A CIG denuncia que as privatizacións no INSS provocan erros e vulneran a confidencialidade dos datos

Oficina da Segurida Social © INSS

A CIG denuncia que moitos ourensáns están recibindo avisos de débedas coa Seguridade Social que corresponden a outras persoas. O sindicato culpa do sucedido á empresa Key S.A., coa que en marzo deste ano a Tesourería Xeral da Seguridade Social asinou un contrato de 126.064 euros para externalizar o servizo de emisión, manipulado e depósito en correos de documentos do Ficheiro Xeral de Recadación.

A central nacionalista critica que o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) privatizara algúns servizos "que supoñen un elevado costo para a Administración e que podían seguir facendo os empregados públicos cos actuais medios humanos e técnicos dispoñibles". A CIG cre ver na privaticación un "negocio privado de empresas e amigos do Partido Popular". Ademais do gasto xerado, a CIG denuncia que os erros cometidos "vulneran a garantía de confidencialidade dos datos das persoas".

A CIG acusa ao PP de aproveitar "a actual crise económica para acelerar o desmantelamento dos servizos públicos"

O sindicato denuncia que tamén se privatizou o servizo de envío de vidas laborais e bases de cotización dos afiliados e afiliadas á Seguridade Social, un contrato de cinco meses cun gasto de case tres millóns de euros. A CIG acusa ao PP de aproveitar "a actual crise económica para acelerar o desmantelamento dos servizos públicos cámbianos por outros máis ineficaces e custosos para os cidadáns".

Oficina da Segurida Social © INSS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.