A CIG denuncia a explotación sufrida por traballadores galegos en Inglaterra

Instalacións do parque fotovoltaico, no norte de Inglaterra © CIG

A CIG-Industria denuncia que a empresa Sistemas de Ingeniería Global (Siglobal), actualmente en concurso de acreedores, someteu a trinta traballadores galegos a condicións de explotación laboral durante catro meses nun parque fotovoltaico situado no norte de Inglaterra, realizando labores de subcontrata para Isolux. O sindicato anuncia que porá en coñecemento da Fiscalía "as irregularidades constatadas", entre elas xornadas de máis de 24 horas sen case descanso, ausencia de medidas de seguridade, escaseza de comida e falta de hixiene e dunhas mínimas condicións de habitabilidade das dependencias nas que tiñan que comer e durmir. Ademais os traballadores non cobraron a maior parte do seu soldo.

Para a CIG, o caso desta empresa é "especialmente grave" por tratarse "dunha compañía vinculada a José Carlos Álvarez Fernández", ex profesor de Organización de Empresas da Universidade de Vigo e ex director da Escola de Negocios de Caixanova; "e a Alfonso Caneiro", profesor de Enxeñería Técnica da Universidade de Vigo. E tamén porque a empresa recibiu subvencións públicas por parte da Xunta.

A CIG denuncia xornadas de máis de 24 horas sen case descanso, ausencia de medidas de seguridade, escaseza de comida e falta de hixiene. Ademais os traballadores non cobraron a maior parte do seu soldo

Os operarios galegos tampouco cobraron polo seu traballo, e a empresa fíxolles firmar un documento “sen validez legal ningunha” no que recoñecen unha débeda menor á real. “Eu calculo que a min me deben uns 7000 euros, entre as dietas, as 115 horas extras feitas durante a semana e as 15 de fin de semana que non me pagaron”, sinalou un deles que, de feito, dende o 17 xaneiro que chegou Inglaterra até o 6 de maio que marchou cobrou unicamente 600 euros, “e iso a pesar de que nese tempo tiven só un día libre”. Segundo a CIG, Siglobal escusouse polos impagos denunciando publicamente que Isolux, a empresa que lle subcontratou as obras, lle adebedaba máis dun millón de euros, o que tamén a tería abocado a presentar suspensión de pagos. De feito, a firma utilizou os traballadores para presionar a Isolux e obrigounos a posar para a prensa inglesa na propia obra con faixas denunciando a situación.

Chegan a denunciar situacións de cama quente, na que tiñan que ocupar o mesmo colchón que outros traballadores, por quendas. Tamén indican que a situación doutros operarios, por exemplo os romaneses (en situación ilegal), era moito peor

Sisglobal comezou a contratar os traballadores en Moraña e outros concellos da provincia. Os operarios aceptaron os empregos ante a falta de expectativas de atopar traballo en Galicia, e despois de que lles foran prometidas unhas condicións ben distintas ás que finalmente atoparon. “Cando un sae fóra a buscarse a vida sabe que vai ser duro, pero non agardaba algo así”, sinala un dos afectados, que relata as condicións indignas que sufriron durante meses. "xornadas laborais interminábeis de até 36 horas sen apenas durmir, traslados de xente como se fósemos gando, até 19 nunha furgoneta”. Tamén a escaseza de comida: “En tres meses perdín até 17 quilos. Non podiamos cociñar e tampouco nos pagaban o aloxamento”. De feito, chegan a denunciar situacións de cama quente, na que tiñan que ocupar o mesmo colchón que outros traballadores, por quendas. Tamén indican que a situación doutros operarios, por exemplo os romaneses (en situación ilegal), era moito peor, sendo obrigados estes a durmir amoreados en grandes grupos nun salón, sen cama sequera.

Nalgunhas ocasións, engade o sindicato, "chegaron a pernoctar até 45 persoas nun vestiario con capacidade para 10", onde tamén se comía “e se facía tornillería”. Tampouco había seguridade no traballo. A empresa non lles proporcionaba roupa, nin calzado, “e os cascos de seguridade chegaron cando chegaron...”.

Rolda de prensa ofrecida pola CIG e algúns dos traballadores afectados © CIG
Instalacións do parque fotovoltaico, no norte de Inglaterra © CIG
Instalacións do parque fotovoltaico, no norte de Inglaterra © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.