A CIG propón unha folga xeral comarcal en Vigo este mes

Manifestación da CIG en Vigo © CIG

A CIG propón unha folga xeral comarcal en Vigo. Logo da confirmación da resolución final do tax lease, que obrigará a devolver parte destas bonificacións, a central nacionalista "chama as restantes organización sindicais e sociais da comarca a mobilizarse contra esta resolución para defender o noso futuro". Segundo asegura nun comunicado, considera que "é o momento de dar una resposta unánime e contundente" e esa debería pasar por un paro total "neste mes de xuño".

"É o momento de dar una resposta unánime e contundente e esa debería pasar por un paro total neste mes de xuño", pide a CIG

Segundo a central nacionalista, a confirmación da devolución das axudas do tax lease "acabará co sector naval na ría de Vigo" e provocará "a destrución de máis de dez mil postos de traballo directos e seis mil indirectos". Así, lembra que durante a paralización do sector nestes dous últimos anos, pecharon xa na comarca 270 empresas relacionados directa ou directamente co sector, e iso sen ter en conta os efectos que esta crise provoca tamén no transporte, o comercio ou a hostelería.

A central nacionalista prevé a destrución de dez mil postos de traballo directos e seis mil indirectos na comarca

"Sen o sector naval esta situación é economicamente irreversible nunha comarca tan relacionada e integrada con esta industria estrutural e histórica. O desemprego, a pobreza e a emigración será o horizonte das presentes e futuras xeracións", advirte a CIG, que cre que "Europa está decidida a pechar o noso sector naval, sen que o Goberno do Estado e a Xunta fixesen nada para impedilo".

"Coñecían as intencións de Bruxelas e non fixeron nada para impedilo. Francia resolveu o seu problema do tax lease en apenas tres semanas cando tiña axudas fiscais maiores que as nosas", denuncia a central nacionalista, que tamén chama a mobilizarse en defensa da industria da comarca o vindeiro día 12 na manifestación que xa está convocada. Precisamente, nese mesmo día, en Ferrol xa está convocado un paro xeral. Os sindicatos uníronse na convocatoria dunha folga na comarca ante a "dramática" situación laboral pola que pasa a cidade e as súas comarcas máis achegadas.

Manifestación da CIG en Vigo © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.