A Executiva Confederal da CIG, reunida este luns, acordou propor a CCOO e UGT a convocatoria de folga xeral para os días 26 ou 27 de setembro. A central nacionalista cre que o anuncio "debería facerse de forma inminente para comezar a traballar xa cun horizonte concreto, convocando novas mobilizacións preparatorias nos meses de agosto e setembro".
A proposta será formal na xuntanza que se celebrará na sede da CIG o vindeiro xoves e na que participarán os secretarios xerais das tres centrais, así como os de organización de Comisións e UGT a nivel estatal. Precisamente, os sindicatos nacionalistas e uns cen colectivos sociais vascos teñen convocada unha folga xeral para o vindeiro 26 de setembro en Euskadi e Navarra.
A CIG lembra que participación nas manifestacións do pasado xoves en Galicia "foi das máis altas do Estado"
Ademais, tras a reunión da Executiva, a CIG considera "altamente positiva" a "masiva participación" nas manifestacións da pasada semana contra os recortes e nas que, por primeira vez desde hai moitos meses, houbo unidade sindical de acción. Para Suso Seixo, secretario xeral da central nacionalista, a participación nas marchas en Galicia "foi das máis altas do Estado" o que “demostra o nivel de sensibilización e de preocupación que hai a nivel social respecto da dureza das medidas e do carácter regresivo" das medidas de axuste do Executivo central.
"Cómpre agora darlle continuidade con novas mobilizacións sociais, ben no ámbito da área pública, ou de carácter xeral, que se irán concretando nos próximos días", reclama a CIG, que proporá a CCOO e UGT un calendario de mobilizacións para os dous próximos meses. . Para iso, a Executiva acordou propor a CCOO e UGT un calendario de mobilizacións durante os meses de agosto e setembro. "Hai que dar un paso máis alá, dado que as medidas de recorte son durísimas e, polo tanto, cómpre responder coa mesma intensidade", insiste o sindicato.
"Hai que dar un paso máis alá porque as medidas de recorte son durísimas e hai que responder coa mesma intensidade"
Na xuntanza deste xoves, a CIG trasladará aos outros sindicatos "a necesidade de anunciar xa a convocatoria dunha folga xeral para os días 26 ou 27 de setembro". “Entendemos que non pode ir máis alá deses días, que non se pode dar máis tempo para anuncialo e que, en todo caso, non pode atrasarse, en todo caso adiantala”, explica Seixo.
A central sindical é partidaria, ademais, de promover un encontro sindical a nivel de Estado para pórse de acordo na data tamén cos sindicatos vascos, que xa anunciaron a convocatoria de folga xeral en Euskal Herria para o día 26 de setembro, “para conseguir a maior participación posíbel”, explica o secretario xeral da CIG, “buscando o apoio de todas as organizacións sindicais e sociais que quixeran sumarse á mesma”.
"Estase a demostrar que as políticas de recorte non serven para deter a especulación dos mercados e só favorecen a banca"
A CIG considera que o que está a pasar nestes momentos demostra “que estas políticas de recorte do investimento público e do gasto público, non só non están servindo para parar a política especulativa dos mercados coa débeda pública senón que están a provocar que se acentúe, favorecendo unicamente os intereses da banca e dos especuladores. Hai que optar por outras que axuden a reactivar a economía e crear emprego”.