Sen complexos. A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) celebra o seu trixésimo aniversario poñéndolle deberes ao Goberno galego. Faino a través dun informe no que a patronal galega sintetiza 140 "propostas contra a crise", cento e medio de medidas que, dende a súa óptica, responden á "responsabilidade" fronte ás dificultades económicas, que senten como "compartida". "Superar esta complexa realidade esixe máximo nivel de esforzo por parte de todos", aseguran no inicio do informe para, a continuación, debullar todo un paquete de medidas que, segundo asegura a CEG, xa está na mesa do presidente da Xunta e que se poderían resumir nunha receita de copagamento, privatizacións e redución de impostos.
En opinión da CEG, que aglutina a "máis de 150.000 empresas", a "prioridade" do Executivo galego non debe ser outra que a "austeridade". Cómpre axustarse aos obxectivos de déficit que veñen marcados dende o Estado e dende Europa e, para iso, din, cómpre sacar a pasear a tesoira "polo lado do gasto corrente" e nunca polo dos impostos, que deben permanecer "estables" e mesmo, cando pase o peor da crise, "rebaixarse" ou directamente "eliminarse", proposta que lanzan por exemplo para o Imposto de Actividades económicas "que hoxe só pagan as sociedades e grupos que facturan máis dun millón de euros ao ano"
Menos servizos e máis privados
Coa baixada de impostos como condimento da receita, o prato da recuperación terá como ingrediente principal, segundo a versión empresarial, na entrada do sector privado ata a cociña da Xunta. Trátase de "evitar o desprazamento do sector privado" a causa do "sobredimensionamento do público" e, para iso, suxiren dúas vías: "maior participación, a través de concesións, para que o sector privado realice servizos públicos" e estender o uso das fórmulas de colaboración público-privada, isto é, métodos de pagamento aprazado que non computan como débeda e que o Goberno galego xa emprega, por exemplo, na construción do hospital de Vigo, onde a xestión será pública pero o edificio, privado.
A CEG recomenda "reflexionar obre a supresión de servizos públicos" ou a "privatización" dalgúns deles
Pero esta entrada das empresas privadas na cousa pública non será dabondo, coidan. Por este motivo, a Administración autonómica quedará aquelada no momento en que a rebarbadora pase polos servizos que actualmente se lle ofrecen aos cidadáns. Así, a CEG recoméndalle a Alberto Núñez Feijóo "reflexionar sobre a supresión de servizos públicos prescindibles ou a privatización daqueles que comporten un custo desproporcionado para as contas pública". Ademais, lanzan unha requintada formulación ao comezo do informe que simplifican ao final. Observan a necesidade de "propoñer a introdución de mecanismos moderadores da demanda, a través da participación dos usuarios, nos servizos públicos conxestionados" na páxina 6 e, na derradeira folla, apostan abertamente por "introducir o copagamento selectivo que faga partícipes aos usuarios da viabilidade do sistema sanitario sen penalizar ás rendas máis baixas".
"Establecer métodos e ferramentas empresariais na xestión de hospitais e centros sanitarios" ou "outorgar liberdade" para que os usuarios da dependencia poidan recibir as prestacións a través de empresas son outros dos piares dunha proposta que só afrouxa a esixencia de contención nun aspecto. A Xunta, malia a todo, afirman, debe "manter o seu esforzo investidor", isto é, o gasto en obra pública.