A centenaria arte do xeito, ameazada polas intencións de Bruxelas

Pancarta a prol do sector xeiteiro no Concello de Rianxo Dominio Público @anamirandapaz

Arredor de trinta armadores do xeito concentráronse este mércores ante o Parlamento galego nunha nova protesta para reclamar que a Unión Europea non prohíba a súa modalidade, unha arte de enmalle á deriva que se emprega nas rías de Galicia -sobre todo na da Arousa- para a captura artesanal de sardiña ou bocareu.

Bruxelas promove a prohibición de calquera tipo de redes á deriva, incluído o xeito, cuxas capturas nada teñen que ver coas masivas doutras artes

A Comisión Europea promove a prohibición de calquera tipo de redes á deriva a partir de xaneiro de 2015 e non inclúe excepcións. Nin tan sequera a do xeito, unha arte sen impacto ambiental nin biolóxico na peixería da sardiña pero que, non obstante, supón unha importante actividade económica para as máis de 420 embarcacións galegas que teñen autorización para esta arte, aínda que é algo máis da metade o número de embarcacións que a levan a cabo ao ano, fundamentalmente na Arousa e en Rianxo.

Os xeiteiros defenden este tipo de arte que ten máis de cen anos de historia e insisten a súa pouca repercusión no TAC da sardiña, xa que as capturas dos barcos galegos, de unha ou dúas persoas, son mínimas. A Federación Galega de Confrarías de Pescadores xa presentou alegacións ao borrador da Comisión Europea, así como un informe ante a Secretaría Xeral do Mar e a Consellería do Mar por unha decisión de Bruxelas que consideran "inxusta" e que, como adoitan lembrar, non ten nada que ver coas capturas masivas realizadas con redes á deriva por parte doutro tipo de barcos. Desta arte dependen, segundo din, 1.200 postos de traballo.

Ao problema que chega de Europa úneselle o peche da peixería da sardiña

Ao problema que lles vén enriba únese ademais o actual, xa que moitas das embarcacións tiveron que amarrar porque a peixería da sardiña pechou o mes pasado ata decembro. Por iso, os xeiteiros reclaman axudas como á frota do cerco, ao ser incluídos no mesmo cupo, ou que lles permitan vovler faenar.

O Goberno central fixo unha petición á Comisión Europea para que non prohíba o xeito e o Parlamento, por unanimidade, aprobou un acordo en apoio da actividade destas embarcacións tras unha iniciativa do BNG, na que se demanda á Xunta medidas ante esta decisión de pechar a peixería da sardiña nas zonas VIIIc e Ixa e que servirá para "reforzar as reivindicacións" en Bruxelas.

Ademais, o BNG vai defender na Comisión de Pesca da Eurocámara deste xoves 16 de outubro que a arte do xeito sexa excluída da prohibición que prevé a UE. “A proposta do Executivo comunitario é horizontal e xeral formulada desde a total ignorancia do que é a arte do xeito e do que representa para a economía de moitas familias”, explica a portavoz do Bloque en Bruxelas e secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, que a través da presentación de emendas defenderá no Parlamento europeo a continuidade desta modalidade de pesca, “que nada ten a ver coas capturas realizadas con redes a deriva doutro tipo de embarcacións”.

“A proposta de Bruxelas é horizontal e xeral formulada desde a total ignorancia do que é a arte do xeito", lembra Ana Miranda

Miranda tamén trasladará aos responsables de Pesca da Comisión Europea os argumentos en contra dunha proposta que confía non afecte finalmente ao xeito, “por racionalidade”, e pide ao Executivo comunitario que antes de lanzar “alegremente” medidas deste tipo, “analice o impacto na realidade do sector”. A europarlamentaria reuniuse este mércores coa eurodeputada relatora do informe de artes de deriva e co presidente da Comisión de Pesca.

O BNG lembra que o xeito "non só ten ameazado o seu futuro polas pretensións da Comisión Europa, senón que se ve afectado pola orde do Goberno central de pechar a peixería da sardiña en España e Portugal, incluíndo no mesmo saco a todos os segmentos de frota". “A orde afecta por igual a todos, esquecendo que hai frotas que capturan toneladas de sardiña e outras, como as do xeito ou do racú, que sobreviven con cantidades mínimas que apenas chegan ás catro caixas por embarcación”, detalla Rodas na iniciativa, tras criticar a actuación do Goberno galego e español, “silenciosos” co tema.

Xuntanza de xeiteiros en Rianxo Dominio Público @anamirandapaz
Pancarta a prol do sector xeiteiro no Concello de Rianxo Dominio Público @anamirandapaz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.