A CIG chama a mobilizarse no 1º de maio "para tirar abaixo este goberno"

Rolda de prensa da CIG este luns CC-BY-SA Praza Pública

“Partido Popular–Unión Europea: menos dereitos, máis pobreza” é o lema escollido pola CIG para este 1º maio no que volverá convocar manifestacións en todas as cidades galega e Vigo será a marcha central. A central nacionalista quere con esta mensaxe sinalar os culpables da actual situación de crise e desemprego e chamar a atención sobre o feito de que si hai alternativas, pero que os gobernos do PP no Estado e en Galicia se negan a aplicar. Como alternativas propuxo un novo sistema fiscal; o incremento do investimento público en servizos e infraestruturas; a creación dunha banca pública e de empresas públicas en sectores estratéxicos como enerxía, telecomunicacións e vivenda; o apoio ao tecido produtivo fronte ao capital especulativo; combater a débeda pública adoptando o BCE outro papel e mellorar os salarios.

"A saída da crise hai que conquistala. Hai que tirar abaixo este goberno, forzar a súa dimisión, e levar ao poder en Galicia e no Estado a forzas que sexan sensibles aos intereses da clase traballadora"

"O goberno están en mans da banca e do capital financeiro, sobre todo dos bancos alemáns", repetiu Suso Seixo este luns e denunciou que “a UE e o goberno español, o Partido Popular, seguen a insistir nas mesmas políticas desde o inicio da crise. Medidas todas elas dirixidas contra a clase traballadora e os sectores máis desfavorecidos da sociedade, que demostran o carácter elitista e burgués do Partido Popular”.

Por ese motivo o secretario xeral da CIG fixo un chamamento a superar o "pesimismo" ao que convida esta situacion e a "acumular forzas" na esquerda para acadar "unha mobilización maior". Para Suso Seixo "a saída da crise hai que conquistala. Hai que tirar abaixo este goberno, forzar a súa dimisión, e levar ao poder en Galicia e no Estado a forzas que sexan sensibles aos intereses da clase traballadora".

Suso Seixo tamén sinalou que "Galiza non está mellor que o resto do Estado"en referencia ao meirande incremento da taxa de paro en Galicia nos últimos anos e á destrución de tecido produtivo en case todos os sectores básicos da economía galega. Seixo denunciou a incerteza que sofre o sector naval ante os inexistentes encargos de Pemex ou do dique flotante, e tamén a situación do agro, da pesca ou do téxtil.

A CIG avoga ademais pola convocatoria dunha folga xeral nos vindeiros meses: "se de nós dependese xa a convocaríamos para finais de maio pero parece que as outras centrais non están polo labor"

A CIG avoga ademais pola convocatoria dunha folga xeral nos vindeiros meses: "se de nós dependese xa a convocaríamos para finais de maio pero parece que as outras centrais non están polo labor". Seixo sinalou asemade que "temos que deixar de facer folgas só cando nos veñen de recortar un dereito"

 

Manifestacións convocadas

  • A Coruña: ás 12:00 horas dende a Praza de Vigo
  • A Estrada: dende a Praza do Concello ás 12.00 horas
  • A Mariña: ás 12:00 horas dende o local da CIG (Avda. Arcadio. Pardiñas, 137)
  • Ferrol: ás 12:00 horas desde a Avda de Esteiro
  • Lugo: ás 12:00 na Ronda da Muralla (a altura do Edificio Sindical)
  • Ourense: dende o Pavillón dos Remedios ás 12.00 horas.
  • Pontevedra: dende a Praza da Ferrería ás 12.00 horas.
  • Ribeira: 12:00 horas, da Praza do Peixe.
  • Santiago: 12:30 horas na Praza Roxa.
  • Vigo: dende o cruce da Doblada con Urzaiz ás 11.30 horas.
  • Vilagarcía: dende a Casa do Mar ás 11.00 horas
Rolda de prensa da CIG este luns CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.