2012. A pesar de que ese código de conduta xustificouse por un sistema de supostas "boas prácticas", Competencia considerou acreditado "que as entidades que levaron a cabo as condutas facíano cunha finalidade económica e para restrinxir a competencia", e que existían "métodos de castigo ás editoriais que non cumprían cos acordos, aínda que voluntariamente non se adheriron ao Código de conduta".
"Anele enviou cartas a competidores e aos centros educativos, incluíndo ameazas de denuncias. Tamén se realizaron medidas de presión concretas contra Edelvives, ata que se uniu aos acordos, e presentáronse demandas de competencia desleal contra Vicens Vives", a denunciante, segundo Competencia.
Competencia emitiu fóra de prazo unha corrección de erros da súa sanción, resolución que a Audiencia Nacional considera que era "relevante" e "non era unha mera corrección de erros materiais"
Como resultado desa investigación de Competencia, o grupo Santillana recibiu unha sanción de preto de 9 millóns (entre eles 5.000 euros á galega Edicións Obradoiro), Anaya foi multada con 8 millóns (deles, 30.000 euros a Xerais) e SM con máis de 5 millóns (dos que 10.000 euros corresponderon a Xerme Edicións).
Porén, todo ese proceso vén agora de ser anulado pola Audiencia Nacional. O tribunal considera acreditado que Competencia ditou fóra de prazo unha rectificación de erros da resolución coa que impuxo as sancións. Unha corrección coa que pretendía corrixir un "erro material que advertira nunha das táboas que figuraban no expediente e que se refería á 'duración, volume de negocios e participación no mesmo para a infracción en relación co CDC (Código de Conduta)'". Porén, a Audiencia Nacional considera que ese acordo de corrección non só se publicou fóra de prazo senón que tamén modificou "aspectos substanciais da resolución sancionadora" conforme os cales se calcula o importe da sanción, a cota de mercado da empresa ou empresas responsables e a duración da infracción.

O tribunal entende que "a modificación que se fixo é relevante porque afecta o contido da resolución sancionadora, en tanto que incide en dous dos elementos que se toman en conta para calcular a sanción, a duración da infracción e a cota de participación no volume de negocio do mercado afectado". Por iso, conclúe que o acordo "non era unha mera corrección de erros materiais da previa resolución sancionadora, pois se revelaba indispensable para evitar a contradición interna da resolución sobre a duración da conduta, así como sobre a porcentaxe do volume de negocio no mercado do negocio afectado pola infracción, elementos determinantes da imposición da sanción". Por tanto, a caducidade do procedemento determina, segundo a Sala, a nulidade da resolución da CNMC.